Sondeseu encherá o Auditorio Mar de Vigo coa música das Cíes

Publicidad

Cíes non só é un paraíso natural. Tamén o é musical. Son moitas as razóns polas que o arquipélago vigués debe ser Patrimonio da Humanidade. Nesa carreira por lograr o distintivo da UNESCO, Sondeseu ofrecerá un concerto o sábado 2 de febreiro no Auditorio Mar de Vigo. O recital, de entrada libre, terá lugar ás 20:30 horas. O obxectivo é encher o espazo cultural situado na Avenida de Beiramar coa música das Cíes. "Temos moita ilusión porque estamos empeñados en que Cíes sexa Patrimonio da Humanidade, afirmaban dende Sondeseu na rolda de presentación do evento que tivo lugar este luns no Concello de Vigo na que estiveron pola agrupación Rodrigo Romaní -director-, Xaquín Xesteiro -presidente da Fundación Sondeseu-, Abel Caballero e o concelleiro de Cultura, Cayetano Rodríguez.

A agrupación de folk viguesa presentará neste concerto especial do sábado 2 de febreiro o espectáculo Arraianos, un espectáculo que conforma unha explosión de forza e enerxía interpretativa sustentada na contundencia do son propio do conxunto que incorpora a colaboración de tres dos artistas máis virtuosos da escena folk ibérica do momento. Xunto con Vanesa Muelas, Xuacu Amieva e Luis Peixoto, os mestres de Sondeseu, Begoña Riobó, Javier Feijoo Xisco, Anxo Pintos, Xosé Liz, Xaquín Xesteira e Rodrigo Romaní, Arraianos representa sen dúbida o espectáculo con maior entidade artística da actualidade, brillante na súa execución e liña argumental, cheo de cór e excelencia musical.

O espectáculo de Sondeseu ilustra nun poderosísimo espazo sonoro as influenzas que de xeito recíproco alimentan a expresión da música popular nos imaxinarios límites xeográficos da cultura galega que desaparecen por arte da maxia e da música fundíndose nun discurso novo, rebosante de alegría e bo facer e acadando cotas instrumentísticas dificilmente atopables nun único recital. Os mellores ritmos e melodías populares de rexións como Castela e León, Asturias e Portugal emerxen coa linguaxe orquestal de Sondeseu e convertense nunha auténtica festa da cultura da Península que traspasa os límites e impón unha nova xeografía sonora onde nada é o que parece, unha xeografía sonora que pon banda sonora ao paraíso das Illas Cíes.

Abel Caballero destacou a historia dun proxecto tan exitoso que se atopa "nun momento musical extraordinario". O alcalde vigués puxo en valor a influencia de Sondeseu por diferentes eventos en Europa, por exemplo o concerto que ofrecerán este 19 de xaneiro no Glasgow Royal Concert Hall co que abrirán o Celtic Conections.

Sondeseu é unha das primeiras orquestras europeas de música folk contemporánea. Dende os seus inicios, a formación especializouse na produción de temas procedentes da tradición oral da música popular de Galicia que son levados a concertos ao vivo nos que se celebra o noso patrimonio oral á vez que se integra coa modernidade.

Salir de la versión móvil