O Concello de Redondela programa para este próximo sábado, 19 de xuño, unha actividade de kaiak pola Enseada de San Simón co obxectivo de “poñer en valor os espazos naturais da rede Natura 2000 e gozar dun espazo único no mundo”.
A actividade consiste na valoración da contorna natural de forma activa, desfrutando e navegando as súas augas, e mostrando todos os valores que posúenos seus ecosistemas. Contempla paradas divulgativas na illa de San Simón, na batea, no illote das Corveiras e no monumento ao Capitán Nemo (tentando observar o bosque de zoostera ou sebe que se atopa nas inmediacións).
A visita contará cun educador ambiental e con monitores de kaiak que se encargarán do control do grupo e de axudalos, ademais de remolcar aos usuarios se fora necesario. Ten un prezo bonificado de 15 euros por persoa, que inclúe o seguro de responsabilidade civil e a póliza de accidentes con especificación de seguro de rescate.
A ruta en kaiak comezará ás 10:00 horas do sábado de 19 de xuño con saída dende o porto de Cesantes. A inscrición pode realizarse na casa do Concello e na oficina de Turismo. Os interesados poden ter máis información en turismo@redondela.gal ou no teléfono 986 40 17 13