A XXX Semana de Cine Submarino Universidade de Vigo, organizada pola Vicerreitoría de Captación de Alunnado, Estudantes e Extensión Universitaria remata este venres, 19 de novembro, con Cantábrico Salvaje, de Enrique Talledo, e Océanos profundos, de National Geographic. No primeiro traballo, Talledo amosa a gran biodiversidade do Cantábrico, desde enormes cachalotes ata pequenos cabalos de mar ao longo da zona infralitoral de Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi.
Pola súa banda, o audiovisual que pechará esta XXX Semana de Cine Submarino céntrase na Antártida, o lugar máis frío do planeta, e descubrirá como é a vida submarina neste lugar. O invitado deste día será Jesús Souza Troncoso, catedrático de Zooloxía e investigador do CIM (Centro de Investigación Mariña), da Universidade de Vigo que, ademais, buceou neste océano.
Cantábrico salvaje
O mar Cantábrico é un dos mares con maior biodiversidade de Europa. O documental, narrado en primeira persoa polo seu autor, Enrique Talledo, mostra con paixón as fascinantes experiencias vividas nel. Os auténticos protagonistas son criaturas que se adaptaron ás duras condicións deste bravo mar, dende enormes cachalotes ata os vulnerables cabalos de mar; desde pequenos charcos intermareais a augas da zona infralitoral de Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi. Algunhas das imaxes son primicia, ao ser a primeira vez que se captan a través dunha cámara nesta zona Atlántica.
Océanos profundos
A cinta achégase á Antártida, o lugar máis frío do planeta. Constitúe unha contorna demasiado dura para a supervivencia na terra para a maioría das formas vivas. Con todo, a vida submarina é totalmente diferente.
Jesús Souza Troncoso
Jesús Souza Troncoso é Catedrático da área de Zooloxía do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal e profesor de Zooloxía na Facultade de Ciencias do Mar. É tamén investigador do Centro de Investigación Mariña (CIM-UVigo) e membro do grupo de Ecología Costera Ecogost. Ocupou varios postos de xestión académica; foi o primeiro Director do Centro de Investigacións Mariñas CIM-UVigo e director da Estación de Ciencias Mariñas Ecimat.
É autor ou co-autor de máis de 170 artigos científicos publicados, 15 capítulos sobre moluscos en enciclopedias e 8 libros.
Participou en campañas oceanográficas e expedicións nas nosas costas e outras zonas do planeta como, Illas Fidji, Papua Nova Guinea, Brasil, Costa Rica, Hawái, etc.; destacando entre elas tres campañas a bordo do Hespérides nas Illas Shetland do Sur (nestas illas realizou catro inmersiones en augas antárticas), Estreito de Bransfield e Mar de Bellingshausen e dous campañas na Base Antártica Española Gabriel de Castilla, Illa Decepción. É membro do Comité Científico da Candidatura das Illas Cíes como Patrimonio da Humanidade da Unesco.