Dezaoito directos doutras tantas bandas e artistas están programados no encontro profesional de músicas MUMI 2021, que se celebrará do 9 ao 11 de setembro en Tui e Valença. Nove nomes de Galicia e outros nove de Portugal amosarán ao público, profesional e tamén xeral, a diversidade de propostas musicais que conviven na escena actual. A organización do MUMI 2021 presentou a programación de showcases nunha rolda de prensa este venres 30 de xullo en Tui. Ademais avanzou, que durante o MUMI, a oferta para profesionais desenvolverase na Escola Superior de Ciências Empresariais de Valença mentres que algúns dos concertos abertos ao público terán lugar en Tui, no Paseo da Corredoira e na Praza de San Fernando. A Orquestra Galego Portuguesa de Liberación será a encargada de ofrecer o concerto de apertura do MUMI 2021 o xoves 9 de setembro.
Familia Caamagno, Magín Blanco e A banda das apertas, Oîma, Os d’Abaixo , O Sonoro Maxín, Pálida, Pulpiño Viascón, Silvia Penide e Xacobe Martínez Antelo Quinteto conforman a relación dos showcases galegos programados. No caso de Portugal, as bandas seleccionadas son tamén nove: Barry White Gone Wrong, Cassete Pirata, Conjunto!Evite, emmy Curl, Jorge da Rocha, José Valente, Kaústika, TAKATUM apresenta Ah!Ah!Ah! e The Guit Kune Do. O MUMI 2021 pecha deste xeito a selección de artistas e bandas que participarán no encontro profesional ao redor das músicas de Galicia e Portugal do 9 ao 11 de setembro na Eurocidade Tui-Valença. No caso das bandas galegas, a organización recupera os nomes da edición do pasado ano, que tivo que ser cancelada pola irrupción da pandemia da COVID-19; para as bandas portuguesas abriuse unha convocatoria a finais do mes de maio da que saíron as nove seleccionadas. “Finalmente a selección foi difícil pero teremos no MUMI bandas do norte ao sur de Portugal”, destaca José Costa, da organización do encontro. Diversidade é unha palabra clave na música ao vivo que ofrecerá o MUMI 2021, cun mosaico de bandas e artistas que responden á riqueza das escenas galego e portuguesa. Das novas abordaxes da música tradicional á electrónica esencial, pasando polo jazz, o funk e o pop de autoría, os dezaoito showcases programados recollen a variada escena de ambas beiras do Miño. A maioría dos dezaoito concertos programados no MUMI estarán tamén abertos ao público xeral.
Emi Candal e José Costa, do equipo organizador do MUMI, encargáronse de presentar o programa de concertos do encontro nunha rolda de prensa que tivo lugar no Antigo Convento de San Domingos en Tui, actual sede da UNED. Alí tiveron lugar tamén intervencións do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro González, do vereador de Cultura de Valença, Mario Rui Oliveira, e do director da Agadic-Xunta de Galicia, Jacobo Sutil. Ademais, o acto contou tamén coa participación da concelleira de Cultura de Tui, Sonsoles Vicente Solla.
A Eurocidade Tui-Valença acolle e patrocina un encontro que, ademais da vertente profesional, abrirá boa parte do programa ao público xeral, especialmente o sábado 11 de setembro. Para o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o MUMI nace con vocación de medrar e coa vantaxe de desenvolverse “nun espazo transfronteirizo único e urbano no que as fronteiras xa non existen na vida cotiá”. En representación do municipio de Valença, Mario Rui Oliveira destacou o ambicioso do proxecto e a gran labor do persoal técnico de ambos concellos”. Tamén apoian o MUMI 2021 a Direção Regional de Cultura do Norte e a Agadic-Xunta de Galicia. Jacobo Sutil, director da Agadic, destacou a calidade dos profesionais da cultura de Galicia e de Portugal, “que están loitando por armar proxectos coma este e incrementar a circulación de artistas entre as dúas beiras do Miño”.
Apertura coas familias improvisadoras
Desde o MUMI 2021 tamén revelan o proxecto que abrirá o encontro: a Orquestra Galego-Portuguesa de Liberación. Formúlase como unha extensión natural da Orquestra Galega de Liberación, baixo a dirección de Xacobe Martínez Antelo, e estréase no MUMI. A relación entre as familias improvisadoras portuguesas e galegas nunca foi tan intensa e prolífica como nestes últimos anos, e será no MUMI onde aconteza un dos encontros máis sorprendentes entre estas dúas grandes familias. Coa improvisación como nexo de unión e a vangarda como habitat natural, dezaseis dos mellores músicos galegos e portugueses reúnense botando man do jazz, da música contemporánea, da creación espontánea e da performance. “Esta orquestra establece un diálogo en clave de jazz que representa o que quere ser o MUMI no seu conxunto”, subliñou Emi Candal, da organización do encontro. Ademais de Martínez Antelo na dirección, forman parte do proxecto que se estrea no MUMI 2021: Quiné Teles (batería), LAR Legido (batería), Javier Pereiro (trompeta), Gileno Santana (trompeta), Joao Mortagua (saxo alto), Xosé Miguélez (saxo tenor), Diego Alonso (saxo tenor), Andreia Santos (trombón), Rubén Fernández (voz), Mariana Dionisio (voz), Manuel Cebrián (guitarra), Mané Fernandes (guitarra), Elena Vázquez (violín), María José Pámpano (viola), Macarena Montesinos (violoncello) e Saúl Puga (contrabaixo).
Inscricións profesionais para o MUMI 2021
A inscrición profesional para o MUMI 2021 está aberta desde principios de xuño a través da páxina mumimusicas.eu. O encontro bota a andar co obxectivo de crear novos mercados para as músicas galega e portuguesa. Artistas, axencias, empresas, profesionais da xestión cultural, responsables de programación, xornalistas e público xeral, daranse cita en setembro neste evento que quere converterse na feira musical de referencia do oeste peninsular. A organización traballa nunha programación que inclúe showcases, conferencias e sesións de traballo conxunto dirixidas a profesionais do sector cultural e musical. Un punto de partida para a recuperación da actividade musical nun contexto de pandemia e construír unha relación estable entre axentes e empresas de Galicia e Portugal. Destacar o talento creativo de proximidade ante programadores e técnicos de cultura é un dos obxectivos principais do MUMI 2021.