Coñecer a literatura á vez que se fai turismo polas vilas de Pontevedra é posible de novo. A Deputación de Pontevedra aposta unha vez máis pola cultura inaugurando o seu programa de Roteiros Literarios o vindeiro 5 de setembro, iniciativa que conta con ata cinco paseos polas vilas nas que as obras de grandes autores foron inspiradas. Deste xeito a literatura percorrerá Vigo, Moaña, Salvaterra, Silleda e Pontevedra coa colaboración da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG).
O aforo será limitado, contando cun total de 125 plazas, 25 para cada un dos roteiros programados, que se poden reservar xa a través do correo electrónico roteiros.cultura@depo.gal indicando a ruta escollida, os nomes ( máximo catro por reserva) e un teléfono. Estes roteiros celebraranse ao longo de tres domingos de setembro e dous de outubro, sempre de 11:00 A 13:30 horas.
Os encargados de levar as letras e historias polas vilas da provincia de Pontevedra serán, unha vez máis, os propios integrantes de AELG, que seguirán os fíos das súas propias novelas ou mesmo doutros autores para aportar unha visión diferente aos cidadáns dos espazos que cada día percorren. As persoas participantes poderán descubrir as narrativas de Cunqueiro, Xela Arias ou Valle Inclán nos seus escenarios vitais e literarios.
Calendario dos roteiros
- Roteiro de dramaturxia en Vigo o 12 de setembro. Ernesto Is será o encargado de percorrer as narrativas de Marta Pérez, Cunqueiro, Valle Inclán, Maria Xosé Quizán e as súas propias ao longo das rúas da cidade.
- O ronco do carneiro en Moaña, o 19 de setembro. O actor, director e dramaturgo Santiago Cortegoso inspírase na obra do mesmo nome para vivir in situ a fuxida dos opositores franquistas polos montes de Domaio.
- Versos de auga e viño en Salvaterra, o 26 de setembro. Raquel Castro seguirá a pegada de Cunqueiro, Manuel Puente e Xela Arias polos diferentes rincóns da vila.
- Memoria e ficción no relato rural en Silleda, o 3 de outubro. A xornalista e escritora Ana Cabaleiro desempolvará os feitos literarios que agocha o centro da localidade.
- Vida cultural, política e social na Pontevedra de Todo canto fomos en Pontevedra, o 10 de outubro. Xosé Monteagudo guiará un roteiro que o pasado ano non se puido realizar por mor da pandemia, percorrendo os escenarios da súa novela, especialmente os cafés e edificios históricos vinculados ao Partido Galeguista.