Será o Auditorio Mar de Vigo o petisco do que se verá en Eurovisión o vindeiro 10 de maio? Tanxugueiras vén de pechar unha nova data na súa xira “Midas”. E si, a súa parada será o 1 de abril na cidade olívica, concretamente o hall do Auditorio Mar de Vigo, un lugar onde levarán tanto a súa popular “Terra”, gran favorita para representar a España en Eurovisión, como outros himnos da súa traxectoria musical, unha carreira que levou a Aida Tarrío, Sabela Maneiro e Olaia Maneiro no 2021 a converterse en todo un fenómeno musical non só en Galicia, senón xa a nivel nacional-
As entradas para asistir ao concerto de Tanxugueiras en Vigo do vindeiro 1 de abril saen á venda este martes 11 de xaneiro a partir das 12:00 horas. As localidades pódense adquirir a través da web oficial de Tanxugueiras (premer aquí) e das plataformas Enterticket e TeuTicket. O prezo das entradas é de 15 euros máis gastos de xestión. O recital do trío galego no Auditorio Mar de Vigo comezará ás 22:00 horas, polo que a apertura de portas está prevista para as 21:00 horas.
A xira “Midas” suporá tamén a presentación do novo traballo de Tanxugueiras. O trío de pandeireteiras galegas seguirán a reformular a música tradicional dende unha óptica contemporánea. Porén, no concerto de Vigo, o público poderá gozar de temas como, ademais de “Terra”, “Figa”, “Telo” ou “Midas”.
O seu último tema “Terra”, participará no Benidorm Fest a finais deste mes de xaneiro, unha cita promovida por RTVE para elixir quen representará o vindeiro 10 de maio a España no Festival de Eurovisión que terá lugar en Turín. Un dos outros favoritos deste certame, Rayden, non dubidou hai uns días en destacar a dimensión das Tanxugueiras comparándoas con Rosalía de Castro, ao considerar o artista madrileño que “fixeron máis polo galego que xente con guerras”.