A parroquia moañesa de San Martiño xa está engalanada para a súa festa tradicional. O día grande será o 11, pero xa é tempo de gozar do bo viño e da boa gastronomía local. O número de furanchos será similar ao de pasadas edicións. As previsións apuntan a arredor de 15 establecementos que darán de comer e beber aos asistentes tanto nesta fin de semana como no resto da semana seguinte.
A choiva non será un impedimento. Unha carpa permitirá desfrutar de San Martiño a pesares das precipitacións previstas durante estes días. O tramo inicial de San Martiño arranca este mesmo sábado coa Festa da Xuventude que comezará ás 21:00 horas no adro de arriba da Igrexa da parroquia moañesa e que contará coas actuacións de Gaiteiros de Moaña e O Comboio Novo, que representarán a música tradicional. Despois chegará a quenda do Grupo América de Vigo, que fará versións dos mellores temas do rock nacional e internacional. Unha das novidades desta Festa da Xuventude será a existencia dun punto illa que asesorará sobre como gozar dunhas festas sen violencia machista. Este “punto illa” tamén estará presenta a noite do sábado 9 de novembro.
O concelleiro de Cultura de Moaña, Carlos Juncal, convida “a todas las mozas, mozos e non tan mozos a pasar unha boa noite desfrutando como tolos”. A Festa da Xuventude está organizada pola Concellaría de Cultura xunto coa Concellaría de Benestar Social, Muller e Igualdade do Concello de Moaña.