Vigo, Cangas, Ponteareas e Redondela concéntranse contra a sentenza a La Manada

A Marcha Mundial das Mulleres vén de convocar unha decena de mobilizacións e concentracións en Galicia para amosar o seu rexeitamento á sentenza aos membros de La Manada, acusados de violar en grupo a unha moza durante os San Fermines de 2016.

A Audiencia de Navarra condenou a José Ángel Prenda, Alfonso Cabezuelo, Antonio Manuel Guerrero, Jesús Escudero e Ángel Boza, coñecidos como La Manada, forma da que eles mesmo se denominaban, a nove anos de cárcere por un delito continuado de abuso sexual. O tribunal considera así que cometeron un delito de abuso sexual e non de agresión sexual tal e como pedía a Fiscalía e a Acusación particular con penas de 22 anos.

O tribunal entende que os condenados exerceron sobre a rapaza, de 18 anos naquel momento, actos contra a liberdade sexual “sen violencia ou intimidación” e sen consentimento, tal que como define o Código Penal o delito.

Ante esta resolución, sobre a que cabe recurso, a Marcha Mundial de Mulleres de Galiza convoca á cidadanía a diversas concentracións “contra a xustiza machista” que, din, “volve golpear nos dereitos das mulleres”. Baixo o lema de “non hai xustiza posible nunha sociedade machista” a organización levará a cabo mobilizacións en diferentes cidades e vilas galegas.

En concreto, en Vigo será ás 20:30 horas fronte ao museo MARCO, en Cangas, ás 20:00 horas ás portas do Concello, en Ponteareas ás 20:00 horas diante dos Xulgados e en Redondela ás 20:30 horas tamén fronte aos Xulgados.

As primeiras reaccións no campo da política tampouco se fixeron esperar. A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, amosou esta tarde a súa incredulidade ante o feito de que non se considere que “esa muller foi violada por cinco homes”. A presidenta da Deputación asegurou “respectar as sentenzas xudiciais” toda vez que engadiu que “no noso país non hai leis que garantan a liberdade, a seguridade e os dereitos das mulleres”, como, na súa opinión, reflexa o caso de La Manada. “É incomprensible”, rematou Silva.


Pódeche interesar: Así viviu Vigo un 8 de marzo histórico polos dereitos da muller

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

*