Teis gábase do seu pasado obreiro cunha acción participativa na Guía

Publicidad

O salón do MARCO, un espazo experimental de socialización e dinamización da creación cultural multidisciplinar na área de Vigo sae á rúa este sábado, 5 de agosto, co proxecto “Vigo Rebelde”.

O monte da Guía acollerá, dende as 13:00 horas, unha exposición fotográfica do patrimonio industrial e obreiro da cidade. Búscase unha reflexión sobre “os bens de interese cultural como figura xurídica, pero tamén sobre o papel que a cidadanía debe xogar na protección dos denominados BIComúns”, explica Adela Vázquez a coordinadora do proxecto.

Enmarcado dentro da investigación experimental “Vigo Rebelde, o metal en loita”, ou simplemente #VR, esta terceira intervención da investigación consta de 15 fotografías do patrimonio esquecido do barrio, tanto industrial como intelectual. “A gran protagonista é o Monte da Guía como testemuña das loitas sindicais”, asegura Vázquez, xa que alí realizábanse as asembleas onde se decidían os movementos do mundo obreiro dos 70. Tamén haberá imaxes sobre a Festa da Sardiña, que se celebra precisamente esta fin de semana, ou contraposicións de fotografías antigas con imaxes actuais de Vulcano e Ascón.

Outras das imaxes que podemos atopar están relacionadas coa controversia do Porto deportivo da Praia da Lagoa, posteriormente privatizado, ou o mural realizado polo artista Xosé Guillermo en colaboración cos veciños do barrio, hoxe perdido.

Derradeira intervención artística do "Vigo Rebelde"

A mostra deste sábado no Monte da Guía é a terceira iniciativa do proxecto, que xa realizou dúas actividades previas no barrio. A primeira consistiu nun mapexo colectivo e participativo, celebrado no Mercado de Abastos de Teis. Namentres que a segunda traduciuse nun roteiro que percorreu os principais puntos do movemento obreiro dos 70, pasando por Vulcano ou a empacadora, en Guixar.

Todo co obxectivo de “rescatar a memoria común da comunidade sobre o movemento obreiro e as loitas sindicais, especificamente do sector naval”.

Un proxecto transformador arredor do mundo

O proxecto “Vigo Rebelde, o metal en loita” forma parte da iniciativa BIComún, que une os conceptos de BIC –os Bens de Interese Cultural- e o procomún - os bens que pertencen a todos, que herdamos, creamos conxuntamente e que queremos entregar ás xeracións futuras-. Deste xeito, faise referencia á necesidade de protexer, dinamizar os elementos patrimoniais vencellados ao espazo público. Trátase tamén de crear un novo modelo de xestión social dos bens culturais noso territorio.

Dende o 2013, a iniciativa Bicomún engloba unha vintena de proxectos en Europa, Norteamérica e Surámerica.

O “Vigo Rebelde” terá a súa culminación o vindeiro 18 de agosto cunha mostra no MARCO de Vigo que resuma todas as acción levadas a cabo e que será tamén participativa.

Salir de la versión móvil