Baiona quere conmemorar o Día das Letras Galegas cunha interesante "ruta das palabras esquecidas". Un percorrido guiado para o que este venres 15 de maio finalizará o prazo de inscrición, polo que a concellería de Turismo anima a todo o mundo a aproveitalo.
O vindeiro domingo 17 de maio, a partir das 11:00 horas, terá lugar esta especial ruta guiada na que en cada parada se dará explicación sobre o valor patrimonial de cada espazo, tanto material coma inmaterial, e cada espazo vincularase a unha "palabra esquecida", é dicir, unha palabra galega que, por referirse a realidades que van desaparecendo na vida actual, van diminuíndo o seu uso ou desaparecendo do noso vocabulario, tanto porque se refiran a realidades que se van perdendo (obxectos, oficios, costumes e tradicións) ou por outras causas.
- Te puede interesar: Baiona pone fecha al mural más grande de España, un photocall marítimo en las Rías Baixas
Tamén se aproveitará para enxalzar a riqueza da Lingua Galega facendo alusión a diferentes xiros e variantes léxicas locais, pois Baiona conta cun amplísimo vocabulario local. Trátase de combinar, ao longo do percorrido, os valores tanxibles e intanxibles do patrimonio local a través doutro elemento patrimonial que é a lingua e que precisamente festexamos ese día.
Dende a concellería ofrécese esta visita atractiva tanto para quen vén de fóra de Baiona coma para o público local, pois trátase de descubrir o patrimonio material e inmaterial da vila dende unha perspectiva diferente á habitual. O departamento municipal convida a participar e enriquecer a experiencia das persoas participantes facendo que estas realicen as súas propias memorias e achegas vitais tanto no uso de espazos coma do vocabulario local.
Como participar?
O percorrido partirá dende a Oficina de Turismo e estará guiado por unha guía oficial de Galicia. As prazas son limitadas e é necesario inscribirse no correo electrónico: oficinadeturismo@baiona.gal (enviando nome completo de cada unha das persoas, procedencia, un teléfono de contacto e, no caso de que haxa menores de idade, a idade de cada un deles). O prazo de inscrición remata o venres, 15 de maio, ás 14:30 horas.
Esta iniciativa, impulsada pola concellería de Turismo, forma parte do calendario anual de rutas, visitas temáticas e visitas-obradoiro (infantís) que buscan poñer en valor o patrimonio local. Así, durante este mes de maio, o sábado 30 de maio, haberá un percorrido guiado polo paseo Monte Boi. Ás 11:00 horas dende a oficina de turismo de Baiona. As prazas son limitadas e é necesario inscribirse no correo electrónico: oficinadeturismo@baiona.gal (enviando nome completo de cada unha das persoas, procedencia, un teléfono de contacto e, no caso de que haxa menores de idade, a idade de cada un deles). O prazo de inscrición remata o venres, 29 de maio, ás 14:30 horas.
Dende agora en diante, a concellería de Turismo de Baiona informará cada mes das datas das distintas visitas organizadas polo departamento municipal. As visitas serán de diferentes tipos: haberá visitas polo Casco Histórico, paseo Monte Boi, Virxe da Rocha, Santa Marta, senda dos muíños de Baredo, Camiño de Santiago e pola Baiona Mariñeira, ademais doutras visitas-obradoiro, orientadas ao público infantil e familiar, sobre diferente temática.
