Salceda porá esta fin de semana o broche final para celebrar o Día das Letras Galegas e honrar a lingua e cultura de Galicia o domingo 17 de maio. Cunha programación que combina a tradición floral dos Maios, o recoñecemento literario e a música en directo, a Praza do Concello converterase no epicentro da celebración.
Este ano é a escritora e xornalista viguesa Begoña Caamaño a figura homenaxeada nas Letras Galegas, cuxa voz e compromiso feminista marcarán o ritmo da mañá. A xornada comezará coa cor da IX Mostra dos Maios, que permanecerá na praza durante todo o día, lembrando unha das tradicións máis enxebres da nosa primavera.
O momento central da mañá chegará ás 11:00 horas, coa lectura de fragmentos da obra de Caamaño. Será un acto aberto á cidadanía para poñer en valor a calidade literaria da homenaxeada.
Pola tarde, a programación porá o foco no talento emerxente. Ás 18:30 horas, tamén na Praza do Concello, procederase á entrega de premios do I Concurso Infantil e Xuvenil de Relato Curto. Esta iniciativa busca incentivar a creación literaria en galego entre as xeracións máis novas, garantindo así o relevo xeracional da lingua.
Peche musical con Xisco Feijóo
Para pechar o día, a música tradicional revisitada tomará o escenario. Ás 19:00 horas, o recoñecido artista Xisco Feijóo presentará o seu espectáculo "Traede ferrallada". Unha proposta que pretende divulgar a tradición, a recuperación e dinamización do folclore galego. Trátase dun concerto participativo para cantar sobre a tradición máis renovada do noso patrimonio. Boa parte da intervención estará enfocada á participación do público dalgúns dos seus temas, para o que se anima e convida a quen teña para levaren pandeireta, pandeira, pandeiro ou calquera ferrallada para colaborar.
Resumo do Programa – Domingo 17 de maio
- Todo o día: IX Mostra dos Maios.
- 11:00 h: Lectura de fragmentos de Begoña Caamaño.
- 18:30 h: Entrega de premios do I Concurso de Relato Curto.
- 19:00 h: Concerto de Xisco Feijóo: "Traede ferrallada".
