Vigo conmemora os 50 anos da recuperación da Casa de Rosalía de Castro cunha exposición

Publicidad

“A casa de Galicia. 50 anos da Casa de Rosalía” organizada por Pepe Barro é o nome da nova exposición que acolle a contorna da Farola de Urzáiz. Unha mostra que estará ata o 20 de xullo e permitirá aos cidadáns percorrer dunha forma diferente a historia do museo rosaliano e lembrar o fito que supuxo no franquismo conseguir mercar, restaurar e musealizar a casa da escritora grazas a axuda de milleiros de persoas.

Durante a inauguración da exposición, a presidenta provincial, Carmela Silva, aproveitou a ocasión para lembrar a relación de Rosalía de Castro coa cidade de Vigo, “xa que aquí foi onde se publicou a súa grande obra “Cantares gallegos” e tamén aquí ela residiu e gozou dunha feliz etapa da súa vida”. Sobre a historia da Casa de Rosalía que recolle a mostra, a presidenta quixo facer fincapé no importante papel que desenvolveu a cidadanía que “se implicou nun auténtico crowfunding".

A Casa da Matanza abriu ao público o 15 de xullo de 1971, pero non foi ata o ano seguinte cando sería musealizada en base ao proxecto realizado por Xosé Filgueira Valverde. É por iso que as celebracións e actividades deste 50 aniversario durarán un ano, de xullo de 2021 a xullo de 2022. 

A historia da Casa de Rosalía é a historia dun logro colectivo. A Casa da Matanza convertiuse en Casa-Museo en pleno franquismo grazas á implicación de milleiros de persoas e entidades de todo o país e da emigración. O Patronato Rosalía, creado en 1947, convertiuse en refuxio do galeguismo, con actos, como a Misa de Rosalía en Bonaval. Nin sequera o franquismo puido facerlle fronte á vontade popular de recuperar esta edificación. 

Daquela participaron centos de persoas anónimas de Galicia a partir da proposta de José Manuel Rey de Viana, organizáronse colectas en moitas vilas e en case todos os centros galegos na emigración, uníronse máis de 60 concellos, varios bancos, a Federación de Caixas de Aforros, o Celta de Vigo, a Federación Galega de Ciclismo e innumerables asociacións de todo o país. Ao final, colleitouse un total de 994.043 pesetas en 1971.

Tras o acto de inauguración, Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía, foi o encargado de pronunciar unha conferencia xa na sede da Deputación no Casco Vello, na que detallou en profundidade os “estreitos” lazos da autora con Vigo, tanto durante a súa vida como no momento de recuperación da súa casa da Matanza ou durante o 150 aniversario de “Cantares Gallegos”. “Aquí, en Vigo, Rosalía de Castro forxouse como escritora” lembraba Angueira.

Finalmente, o presidente da Fundación Rosalía de Castro destacou que a cidade de Vigo tamén se implicou “de cheo” nos actos con motivo do 150 aniversario de “Cantares gallegos”, no 2013, cando se organizou unha exposición na Fundación Barrié, “de enorme éxito”, e “cando se creou unha alfombra na Rúa Real con versos da “Alborada” rosaliana realizados pola Asociación Veciñal do Casco Vello”.

O evento, que se desenvolveu coa asistencia de asociacións e colectivos culturais da cidade, tamén contou coa actuación da música e compositora viguesa Su Garrido, un pequeno concerto no que interpretou pezas relacionadas con Rosalía.

Salir de la versión móvil