A Feira do Libro chega o xoves, 26 de xullo, ao concello de Ponteareas co listón ben alto. O evento busca repetir o éxito do ano pasado que, nas palabras do alcalde, Xosé Represas, “superou calquera previsión”. Este ano, a feira desenvolverase na Praza Maior entre o devandito 26 de xullo e o domingo, día 29.
A inauguración correrá a cargo da escritora con ADN ponteareán, vigués e monfortino Isabel Blanco. Creadora de aventuras como “As receitas de Rosaura” ou “María Vinyals: un talento rebelde”, será a pregoeira desta edición que comezará cunha actuación musical a cargo de Miguel Alonso a partir das 20:00 horas.
A Feira do Libro de Ponteareas contará coa participación de tres librarías da vila ou a súa contorna –Ledo, Milfollas e Terra- e outras tres de diferentes puntos de Galicia –Pedreira, Lafer e Cortizas-. O horario de apertura das casetas irá de 12:00 a 14:00 e de 18:00 a 22:00 horas.
Entre as actividades, destaca un roteiro guiado pola “Seraogna” de Alfonso Pexegueiro. A visita sairá ás 10.00 horas do domingo, 29 de xullo, da Casa do Concello para percorrer un quilómetro até a casa natal do escritor ponteareán, xunto a ponte medieval do Cabalón. Na visita, na contorna do río Uma, os asistentes desprazaranse até a contorna da infancia de Pexegueiro para comprobar como esta influíu na súa obra.
Entre outras das actividades está a visita de Aladino e a lámpada máxica ou unha xornada de ilustración a cargo da Escola de Arte. Na cita tamén estarán autores como Marta Dacosta, Ramón Nicolas ou o debuxante Quico da Silva porque, nas verbas do xornalista Manrique Fernández, “a ilustración tamén é parte do libro”.
En Ponteareas, a Feira converteuse xa nunha cita indispensable na vila que permite aos libreiros presentarse a un público que habitualmente non visita os seus establecementos. Nas verbas de Nani Regueira, secretaria da Federación de Libreiros de Galicia, a feira permite “achegar o libro á rúa nun momento no que o hábito de lectura está caendo nun sector afectado pola reestruturación”.
Programación da Feira do Libro de Ponteareas
12:00 h. Sinatura de “Gotas de Rocío, copos de neve”, de Finy Sesmonde na caseta de Terra
18:00 h. Presentación infantil de “O cociñeiro Martiño e as cenorias desaparecidas”, de Iago López (Xerais)
18:00 h. Sinatura de “Gotas de Rocío, copos de neve”, de Finy Sesmonde na caseta de Terra
19:00 h. Presentación de “O picoto do pai” polos alumnos do Garaxe Hermético. Participa Kico da Silva
20:00 h. Presentación de “Labirinto ou memoria” de Marta Dacosta, por Caldeirón
Durante a mañá celebraranse diversas actividades infantís.
18:00 h. Presentación de “Rosaura e o mar”, de Isabel Blanco (Belagua).
19:00 h. Presentación do poemario “Desde que somos tijera y papel”, de D’Angelo. Participa o ilustrador Yelko Veiga
20:00 h. Presentación de “Lapis na noite”, de Ramón Nicolás (Xerais).
21:00 h. Presentación de “Poesía (materiais para montar unha escena de cama), de Roi Vidal (Difusora)
Xornada de ilustración a cargo da Escola de Arte
19:00 h. Presentación infantil de “Camiños” de Magín Blanco (Galaxia).
20:00 h. Presentación de “Mirequelledigo” de Manuel da Costa Pardo (Meubook)
21:00 h. Sorteo