Naceu no condado irlandés de Claire, coñecido por ser terra de músicos, e con soamente oito anos xa estaba a tocar nun grupo local. Sharon Shannon (1968) é a nova confirmación do Festival Intercéltico do Morrazo para a edición deste ano que se celebrará entre o 25 e o 27 de xullo.
Esta acordeonista, frautista e violinista, quen de competir nas listas de éxitos cos fenómenos internacionais do rock e o pop, pechará o festival de Moaña o sábado 27 de xullo trala actuación de Anxo Lorenzo, programada ás 22:00 horas.
https://www.youtube.com/watch?v=_bWqZQ-Ebw8
Shannon, revelación da música tradicional irlandesa da última década situándose como a que máis discos ten despachado, destaca polo seu acerto para combinar a música tradicional irlandesa con co reggae, o cajún, o hip hop, a música escocesa ou a francocanadiense.
Ten participado nunha quincena de álbums e colaborado con artistas como Bono (U2), Carlos Núñez, Shane MacGowan ou Mike McGoldrick. En 2017 Sharon Shannon publicou "Sacred Earth", sorprendendo coa súa maxia musical, nun traballo no que a acordeonista de Claire válese da súa recoñecida mestría para conectar a música irlandesa máis bailable cos ritmos africanos máis profundos. Entre os seus éxitos mundiais atópase o tema Galway Girl (2017), que suma máis de sete millóns de reproducións en plataformas como Spotify.
Sharon Shannon naceu no condado de Claire, Irlanda, e a súa primeira incursión profesional tivo lugar para o proxecto de Jim Sheridan "The Hostage" para o famoso teatro Druide de Galway. A partir dese ano, 1990, a carreira de Sharon Shannon foi unha sucesión de éxitos. Foi convidada a participar en dúas formacións de enorme prestixio, a primeira, Arcady, banda creada polo ex-De Dannan Johnny McDonagh. Tamén pola formación irlandesa The Waterboys, grupo co que realizou unha xira de máis dun ano de duración. Xunto a eles gravou o álbum "Room to room", actuou no Festival de Glastombury. Sen tomarse un respiro, colaborou en directo e no estudo xunto á Cristy Moore, participando no álbum "Smoke and stronge whisky".
O seu primeiro álbum en solitario, "Sharon Shannon", foi editado en 1991. Un traballo cheo de referencias musicais diversas que coincidiu coas inquietudes que tiñan varios dos músicos e produtores máis emblemáticos de Irlanda naquel momento: Donal Lunny, Mike Scott, Adam Clayton, etc. Sharon Shannon, converteuse nunha referencia polo seu inmenso talento e por compartir o mesmo eclecticismo. Premios como o da revista Hot Press, dous discos de platino, a unanimidade da crítica especializada, supoñen un balance extraordinario para aquel primeiro disco.
Ao longo da súa ampla traxectoria profesional ten realizado xiras polos Estados Unidos, Canadá, Australia e Europa e participado en festivais europeos como o Celtic Connections de Glasgow ou Glastombury (Inglaterra).