Unha exposición para coñecer as viñetas de Laxeiro

Publicidad

A Fundación Laxeiro presenta unha exposición na que, por primeira vez se poden ver todas as viñetas humorísticas que Laxeiro publicou na prensa, en concreto nos xornais El pueblo gallego e Faro de Vigo, nos anos 1928, 1929 e 1930. A exposición é un acontecemento cultural de primeira orde, xa que nunca antes se vira este interesante traballo de Laxeiro na súa totalidade.

A mostra, comisariada polo profesor Manuel Igrexas, quen xa fixera investigacións sobre o humor gráfico de Laxeiro, componse de corenta e nove reproducións fotográficas, realizadas case ao tamaño orixinal das viñetas e respectando a cor de fondo tan recoñecible do papel de periódico. Cada viñeta vai enmarcada de forma individual e, tanto os textos dos diálogos, como a referencia do medio e día de publicación, van impresas, dentro de cada cadro, respectando as formas idiomáticas do orixinal e, por tanto, sen adaptar ao galego normativo de hoxe.

Debido a que os debuxos orixinais están perdidos, dende Fundación Laxeiro optaron por facer reproducións fotográficas, tomadas directamente das páxinas dos periódicos, grazas á colaboración de Faro de Vigo e do Arquivo Municipal de Vigo, que posibilitaron acceder á documentación orixinal para poder así reproducir cada viñeta do xeito máis fiel posible. Unha vez realizadas as fotografías, resultou de capital importancia a colaboración de Lab_in arte múltiple na busca da forma de impresión e do papel máis axeitados.

O resultado é unha colección de corenta e nove cadros, todos do mesmo tamaño, a través dos que o público se pode achegar a esas viñetas imaxinando o seu aspecto orixinal cando foron publicadas na prensa hai xa noventa anos e percorrendo a evolución, tanto formal, como nos contidos do, entón, artista debutante, José Otero Abeledo, Laxeiro.

Por que a denominación de Monos?

A denominación de monos ten a súa orixe no século XIX e principios do século XX, época na que se designaban con este termo as ilustracións de debuxos que acompañaban un texto e, por extensión, ás viñetas humorísticas, chegando a publicarse en Madrid, en 1904, o semanario de viñetas humorísticas e de pasatempos, con ese nome, editado polo xornal El liberal . Non está claro se a orixe do termo alude á semellanza das personaxes co animal e a certa identificación cos monicreques, ou a unha abreviatura coloquial do termo monotipo, propio do mundo da reprodución mecánica da imaxe.

Salir de la versión móvil