Unha feira de temática xaponesa, a novidade do Galician Freaky Film Festival 2023 en Vigo

Publicidad

Novidades para esta nova edición do festival máis "freaky" de Vigo. O Galician Freaky Film Festival organiza a primeira edición da Feira Fantástica e Freak de Galicia que se celebrará na céntrica Praza Elíptica de Vigo durante os días 29 e 30 de setembro, dentro das actividades do festival. Seguindo o fío conductor da sétima edición do certame a feira terá temática xaponesa e, por suposto, moi freak. O obxectivo principal é servir de escaparate para creadores, artistas, e negocios e facilitar o encontro co seu público.

O Galician Freaky Film Festival fai un chamamento a todos os artistas, editoriais ou comercios locais con espírito freak que queiran participar cun posto na feira. Admítense multitude de produtos e soportes, como ilustración, libros, roupa, escultura, xoiería, produtos atractivos para os amantes do cómic, o coleccionismo e a cultura pop.

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 31 de agosto e as bases poden consultarse na web do Galician Freaky Film Festival. O festival seleccionará 10 postos que colocará no centro da Praza Elíptica os días 29 e 30 de setembro, grazas á colaboración do Centro Comercial. Os postos seguirán todos unha estética unificada acorde co GFFF e será a propia organización a encargada de fornecer de mesas e cadeiras aos participantes.

A feira complementarase cun programa de Mesas Freaks nas que os responsables dos postos poderán falar dos seus negocios e tender pontes entre os creadores alternativos da cidade, reforzando a comunidade viguesa.

Ademáis, a feira continúa coa temática escollida para o certame este ano: o anime. "Akira" (Katsuhiro Ōtomo, 1988) é o filme homenaxeado este ano no Galician Freaky Film Festival, protagonista do cartel, e será proxectado na gran pantalla e en 4K. Tamén o Pequefreak contará coa proxección de "Totoro" (Hayao Miyazaki, 1988), outro clásico da animación xaponesa e realizaranse actividades paralelas arredor do manga, o anime e a cultura do país do sol nacente.

Vigo, capital do frikismo

O Galician Freaky Film Festival é o evento de cinema e cultura freak definitivo. Un festival que amosa unha coidada selección nacional e internacional de pezas audiovisuais que adoitan verse privadas das canles habituais de distribución. Pezas moitas veces inéditas en Galicia, con estreas mundiais, internacionais e nacionais.

O GFFF ten todos os ingredientes para convertir a Vigo na cidade de peregrinación freak, onde o seu exército poderá volver a gozar do festival, unha experiencia que vai alén do cinematográfico para converterse nunha experiencia de comunidade. A sétima edición celebrarase os días 22, 23, 27, 28, 29 e 30 de setembro en Vigo e xirará arredor do anime xaponés, coa proxección en 4k de Akira e actividades paralelas.

Feira Fantástica e Freak de Galicia do GFFF

Salir de la versión móvil