Susana Seivane chega a Tui co seu disco máis intimista

Publicidad

“Sabendo Miradas”, “O Primeiro Baile”, “Sentirte, Amarte” ou “Papá Pum Pum” son algúns dos doce temas de “FA” o último traballo discográfico que Susana Seivane presentaba en setembro do ano pasado, e que interpretará en Tui no concerto que ofrecerá este sábado 6 de xullo a partir das 22.30 horas na rúa Compostela. Trátase dun disco intimista, romántico e tenro inspirado nos sentimentos da súa maternidade. O seu título “FA” son precisamente as iniciais dos nomes dos seus fillos Fiz e Antón.

Susana Seivane construíu a través deste temas unha paisaxe sonora na que están presentes as súas raíces con novos matices froito da súa madurez como compositora e instrumentista. No concerto xunto a Susana Seivane estarán sobre o escenario Miguel González, saxo; Rubén Deschamps, guitarra e mandolina; Carlos Freire, batería e percusión tradicional e Iago Rodríguez, baixo eléctrico. Amais dos temas de “FA” repasarán tamén outros da súa longa carreira musical, todo nun espectáculo fresco e orixinal.

Este concerto de Susana Seivane chega a Tui dentro do programa “Musigal Son Tradición” da Deputación de Pontevedra.

Susana Seivane naceu no seo dunha das familias con máis prestixio e sona no mundo dos gaiteiros e artesáns de gaitas en Galicia. Con 3 anos da man do seu pai iniciou a súa andaina musical, na que influíron mestres coma o seu avó, Xosé Manuel Seivane, Ricardo Portela e Moxenas. Ao longo dos anos desenvolveu un estilo xenuíno e propio, aberto ao legado e influencias doutras músicas.

Restricións no Tráfico

Debido á celebración deste concerto de Susana Seivane haberá restrición no tráfico na rúa Compostela. Así o tramo desta rúa comprendido entre a rúa Ourense e Mondoñedo estará pechado ao tráfico e ao estacionamento dende mañá sábado ás 8 h até o domingo ás 8 h. Amais dende as 18 h pecharse tamén o tramo da rúa entre cruzamento entre Mondoñedo e Betanzos.

Salir de la versión móvil