Salceda de Caselas mergúllase no Nadal cun circo moi especial e máis de 30 actividades

Publicidad

Máis de 30 actividades centradas no público infantil compoñen a programación de Nadal do Concello de Salceda de Caselas, onde destaca a cuarta edición do Pequeno Circo de Nadal como "prato forte", según destacou o concelleiro de Cultura, Álex Rodríguez, na rolda de presentación de este mércores xunto ao director artístico do circo, Nelson Quinteiro, e a rexedora local, Verónica Tourón.

Este ano regresan citas cunha gran traxectoria no Nadal de Salceda, e que non se puideron realizar nos dous últimos anos debido á Covid-19, como o Festival de Panxoliñas ou a Carreira Solidaria San Silvestre. Así, a programación comeza co Festival de Panxoliñas, que se celebrará este domingo e no que participarán as corais Vagalume de Oia, o Coro Cantemos de Salvaterra de Miño, a Coral Polifónica de Entenza e a Coral Polifónica Santa María de Salceda.

Tamén volven as actuacións ao Auditorio Municipal. O Festival de Panxoliñas é unha delas, pero tamén o tradicional Concerto da Banda de Música Cultural de Salceda, ou a Audición de Nadal da Escola de Música de Salceda. Tamén o Auditorio Municipal acollerá o día 21 o contacontos Fazula e o Ladrón de Paraugas, a través do FalaRedes.

Outra cita que sen dúbida atraerá a centos de persoas será a cuarta edición do Encontro de Ranchos Tradicionais, que cada unha das veces que se ven celebrando no municipio está a resultar de gran éxito, polo que se prevé que tamén nesta ocasión sexa un acto multitudinario. O comercio local tamén é protagonista desta programación a través da Asociación de Comerciantes e Industriais ACISA. Así, os días 17 e 18 saerán á rúa nun Mercado de Nadal, e o día 30 de decembro, festexaremos o fin de ano dun xeito adiantado, polo que poida pasar.

A cuarta edición do Pequeno Circo de Nadal prolongarase durante catro días, do 26 ao 29 de decembro, e promete facer as delicias do público máis xove e de toda a veciñanza. Deste xeito, Nelson Quinteiro, o seu director artístico, quixo incidir na "gran envergadura" que colleu o Festival, e que este ano incorpora unha cualidade solidaria coa participación da Fundación Theodora, que realiza visitas a nenos e nenas en máis de 50 hospitais.

A programación complétase con outras actividades, como a Papanoelada Moteira, o Festival da Asociación de Persoas Xubiladas e Pensionistas, a Visita do Apalpador ou o Concurso de Escaparates, Obradoiros Infantís e pecharase coa tradicional Cabalgata de Reis, que volve tamén ao seu formato habitual.

Salir de la versión móvil