Un centenar de eventos, festas e citas prometen ofrecer "o teu mellor verán" en Moaña

Publicidad

Case que un centenar de eventos de ocio, cultura e turismo conforman este ano a intensa programación estival do Concello de Moaña que, como de costume, promete ofrecer a veciñanza, pero tamén a turistas, “o mellor verán”. A axenda cultural, que deu xa comezo o 30 de xuño coa festa de Moaña Antiqua, continúa durante os meses de xullo, agosto e setembro no que se inclúe a proposta especial de “Días de Mar” do mes central do verán.

Rutas turísticas e de natureza, música en directo, festas gastronómicas e cinema ao aire libre compoñen as liñas estratéxicas das citas do verán moañés, que vivirá xa a próxima semana o seu evento máis importante, a celebración do Festival Intercéltico do Morrazo (FIM), que por segundo ano inclúe tamén A Moa, a Mostra de Artesanía e Cultura.

Música e concertos

A Moa arrancará coa súa programación o mércores 26 de xullo co Festival Folclórico a partir das 20:45 horas e se prolongará até o domingo con diferentes propostas musicais e expositivas. Convivirá co propio Festival Intercéltico do Morrazo, que contará coas bandas internacionais Goitse (Irlanda) e Calum Stewart (Escocia) xunto coas formacións galegas Caamaño&Ameixeiras e Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre.

Non será a única cita coa música en directo de Moaña durante o verán. Un ano más repetirá o Festival de Jazz, o venres 11 e sábado 12 de agosto, contando cun prólogo especial o sábado 5 de agosto. Outras actuacións destacadas serán o concerto de Skarajazz (sábado 5 de agosto), Fiandola (domingo, 13 de agosto) ou Erea Castro (luns, 14 de agosto).

Festas populares

A programación tamén inclúe a cita coas festas de San Lourenzo-Domaio, as festas da Peregrina e as festas de San Bartolomeu. Así como a Festa Popular de Bronlle, o 15 de agosto, que incluirá un concerto de Caldo.

No apartado gastronómico, regresa a Festa do Mexillón, o domingo 6 de agosto ao CEIP Reibón, a Feira da Moaña Mariñeira coa festa do marisco (domingo, 13 de agosto), a quinta edición da Feira do Mel (domingo, 20 de agosto) e a Festa do Comercio Local (sábado, 9 de setembro). Así mesmo, repite a Feira de Adopcións da Protectora do Morrazo, o sábado 2 de setembro.

Turismo e natureza

La goleta a su llegada a Vigo // SailingShots by María Muiña Photography

O verán moañés tamén contará coas rutas guiadas de balde organizadas xunto a Illa dos Ratos -podes consultar aquí- e a nova iniciativa de roteiros musicados -máis info aquí-. No apartado marítimo, tan importante para a vila morracense, a cita coa Xuntanza de Embarcacións Tradicionais, que cumpre xa 17 edicións, será o venres 11 de agosto, mentres que a goleta Atyla visitará o Peirao de Pasaxe o venres 15 de setembro.

O cine ao aire libre, que percorrerá diferentes puntos do municipio, os xa tradicionais “Rechouchíos” para os máis cativos e a cita con “Versos para a diversidade” completan a lista de eventos, que podes consultar a continuación.

Programación completa

Salir de la versión móvil