Vigo acollerá esta semana o concerto de despedida da xira "Peixe" de Xisco Feijoó

Publicidad

O cantareiro, instrumentista e bailador Xisco Feijoó despedirase esta semana da xira de presentación de "Peixe", o seu primeiro proxecto en solitario. Os dous derradeiros concertos terán lugar o 29 de novembro en Lugo e o 1 de decembro en Vigo, e nestes directos o artista acompañarase tanto dunha ampla banda de oito músicas como de numerosas creadoras e amizades sobre o escenario, entre as que se atopan Fran Sieira, David Vilares, Andrea Pousa, Laura Burgué, as pandeireteiras de O Fiadeiro e de Cántigas e Frores, ou mesmo a chelista estadounidense Natalie Haas.

Cada concerto, ateigado de música, danza e arte, será único e irrepetible. Será a celebración da vida dun proxecto que, a partir do vindeiro ano, se transformará noutra proposta, con novas cores e sonoridades. Previamente, e para por o punto e final, Xisco Feijoó actuará como arrancou o proxecto, acompañado dunha imponente banda de grandes músicas do país. Miryam González, Pipo Alvariño, Galen Fraser, María San Miguel, José Manuel Díaz, Marilú Campos, Antón Pombar e Sandra Costa compartirán escenario con Feijoó nestas actuacións.

A primeira das citas chegará este mércores, 29 de novembro e terá lugar no Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo. A partir das 20:30 horas, Xisco Feijoó despregará todo o seu talento da man tanto da súa banda coma da de Laura Burgué (gaita), Branca Villares (voz e percusión), David Vilares (voz), Xabi Iglesias (baile) e das pandeireteiras de Cántigas e Frores.

A derradeira volta para despedir "Peixe" será na súa cidade, Vigo. O venres 1 de decembro, o Teatro García Barbón será o escenario que acolla o derradeiro directo da xira, a partir das 20:30 horas. Será un festivo e alegre "enterro" do Peixe, unha singular metamorfose na que Xisco sairá ao escenario con artistas como Natalie Haas (cello), Andrea Pousa (voz), Fran Sieira (baile), Luis Lavado (voz), María e Luís Prego (baile), María Vidal (voz e percusión) e das pandeireteiras de O Fiadeiro. As entradas xa están á venda na páxina web Ataquilla.

Salir de la versión móvil