A ruta festivaleira de Fest Galicia impulsada pola Xunta de Galicia celebra este 2019 a súa segunda edición con dúas novas incorporacións. Baixo o lema de “Festivais que fan camiño”, vinculado estreitamente á promoción do Xacobeo 21, a marca refórzase e incorporará dous novos festivais para chegar aos 12 eventos en toda Galicia.
Deste xeito, Cantos na Maré de Pontevedra e o Caudal Fest de Lugo súmanse aos 10 festivais que xa participaran na experiencia piloto do ano pasado: PortAmérica, Resurrection Fest, Atlantic Fest, Vive Nigrán, Sinsal SON Estrella Galicia, 17º Ribeira Sacra, SonRías Baixas, Revenidas, Festival de la Luz e WOS Festival.
A marca Fest Galicia busca crear un paraugas común de promoción e de acción conxunta dos festivais galegos para fomentar a súa exposición no exterior da comunidade, tal e como explicou á metropolitano.gal o director da Agadic, Jacobo Sutil. Pero a Xunta tamén organiza campañas de concienciación a prol da igualdade e da prevención da violencia, do uso do galego, do respecto medioambiental ou do fomento de valores positivos para a xuventude. Ao tempo, avanzarase na medición do impacto económico e social dos festivais.
Estas accións foron detalladas polo conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e polas responsables do resto dos departamentos implicados de xeito transversal en FEST Galicia. Así mesmo, na presentación da nova campaña participaron os representantes dos festivais adheridos á marca, en nome dos que interviron Kin Martínez, director de PortAmérica, e Luis Campos, Codirector de Sinsal.
Tras facer un balance moi positivo da primeira edición de FEST Galicia, cunha ampla e moi participativa resposta do público dos festivais ás diferentes accións impulsadas, Román Rodríguez sinalou que as 12 citas asociadas este ano son moi diferentes en canto a formatos e propostas musicais, “pero todas teñen en común a aposta pola calidade, a singularidade e a sustentabilidade, que son á súa vez tres das claves da marca”.
A través de Fest Galicia, os festivais obteñen un apoio económico adicional ás subvencións específicas que o Goberno galego convoca cada ano para eles. En concreto, como explicou o conselleiro, este ano a convocatoria de adhesión á marca dotouse con 350.000 euros para contratos de patrocinio coas empresas organizadoras dos eventos.
Sensibilización contra a violencia sexual
Nesta contía inclúese a achega da Secretaría Xeral da Igualdade para as accións relacionadas coa difusión da súa campaña Agresión Off. Eu digo non á violencia sexual. Tamén se propoñen campañas de respecto ao medio e se instalan contedores para a separación dos residuos.
Este 2019 a Secretaría Xeral de Política Lingüística impulsará a campaña "O galego crea ambiente", que ten como obxectivo dinamizar o uso da lingua galega.
No apartado das industrias culturais, este ano avanzarase na realización de estudos de medición do impacto económico e social dos festivais, que arrancou en 2018 cos informes sobre PortAmérica, Resurrection, Sinsal, SonRías Baixas e Revenidas promovidos pola Agadic en colaboración coa Universidade de Santiago.