Tui organiza unha ruta guiada pola cidade ao redor das figuras literarias da súa historia

Publicidad

A concellería de Cultura do Concello de Tui continúa avanzado no programa de actividades denominado “Tui en letras” que, ao longo dos meses de maio e xuño, vén ofertando un amplo programa de actividades de promoción da lectura e a lingua galega.

En concreto, este venres, 17 de xuño, chega a penúltima cita desta programación coa realización dunha “Ruta literaria pola cidade de Tui” na que os participantes percorrerán diversos lugares da vila vinculados a figuras literarias tudenses: dende a casa familiar dos Álvarez Blázquez, pasando polo Seminario como lugar de estudo e formación de figuras como Teodosio Vesteiro Torres ou Manuel Lago González, ou visitando outros enclaves relacionados con Faustino Rey Romero, María Tydeska (María Gloria Pereira) ou lembrando figuras como o poeta galaico-portugués Golparro ou o escritor romántico Camilo Bargiela.

Para a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, esta actividade vincula o patrimonio material tudense co acervo cultural legado polos escritores e literatos que, ao longo do tempo, teñen enriquecido a nosa vida colectiva, moitos deles hoxe case esquecidos.

Aínda que na programación inicial esta visita figuraba ás 19.00 horas foi atrasada ata as 20.00 horas debido ás altas temperaturas previstas tamén para o venres, que aconsellan esta modificación horaria.

Salir de la versión móvil