Desde este mércores pola noite, os escenarios da cidade acollen a celebración da XXX Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense (Miteu). Con teatro, música e humor botou a andar esta semana unha edición na que as aulas de teatro da Universidade de Vigo, unha das entidades que financia a actividade, volven a ter un papel destacado.
A Miteu levantou o pano o mércores no Teatro Principal coa obra El show de Ignatius Farray, de Teatro del Barrio. Xa o xoves, a praza de San Martiño e rúas próximas acolleron o espectáculo Visións panorámicas, no que participaron diferentes grupos dos campus de Ourense, concretamente o seu coro, a súa aula de danza, o seu grupo de música tradicional galega e a aula de teatro Rosaura. Elas e eles uníronse para representar “un cumio político de 14 países elixidos ao azar e coa meta común de supervivencia no mundo”. Ademais, o Teatro Principal foi o escenario elixido para representar a obra Voilà, da Aula de Teatro da USC-Lugo, e o Liceo o concerto Pava, de Lucía Aldao.
Este venres será a queda da Aula Universitaria de Ourense Cordelia, que representará ás 20:00 horas no Teatro Principal Shock. Baixo a dirección de Fina Calleja, a aula toma como base o texto de Caryll Chruchill Amor e información para “indagar ao redor do impacto das novas tecnoloxías, a tolemia do home alienado e a desesperación polo encontro humano”.
A XXX Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense está organizada por Sarabela Teatro, dirixida por Fernando Dacosta e conta co apoio da Universidade de Vigo, a Deputación de Ourense, a secretaría xeral de Cultura da Xunta de Galicia, o Teatro Principal, o Liceo e Cervexas Esmorga. Este ano ten lugar do 23 de abril ao 10 de maio, sendo o lema escollido 30 anos de Miteu …desculpen as molestias! En total, a Miteu traerá á cidade 19 espectáculos de teatro de sala e de rúa, de música e de danza. Tamén haberá coloquios, encontros, un obradoiro e unha exposición, sumando en total arredor de 210 participantes. Estarán 13 grupos universitarios (entre eles os de todos os campus galegos) e seis profesionais, con representación de México, Portugal, Dinamarca, Guinea Ecuatorial e Gambia, ademais de España. Unha vez máis os temas sociais terán un peso importante nos espectáculos, abordándose neles cuestións como a violencia de xénero, o racismo e a preocupación polo auxe dos extremismos.
Nesta edición participan as catro aulas de teatro da Universidade de Vigo e os grupos de danza, música tradicional e coro do campus de Ourense. Este campus tamén é o espazo no que se desenvolverán algunhas das actividades da Miteu. Así, ademais das xa citadas actuacións de Rosaura e Cordelia, o xoves 8, ás 20:00 horas, o Teatro Principal acollerá as 14ª Xornadas de Danza, nas que estarán compañías da Universidade de Santiago de Compostela (Lugo), Universidade da Coruña (A Coruña), Universidade de Vigo (Ourense) e A Casa Vella. O sábado día 10 será, ás 20:00 horas no Teatro Principal, a clausura da mostra coa entrega de premios e coa estrea da última produción da Aula Universitaria de Ourense Maricastaña. Trátase da obra Ludovico 2.5. Por último, da Universidade de Vigo tamén actuará o martes 29, ás 20:00 horas, a Aula de Teatro de Pontevedra, que representará no Teatro Principal Saxo tenor, e o mércores 30, ás 21:30 horaas no Liceo, a Aula de Teatro de Vigo, que traerá ao público o seu espectáculo Divinas palabras.
O campus de Ourense acollerá ademais o luns 28, ás 20:30 horas, a obra Unha Eva e un Adán, de GrahØjdans (Dinamarca), que terá lugar na antiga capela e será un dos pratos fortes desta edición, xunto con Teatro del Barrio. Ademais, nas instalacións universitaria celebrarase o 3 e 4 de maio o obradoiro da Miteu Creación do Corpo Reflexivo, impartido por Russo Nmandong, de Guinea Ecuatorial.
Un partido inspirado en la serie de Netflix de Los Javis se impone en la contienda electoral del alumnado de la Facultad de Comunicación
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL