A maior feira das industrias culturais de Galicia, a Culturgal, contará este 2019 cun espectáculo exclusivo que achegará de novo aos escenarios a Marful e, á vez, estarán acompañados coa cantante galega e finalista de Operación Triunfo Sabel Ramil. A cita, que se celebrará o sábado, 30 de novembro, no Auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra, promete un show único e cheo de emocións.
Tras seis anos de ausencia escénica, Neles, Marcos Teira (guitarra), Pedro Pascual (acordeóns diatónicos), Pablo Pascual (clarinetes) e Ugia Pedreira (voz) rememorarán, reconstruirán e gozarán de novo do proxecto común de Marful. Mais non será este un pracer onanístico. Partillarano co seu publico. Fiel e Sensible, “valente con valor”. E estarán acompañados no palco pola cantante Sabela Ramil, cantando o Tristras, a célebre peza de Marful que ela escolleu para a final de Operación Triunfo, e que tantos parabéns colleitou entre o xurado do concurso. Mais se cadra non é o único tema que toca canda a banda, da que se confesou admiradora.
Esta banda tigre lambe a súa pel porque a sabe bela e desexada. Salvaxe e elegante. Alá polo ano 2000, cando Marful nacía non existia Monsieur Periné, e eles eran coetáneos dos franceses Paris Combo. Cando na Península estas estéticas musicais aínda non se experimentaban. Daquela Galiza non se fixara nas orquestinas pre-jazz que inzaran as verbenas. Nin se reparara no inmenso patrimonio que atesouraban os salóns de baile abandonados para ser empregados como inspiración, como eles-ela si fixeron.
A crítica de principios do século XXI non tiña claro a categoría comercial na que preinscribir Marful. Eles levaron o sabor da música de taberna, a música dos portos e a música americana galega ao escenario con sofisticación. E levaron unha parte da historia do seu país coa arte musical de xeito integral. Compuxeron esas cancións que semellan clásicos no seu cerne. Levaron a galeguía por vez primeira ao Parlamento Europeo, á Casa da Música de Porto, ao Womex ou ao magnífico Festival de Sines. Abriron escenarios alternativos na súa Xira Surreal: a granxa Maruxa, a fábrica de Sargadelos en Cervo, pazos e castelos, conserveiras e museos…, lugares onde as arañas aniñaran do tempo que había que non se facían concertos, ou espazos que nunca acolleran arte nas súas paredes, malia seren en si arte e patrimonio.
Dous discos acugulados de esfervescencia musicada, premiados polo ouvido atento do que máis ordena: do pobo. O primeiro recibiu o premio da audiencia da Radio Galega no 2006, o segundo recibiu pinturas, poemas e contos de vida que a xente lles enviaba despois de escoitar o “Manual de sedución”.
A convidada especial Sabela Ramil
(re)encontro gozoso dentro da programación do Culturgal contará como convidada especial á interprete Sabela Ramil, que recolleu un dos temas marfulianos para a súa final en Operación Triunfo en horario de máxima audiencia en TVE. Marful tamén contará cos músicos colaboradores do seu último disco “Manual de Seducion”: José Manuel Díaz ao contrabaixo e Leandro Deltell á batería. A escenografía e asistencia escénica corre a cargo da coreógrafa galega de longo currículo europeo, Mercé de Rande. No son o seu técnico habitual, José Trincado, e nas luces o mago Alberto Casas.
Entradas xa á venda
Desde xa podes mercar as túas entradas en Ataquilla para a décimo segunda edición de Culturgal, que se celebrará entre o 29 de novembro e o 1 de decembro. Tres días para unha cita na que coñecer todo o que virá en libro, cine, teatro ou música e, por que non, para adiantar as compras dos presentes navideños. Máis de 80 stands e máis de 120 actividades durante 3 días congregan anualmente a milleiros de persoas ás que convida en 2019 a darlle unha volta á Feira.
- Entrada persoa adulta: 3€
- Entrada infantil: 2€ (até 14 incluídos, de 0 a 3 de balde)
- Bono 3 días adultos: 5€
- Bono 3 días infantil: 3€