O Galician Freaky Film Festival chega un día máis con moito cine e actividades paralelas. Deste xeito, a Sala Overlook, no Hotel Bahía de Vigo, acollerá unha nova xornada disposta a facer pasar un bo rato aos máis freaks da contorna.
Así, o venres ás 12:00 tócalle a quenda a mesa cadrada FFFG, un debate público cos responsables dos catro festivais de referencia de temática fantástica e freak de Galicia: FKM, Festival de Cinema Fantástico da Coruña, Fancine de Lemos, de Monforte de Lemos, Curtas do Imaxinario, de Vilagarcía de Arousa e o Galician Freaky Film Festival, de Vigo.
Doutra banda, tamén terá lugar a Aula CREA, feita en colaboración con CREA, a Asociación Galega de Profesionais da dirección e realización. Nela, Conrado Xalabarder, especialista en música e cine e autor do maior portal de BSO comentadas do mundo ofrecerá un coloquio chamado “As estratexias musicais do terror”.
Ademais, poderase ver a exposición de Paulo Mosca, artista totalmente alleo ás modas e ao politicamente correcto que non deixará a ninguén indiferente e, por suposto, haberá proxeccións para todos os gustos, facendo que os asistentes escachen da risa, pero tamén peguen un brinco na cadeira do susto.
Se por algo destaca esta nova edición do Galician Freaky Film Festival é a posibilidade de ver toda a sección oficial comodamente dende a casa. De feito, as 60 curtas estarán dispoñibles na plataforma de Festhome ata o próximo 8 de novembro.
As proxeccións da terceira xornada
Que carallo é isto
Xa ás 17:30 terá lugar a primeira sesión de curtas, na que se poderán ver obras coma Sh-t happens de Michaela Mihályiova e David Stumpf chegada directamente desde Sundance. O filme céntrase nos absurdos acontecementos que lle suceden a un conserxe esgotado e a súa muller por mor da desesperación. Ademais, tamén destaca Toomas Beneath the Valley of the wild wolves de Chintis Lundgren, curta que se proxectou na sección oficial de Toronto e que narra a historia de Tomas, que pasa de ser un empregado de oficina perfecto a perder o seu traballo e tentar ocultar que agora é fontaneiro e desatoador.
Completan o bloque Two bodies on a beach de Anna Paavilainen, Unkoman de Hikaru Tsukuda e Mega sexy robot dinosaur de Paul Howard Allen.
Humor Freak Vol. II
Despois, ás 19:00 proxectaranse seis curtas do bloque Humor Freak Vol. II entre as que destacan No, I don’t want to dance, da cineasta Andrea Vinciguerra e que aterriza no Galician Freaky Film Festival despois de pasar por Sundance ou a hilarante La silla eléctrica de Joan Martín, onde se narra a peculiar historia de Julio, que pretende facer unha fazaña sen precedentes e non apta para cardíacos.
Ademais, poderanse ver Tienminutengesprek de Jamille Van Wijngaarden, One Left de Sebastian Doringer, Maldita de Juanjo Moscardó e Suso Imbernón, Dinosaurs: The true story de Paul-Louis Aeberhard,
Arrepío
Coma colofón final antes de voltar aos fogares, será a quenda dos arrepíos, sustos e sucesos paranormais. Así, a partir das 20.30 veranse obras coma a galega Baladas de amor e morte, de Iria Ares, que narra unha historia de amor coa morte; No podrás volver nunca, de Mónica Mateo, El Bazar, de Luis Fernández-Jardón; AaMAMÁ, de Miguel Alcalde e Pulsión, de Pedro Casavecchia.