Vigo acolle dende o xoves a proxección do documental sobre Moncho Reboiras

Publicidad

“Moncho Reboiras vive!” O lema, acompañado dunha figura, forma parte dalgúns espazos da cidade. Un dos máis importantes está na contorna do Mercado de Teis. Ese mural que día a día acompaña á veciñanza do barrio obreiro ten continuidade en forma de filme. O vigués Alberte Mera é o encargado de dirixir este documental que recalou en Vigo no marco da programación do Primavera do Cine e que dende este xoves e ata o vindeiro domingo 27 poderase ver nos Cines Plaza Elíptica.

A obra é o mellor exemplo do poder que ten a sétima arte. “Reboiras: acción e corazón” permite recuperar a historia de Xosé Ramón Reboiras Noia, un dos dirixentes da clandestina Unión do Povo Galego (UPG) que foi asasinado pola policía franquista en Ferrol en agosto de 1975. No documental participar un total de 29 testemuñas directas que partillaron ou coñeceron ao histórico nacionalista, como o propio irmán Moncho, Manuel Reboiras; a súa curmá, Lita Martínez; o escritor e ex secretario xeral da Unión do Povo Galego, Francisco Rodríguez; os escritores Xosé Luis Méndez Ferrín e Darío Xohán Cabana ou a cineasta Margarita Ledo até os propios que se atopaban Reboiras o 12 de agosto en Ferrol, e que el axudou a fuxir a salvar, Elvira Souto e Lois Ríos.

O documental “Reboiras: acción e corazón” proxectarase nos Cines Plaza Elíptica os días 24, 25, 26 e 27 ás 21:30 horas. Ademais, na xornada do sábado haberá presentación e coloquio a cargo do director e coa participación do actor Daniel Celester, que interpreta Moncho Reboiras na pantalla. As entradas poderanse adquirir nesta ligazón (premer aquí).

O filme “Reboiras: acción e corazón” chega a Vigo logo da súa boa acollida nos cinemas Duplex de Ferrol e Numax de Compostela, onde xa superou un mes de proxeccións continuadas completando a maioría dos días a capacidade das salas. O cariño do público cara a esta longametraxe documental dirixida por Alberte Mera trasladouse tamén a Ourense e a Lugo.

Salir de la versión móvil