Somos Criminais 3: regresa a Vigo e Cangas co humor galego de Xosé Touriñán e Carlos Blanco

Publicidad

Despois do gran éxito co que contaron as xiras de Somos Criminais en 2019, até agora considerado o espectáculo que máis entradas vendeu na historia de Galicia con máis de 50.000 entre as dúas xiras, os actores Xosé A. Touriñán e Carlos Blanco están "de volta... e media" e regresan, nos vindeiros meses, aos teatros galegos directamente con Somos Criminais 3 porque "as segundas partes nunca foron boas".

Neste novo espectáculo, dirixido por Tito Asorey cos textos de José L. Prieto, Carlos Blanco e Xosé Touriñán, os actores e expertos da risa coñecidos pola súa aparición na serie Fariña plantéxanse moitas preguntas sobre Galicia e os seus habitantes. "Somos criminais no sentido menos criminal da palabra? Temos unha maneira propia de ser e de estar? Somos diferentes, somos parecidos ou somos iguais aos demais? Son certos os tópicos que hai sobre nós? É verdade que respondemos ás preguntas con preguntas? Non se sabe se subimos ou se baixamos?" Entre gargallada e gargallada, todas estas preguntas terán unha resposta en Somos Criminais 3 a través dunha profunda análise que farán os cómicos dos galegos e de como somos.

A estrea do monólogo será o próximo 4 de decembro na Illa de Arousa e durante os meses de decembro de 2021 e xaneiro e febreiro de 2022 a xira percorrerá 12 localidades galegas como A Coruña, Ourense, Santiago de Compostela, Ferrol ou Pontevedra, entre moitas outras. A cidade olívica acollerá Somos Criminais 3 os días 7 e 8 de xaneiro no Teatro Afundación de Vigo con catro actuacións, ás 20:00 e ás 23:00 horas os dous días. Xosé Touriñán e Carlos Blanco tamén terán unha cita no Auditorio Municipal de Cangas ás mesmas horas o día 12 de febreiro de 2022.

As entradas xa están á venda na páxina web de Somos Criminais.

Salir de la versión móvil