O músico Roi Casal, ex membro de Milladoiro, chega esta fin de semana a Gondomar co seu “Son galego, son cubano”. Trátase dun gran espectáculo musical que mestura as cultura de Galicia e Cuba a través das letras do escritor galego Neiras Vilas, de quen este mes de novembro cumpriranse dous anos do seu pasamento.
Nunha abraiante fusión cultural coa música de Cuba, o espectáculo, que arrancará ás 23:00 no parque da Coelleira de Gondomar, componse dunha selección dos trece temas nos que se recollen os poemas do ilustre escritor galego musicados por Casal.
A aventura que deu neste proxecto comezou xa no 2014, cando despois de ser premiado na Habana, o compositor “camiñou, conversou, observou e quedou namorado da capital” cubana. Dende ese intre púxose a traballar até que a produción discográfica tomou forma e foi publicada no verán do ano 2016.
Despois dunha intensa xira no pasado ano, o equipo do inesgotable Roi Casal percorre este ano novamente Galicia para dar conta da labor dos galegos na Cuba dos séculos XIX e XX. Con ritmos cubanos, Casal explica como foi a vida de artistas, escritores e obreiros.
A relación Cuba e Galicia que se celebra agora nas vilas do país foi especialmente estreita dende a metade do século XIX e até 1930. Non en van, a actual Real Academia Galega ten a súa orixe na Habana coa creación da Sociedade Protectora da Academia Galega, por iniciativa de Manuel Curros Enríquez e Xosé Fontenla Leal. Unha irmandade dos pobos aos dous lados do Atlántico que agora Casal impulsa entrado o século XXI.
Máis música e máis fusión cultural en Gondomar
A música continuará no concello do Val Miñor o domingo, 6 de agosto, ás 23:00 co grupo PA TI NA MA. Formado por Fran Vazquez, Tito Castro e Hugo Chamizo xurdiu co obxectivo de ofrecer unha unión entre a musicalidade galega e a andaluza. No parque da Coelleira interpretarán temas de pop, rock e rumba de fusión cultural entre ambas comunidades.