Tui suma gastronomía e música ao Descenso Internacional do Miño

Publicidad

Tui non vive de costas ao pai Miño, senón todo o contrario. Por iso, como cada ano, o Concello celebra este sábado a súa particular Festa do Miño na que o río é o gran protagonista. Nunha celebración que naceu ao abeiro do Descenso Internacional do Miño, o concello engade ao deporte, música e a mellor gastronomía local para completar unha oferta de ocio irresistible.

Deste xeito, e para acompañar á proba na que participarán máis de 500 deportistas nas augas do Miño, o Concello organiza a VII Festa Gastronómica xunto con dez asociacións locais. Dende ás 20:00h a rúa Lugo encherase con produtos tradicionais coma empanada, con especial presenza da de millo, empanadillas, tortilla, chouripan, bocadillos variados, así coma sobremesas de elaboración caseira a prezos que oscilarán entre 1 e 3€. Tamén haberá distintos postos de bebidas a cargo destes colectivos culturais.

Xa ás 22:30 horas, chegará o concerto de “Mitic, o espectáculo” que porá sobre o escenario a quince músicos cunha longa traxectoria profesional para interpretar temas de Carlos Gardel, Frank Sinatra, Europe, Bon Jovi,… nun evento pensando para que o público tamén participe.

Durante a presentación da programación da Festa do Miño, ao abeiro do programa de actividades culturais de verán, o alcalde, Enrique Cabaleiro, explicou que “a festa do río é un dos nosos emblemas medioambientais”. A concelleira de Cultura, María José González, lembrou na súa intervención coma a Festa do Miño naceu ao abeiro do Descenso Internacional do Miño para completar así unha xornada festiva na que se conxuga deporte e lecer”.

Unha xornada festiva na que o río é o protagonista

Lembramos que a VII Festa do Miño comezará ás 12h na ribeira de Caldelas coa romaría popular, e ás 16h dende a mesma ribeira sairán os 780 participantes no VII Descenso Popular. Ás 18.30h dende Salvaterra sairán os 560 padeeiros que competirán no 46º Descenso Internacional do Miño completando os 15 quilómetros ata a liña de meta situada fronte ás gradas na rúa Olímpicos Tudenses. Consulta aquí todos os detalles.

Restricións no tráfico

Debido á celebración da Festa do Miño e para garantir o bo desenvolvemento das actividades previstas haberá restricións no tráfico nas zonas onde terá lugar.

Así dende mañá venres ás 8h e ata o domingo ás 3h non se poderá estacionar na rúa Lugo, na que o sábado pola mañá só se poderá circular por un carril, e dende ás 14h pecharase á circulación. Amais non se poderá nin estacionar nin circular pola rúa Mondoñedo dende o sábado ás 10h, e pola rúa Ourense dende ás 15h do sábado ata ás 3h do domingo. Tamén se verá afectada a saída do aparcamento municipal cara a rúa Ourense onde estará prohibido estacionar dende mañá venres ás 8h e se pechará o sábado dende ás 13h.

Amais dende o sábado ás 8h non se poderá estacionar e se limitará a circulación na rúa Tenencia, e na rúa Olímpicos Tudenses, así coma dende o cruzamento da Avenida de Portugal cara estas rúas.

Salir de la versión móvil