O Congreso Internacional de Economía Social, Eescoop, regresará a Galicia no mes de xuño e celebrarase concretamente na illa de San Simón os días 12 e 13, organizado pola Facultade Comercio da Universidade de Vigo. Este evento vén realizándose dende o ano 1996 en forma de seminarios de investigación, pero en 2016 optouse por cambiar a formato de congreso “como consecuencia do interese que espertaban esas reunións, e co ánimo de abrir a participación a investigadores de universidades doutros países”, explican os responsables do comité organizador, os profesores María José Cabaleiro e Carlos Iglesias, dos departamentos de Economía financeira e contabilidade e de Economía aplicada, respectivamente, e ambos investigadores do Post-Growth Innovation Lab. O Congreso Internacional de Economía Social, Eescoop (Escola de Especialización Profesional en Economía Social, Cooperativas e Outras Organizacións de Participación) acadará con esta a oitava edición e será a segunda vez que a organización lle corresponda á Universidade de Vigo, aínda que na anterior ocasión se realizou en formato seminario.
Esta nova edición terá como lema As Empresas da Economía Social: desde a actividade tradicional cara á innovación tecnolóxica e social. Preténdese, como explican dende a organización, “poñer en común as actuais liñas de investigación e as experiencias prácticas que veñen desenvolvendo neste ámbito. Son referencia obrigada as actividades tradicionais vinculadas á economía social, nas que os principios cooperativos permitiron o seu mantemento e desenvolvemento constante, como tamén o son as actividades emerxentes vinculadas ao sector servizos, do que están a xurdir experiencias de éxito propiciadas, entre outros factores, pola innovación tecnolóxica”.
No evento daranse cita destacadas e destacados investigadores, expertos e profesionais do sector para discutir as liñas de investigación máis actuais e compartir experiencias prácticas dentro do ámbito da economía social. O programa comprende tanto sesións de comunicación como mesas redondas nas que se abordarán cuestións como a desigualdade social, a desigualdade económica, a deterioración da democracia ou o cambio climático, que actualmente preocupan á sociedade. Pero o congreso está aberto a todas as cuestións relacionadas cos valores e principios propios das entidades de economía social.
Os organizadores explican que nestes momentos xa contan con 75 persoas inscritas pero a súa previsión de asistencia está arredor dos 100-120 participantes. Respecto das datas, o vindeiro día 20 de abril é a data límite de inscrición para persoas autoras, mentres que o as persoas non autoras poderán formalizar a súa matrícula ata o 2 de xuño.
O congreso arrancará o día 12 cunha sesión plenaria sobre o valor da información na Economía Social: Estatísticas e Rexistros na que participarán Rafael Chaves Ávila, de IudesCoop; José Luís Monzón, de Ciriec; Carlos Vargas Vasserot, da Universidade de Almería e Carlos Iglesias Malvido, da Universidade de Vigo. Logo terán lugar as sesións paralelas e a xuntanza EesCoop, seguida dun roteiro pola illa. Na segunda xornada continuarán as sesións paralelas e as presentacións de pósters, ademais dunha sesión plenaria sobre tradición e innovación nas empresas de Economía Social, con Carmen Rodríguez Rodríguez, presidenta de Agaca e vicepresidenta de CLUN e con Manuel Varela López, presidente da Caixa Rural Galega.
Respecto da elección da illa de San Simón como sede para este congreso, Cabaleiro e Iglesias destacan que se trata dun “lugar emblemático para a poboación de toda a contorna da ría de Vigo. Un congreso organizado dende a nosa Universidade pareceunos unha oportunidade excepcional para dala a coñecer”. Ademais, a illa conta con instalacións “especialmente adaptadas a este tipo de eventos, con varios edificios e salas que permitirán a celebración das sesións plenarias, así como a realización simultánea da exposición dos numerosos traballos presentados polos participantes”, engaden. De feito, as e os congresistas terán a posibilidade de aloxarse na propia illa, “o que facilitará unha maior interacción entre os investigadores” e poderán “desfrutar e coñecer máis a fondo a contorna e a historia do arquipélago”. Neste sentido, dende a organización agradecen ao Museo do Mar de Galicia (Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude) a cesión durante eses días o acceso á illa para a celebración do congreso.
Os grupos gañadores representarán a Galicia na final nacional, a finais de maio
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL