Susana Seivane presenta o seu último traballo en Tui

Publicidad

Un referente da música galega chega o primeiro sábado de xullo a unha vila coa historia de Tui. A localidade baixomiñoto acolle o vindeiro sábado 6 de xullo, ás 22:30 horas, o concerto de Susana Seivane, un recital que forma parte do programa Musigal Son Tradición. O recital, que terá lugar na rúa Compostela, é de balde para o público.

Susana Seivane interpretará, xunto a súa banda, temas do seu último traballo “FA”, publicado o pasado mes de setembro, un disco intimista, romántico, inspirador e tenro. Pero tamén repasará outros temas da súa longa carreira musical todo nun espectáculo fresco e orixinal.

Canda a Susana Seivane actuarán Miguel González ao saxo, Rubén Deschamps á guitarra e mandolina, Carlos Freire á batería e á percusión tradicional e Iago Rodríguez ao baixo eléctrico.

A artista galega naceu no seo dunha das familias con máis prestixio e sona no mundo dos gaiteiros e artesáns de gaitas en Galicia. Con tres anos da man do seu pai iniciou a súa andaina musical, na que influíron mestres coma o seu avó, Xosé Manuel Seivane, Ricardo Portela e Moxenas. Ao longo dos anos desenvolveu un estilo xenuíno e propio, aberto ao legado e influencias doutras músicas.

Salir de la versión móvil