“Xa non é esa muller sensibleira e romanticona, senón unha intelectual feminista comprometida coa análise da sociedade do seu tempo”. Esa é a premisa fundamental coa que a compañía Teatro Antroido quere representar a escritora por excelencia de Galicia este domingo en Ponteareas.
Durante anos presentóusenos unha imaxe “mármorea e santificada” da máis grande poetisa galega. Pero non é a única. Por iso o espectáculo denomínase “Rosalías”. Segundo o seu director, Roi Vidal, “hai dúas visións en paralelo de Rosalía”. Está por un lado “a máis común que ten a sociedade. Todos sabemos quen é e coñecémola ben, pero entre comiñas. Segue habendo esa imaxe como chorona, nai da patria”. Porén, “Rosalías” pretende achegarnos tamén a outra faciana da poeta galega, a intelectual e feminista.
“Intentamos que estas dúas visións de Rosalía se fusionen. Parte dun proceso de investigación moi profundo e a obra ten unha intención didáctica para que se coñezan os últimos avances na investigación da súa persoa. Por iso ten nome plural: Rosalías. Non hai unha senón que son varias”, explica Vidal.
O espectáculo clasifícase dentro do denominado “teatro documento”, un show non convencional no que se mestura a linguaxe teatral cun aspecto de conferencia. Así, empréganse diferentes fontes documentais, escritos da obra de Rosalía, pero tamén doutras personaxes que conviviron na época para amosar unha imaxe global da súa biografía.
Así mesmo, a obra apoiase tamén na música, tanto en creación contemporáneas, como a adaptación dos seus poemas ao rap elaborada por Aid, como sintonías e melodías da música clásica na época da poeta galega.
“Rosalías”, chega este domingo, 25 de febreiro, ás 19:00 horas, ao Auditorio Reberiano Soutullo de Ponteareas. A obra resucita así a idea de Agasallo de sombras, o espectáculo escrito e dirixido por Roberto Vidal Bolaño e estreado polo Centro Dramático Galego hai 30 anos que acabou por dinamitar a imaxe marmórea e santificada que a sociedade galega tiña da súa escritora máis importante.
Ficha técnica:
- Dirección: Roi Vidal
- Interpretación: Laura Ponte e Roi Vidal
- Duración: 60 min.
- Xénero: conferencia-performática
Actos en conmemoración do aniversario de Rosalía
A concellería de Cultura do Concello de Ponteareas, que dirixe a Hortensia Bautista, homenaxea á escritora galega Rosalía de Castro no día do seu nacemento. Ademais da obra do domingo, o sábado día 24, Día de Rosalía de Castro, terá lugar ás 12 horas a ofrenda floral e descuberta de placa. Ás 20 horas no auditorio municipal celebrarase o festival “Rosalía Musical”, música, poesía e dramatización.