O Concello de Salceda “salva” a súa programación cultural de verán da pandemia do coronavirus reformulando os actos, eliminando as citas masivas e dividindo a programación entre xullo e setembro. “Conseguimos o equilibrio de manter as actividades culturais á vez que garantimos a seguridade e saúde da veciñanza”, explicou a rexedora local, Loli Castiñeira, na presentación do programa.
O verán de Salceda conta cada ano cun acto central como son as Festas do Cristo. Este 2020, non haberá as tradicionais verbenas con orquestras, mais o Concello mantén a cita con programación paralela e o histórico Estourazo que da inicio as celebracións. “Hai unha redución no número de actividades debido a pandemia”, recoñece o concelleiro de Cultura, Álex Rodríguez, para explicar que o Goberno municipal apostará fundamentalmente por “actividades de pequeno formato centralizadas na Praza do Concello, onde se poden manter as medidas de seguridade e distancia social”.
O verán cultural, que comezará o 13 de xullo, estará dedicado para a rapazada “que tamén sufriu os meses de confinamento”. O luns 13 a cita será co teatro infantil de Animar-T, o martes co circlo-clown de Muu, o mércores co “concerto singular” de Píscore, o xoves co espectáculo de “Luciérnagas Teatro” e o venres actuará Nelson Quinteiro con “As nosas músicas d’Aquí”. Todas as citas comezarán as 20:30 horas.
Nas reformuladas Festas do Cristo non variará o Estourazo, que terá lugar o sábado 18 de xullo ás 22:00 horas da man da Agrupación da Protección Civil, despois do desfile da Agrupación Gaiteira de Salceda. O luns 20, a banda Turre’s Band protagonizará un pasarrúas polo centro de Salceda dende as 20:00 horas, para dar paso a Actuación do Ensemble de Percusión e Brass Bad da Banda Cultural de Salceda. Ás 21:30 horas a Turre’s Band actuará novamente.
O Domingo 19 de xullo será o momento de homenaxear aos Salcedenses Distinguidos, que por vez primeira foron elixidos por unanimidade polo pleno municipal. O evento comezará ás 11:45 horas. Todas as actividades terán control de aforo e buscan ser unas “festas sen risco”.
Amais da programación de verán en xullo, o Concello organizará en setembro outra semana de actividades culturais, na que está xa confirmada a celebración da Festa dos Callos, que tamén chegará reformulada, e a primeira edición da “Noite Violeta”, unha actividade centrada na igualdade con concertos.