Un ano máis, a Universidade de Vigo volverá ter un orzamento récord, desta volta 248,8 millóns de euros para o 2024, o que supón un incremento do 9,17% respecto da cifra do actual exercicio, que foi de 227,9 millóns. Este incremento xustifícase na subida derivada da sinatura do novo plan de financiamento do SUG (PFSUG) e no incremento na captación de fondos por mor das novas convocatorias para a investigación e do fondo do Plan de recuperación, transformación e resiliencia e das convocatorias europeas.
As liñas xerais orzamentarias, xunto co teito de gasto de 180,7 millóns, foron presentadas pola xerenta, Yolanda Lesmes, este venres na que foi a derradeira sesión do Claustro deste 2023. Agora o documento deberá ser aprobado polo Consello de Goberno, nunha xuntanza que terá lugar o vindeiro martes 26 de decembro, e posteriormente pasar polo mesmo trámite no Consello Social, tamén a vindeira semana.
No Claustro deste venres, o reitor da UVigo, Manuel Reigosa, tamén presentou o seu informe anual, no que deu conta dos resultados acadados pola institución académica viguesa en temas tan relevantes como a captación de fondos de I+D, matrícula, aforro enerxético ou novas titulacións e centros para o vindeiro curso. Ademais, na sesión tamén se presentou o informe de seguimento e avaliación anual do Plan Estratéxico e o informe sobre a transparencia na Universidade de Vigo correspondente ao ano 2022.
O presentado este venres, con 248.822.967 euros, é o maior orzamento da historia da Universidade de Vigo, o que, segundo puntualizou a xerenta, Yolanda Lesmes, amosa un crecemento continuado e constante que permitirá seguir poñendo o foco nas políticas de persoal para facer fronte ao proceso de xubilación masivo que sufrirá a institución, “a sétima máis envellecida de España”, como recoñecía o reitor. Polo tanto, o capítulo I, de persoal, continuará a ser o de maior peso no orzamento de gasto, apostando pola consolidación e o rexuvenecemento do cadro persoal. Coa dotación deste capítulo, sinalaba Lesmes, “cóbrense os incrementos salariais anunciados ou aprobados polo Estado e as políticas de persoal desenvoltas polo goberno da Universidade a prol da estabilización, unificación dos réximes xurídicos, e retención do talento. Queda por diante o reto do relevo se atendemos a idade media do persoal”.
Respecto do incremento do orzamento, este responde, entre outros factores, á potencia investigadora da institución e dos seus grupos, xa que se rexistrou un importante crecemento na captación de proxectos, sobre todo nas convocatorias europeas. Isto permite obter recursos para o desenvolvemento da actividade investigadora e as súas infraestruturas, que representan arredor do 30% do total de ingresos.
A xerenta tamén se referiu ao novo Plan Galego de Financiamento Universitario 2022-2026, que “supón unha mellora” e lembrou que, mentres noutras comunidades as institucións académicas non teñen claro as contías coas que van poder contar, no caso de Galicia, o feito de ter pechado un plan plurianual coa Xunta permite organizarse doutro xeito.
No referido á distribución por capítulos de ingresos, o capítulo IV (transferencias correntes) segue a ser o máis importante, representando o 59% do total, e procedente principalmente da Xunta de Galicia, de quen a UVigo recibirá 147.085.022€. Pero o incremento deste capítulo resulta mínimo, en relación co exercicio anterior, debido ao protagonismo dos fondos finalistas que se rexistran no capítulo VII (transferencias de capital) e VIII (variación de activos financeiros). Como sinalou a xerenta, a estimación dos ingresos para o exercicio 2024, coma en anos anteriores, atende a criterios de prudencia valorativa e de achegamento á realidade.
O capítulo I, de gastos de persoal, segue a ser a principal partida de gasto, un 58 % do total do orzamento cun importe de 143.696.792 €. Esta cantidade é un 6,47% superior á orzada en 2023, que foi de 134.968.199 €. A xustificación deste incremento está no previsto nos orzamentos do Estado para o exercicio 2024, do 2 % máis o incremento adicional do 1,5 recollido no acordo do Consello de Ministros do 3 de outubro de 2023, os sexenios de transferencia e as ofertas de emprego público.
O capítulo II, de gasto corrente en bens e servizos, ten unha previsión de 32.241.723,43 €. Experimenta un decrecemento do -3,96 %, o que mostra en correspondencia coa contención dos prezos das subministracións.
O capítulo III, de gasto financeiro, con 390.000€, inclúe os créditos para atender os gastos financeiros asociados aos gastos de avais para licitacións publicas ao amparo do art. 60 da LOSU, os xuros de demora consecuencia de reintegros de subvencións non executadas e os asumidos en operacións internacionais fóra da UE, así como as comisións de mantemento das contas correntes en entidades bancarias.
O capítulo IV, de transferencias correntes, experimenta un incremento do 16,17 %, acadando un valor de 8.384.496,00 €.
O capítulo VI, de investimentos reais, acada unha contía de 62.439.955,19 €, cun grande incremento do +23,36 % verbo de 2023, e representa o 25% sobre o total do orzamento de gasto. O incremento explícase polo grande aumento de fondos alleos para a investigación provenientes do fondo de recuperación, transformación e resiliencia.
En conclusión, a Universidade de Vigo presenta un orzamento superior a 2023 debido ao grande incremento das axudas derivadas do novo Plan de recuperación, transformación e resiliencia e ao incremento do financiamento do PFSUG 2022-2026, e ao aumento da dotación de fondos da Xunta de Galicia e da Administración central para o financiamento de actuacións coas que a UVigo se presenta a convocatorias de concorrencia competitiva. O conxunto do gasto vese incrementado polos custos asociados ás políticas de persoal e ao aumento dos prezos das subministracións de gas, electricidade e combustibles.
Atendendo aos programas de gasto, o relativo á docencia terá un orzamento de 3,7 millóns de euros; o de apoio ao alumando e a docencia, 8,4 millóns, o que implica un incremento respecto do exercicio anterior do 30%; ao fomento e desenvolvemento da investigación destinaranse 55,4 millóns, preto dun 10% máis; á dotación de fondos bibliográficos, 2,1 millóns; a extensión universitaria 1,1 millóns, un 5% máis; á dotación e mantemento de infraestruturas, 24 millóns, supoñendo un 32% de crecemento e, finalmente, o capítulo máis importante será o correspondente ao goberno e administración da Universidade, cunha partida de 153,8 millóns, un 5,5% máis que no pasado exercicio.
Na súa presentación, a xerenta referiuse ás principais liñas de actuación en cada programa. En concreto, no Programa de apoio ao alumando e á docencia, destacou as bolsas ou as actividades de títulos propios a través do convenio co Ministerio de Transportes; así como as actuacións en materia de innovación educativa e o convenio para o desenvolvemento dos cursos de capacitación dixital de sustentabilidade co Ministerio de Defensa. En referencia a Extensión Universitaria, este programa de gasto abranguerá as actividades deportivas nos campus de Vigo, Pontevedra e Ourense, incluídas as financiadas polo convenio coa Deputación de Ourense; as actividades culturais nos campus, incluídas as financiadas con cargo aos convenios coas deputacións de Ourense e a de Pontevedra; as actuacións para a integración da diversidade e apoio ao alumnado e soporte das accións de voluntariado e as actuacións de captación de alumnado. Atendendo ao programa de Fomento e desenvolvemento da investigación, destacouse que os proxectos de investigación do MEC e cofinanciados acadan os 10 millóns de euros; aparecen como orgánicas os centros singulares e aqueles con vocación de acadar tal condición (IAA, IXX, IFA, Ecobas); Tamén se inclúen neste programa as axudas aos grupos de investigación e convenio coa Deputación de Ourense; as actuacións para o desenvolvemento e apoio á investigación (axudas á mobilidade, contratos predoutorais, axudas propias, orzamento de cátedras estratéxicas e agrupacións estratéxicas); os proxectos de investigación con fondos de transferencias doutras administracións (RyC, proxecto de comunicación cuántica e investigación en CCMM e os proxectos cofinanciados con fondos europeos e outros). Finalmente, en relación co programa de Dotación e mantemento de infraestruturas, o que máis crece todos, a xerenta sinalou prioridades que pasan polo equipamento de laboratorios; o deseño e construción do edificio da Escola de Enxeñería Aeronáutica; as instalacións térmicas renovables nos campus de Vigo, Ourense e Pontevedra; reformas nos laboratorios do CINBIO; a redacción do proxecto do edificio Siemens; e o estudo de necesidades do edificio do Hospital de Pontevedra para as facultades relacionadas coas ciencias da saúde.
En conclusión, destacaba a Lesmes, con estes novos orzamentos constátase o mantemento do equilibrio orzamentario o longo do ciclo económico dende 2012, salientando que o Plan de Financiamento do SUG favorece a dotación da Universidade de Vigo. Malia isto, “haberá que estar pendente da execución do compromiso de destinar o 1% do PIB ás universidades. A Xunta de Galicia xa se pronunciou ao respecto”. Por outra banda, a nova Lei Orgánica de Universidades introduce melloras cara a calidade, das que se espera o oportuno financiamento. A xerenta engadía, “a Universidade segue a dispoñer de recursos propios para atender o gasto estrutural non financiado por outros axentes, pero dito isto, deberán empregarse esforzos para adoptar medidas orientadas a consolidar os ingresos que garantan a estabilidade orzamentaria e a saúde financeira da Universidade, obtención de recursos e a racionalización do gasto”.
Na quenda de rogos e preguntas a este punto, sobre as liñas orzamentarias, foron varias as voces, entre elas as dos profesores Juan Carlos Surís e José Carlos Álvarez Villamarín, que puxeron en dúbida o equilibrio orzamentario entre os ingresos e os gastos, sinalando, incluso, que isto xera un déficit moi superior ao que permite a lei, “un déficit estrutural” que se cubre cun “remanente herdado do equipo reitoral anterior de máis de 30 millóns de euros”. Para coñecer precisamente a situación real das contas, demandaron “coñecer o uso dos remanentes nos últimos cinco anos”. En representación de Nós Universidade, a catedrática Coral del Río tamén fixo fincapé na existencia de “déficits primarios e desaxustes que se repiten ano tras ano e que non permitiron facer plans de futuro para a Universidade” para abordar o principal reto da institución, o da renovación do cadros de persoal. “Fomos ano tras ano gastando recursos que tiñamos aforrados e aínda non comezamos a acometer o grande obxectivo que temos que marcarnos, que é o de facerlle fronte ás xubilacións masivas”, sinalaba.
A presentación dos resultados de I+D centrou boa parte do longo informe anual ao Claustro do reitor. Como xa é habitual neste derradeiro Claustro do ano, Reigosa informou á comunidade universitaria dos resultados acadados en captación de fondos, tanto a nivel rexional, como nacional e europeo, sendo neste último chanzo onde se acadaron cifras récord. “Marcamos un máximo coa consecución de 39 proxectos internacionais: 18 Horizonte Europa, un dos programas máis esixentes; 13 Interreg e 8 doutro tipo”, subliñou Reigosa, quen indicou que isto se traduce nunha captación de fondos internacionais que alcanza a “histórica cifra” de 13 millóns de euros.
En total o financiamento logrado en investigación sitúase en 2023 en 36,4 millóns de euros, 4,9 millóns máis ca no 2022, sen considerar, neste caso, os Plans Complementarios, fondos adicionais achegados polo Ministerio de Ciencia e Innovación como resultado da covid e dos fondos chegados de Europa e que supuxeran unha entrada adicional de 10 millóns de €, elevando os ingresos de 2022 ata os 41,5 millóns.
Segundo os datos expostos polo reitor, 2023 foi o ano no que se presentaron máis propostas e tamén no que se obtivo máis éxito. En apenas cinco anos -desde 2018 ata a actualidade- o número de proxectos internacionais de investigación case se duplicou, pasando dos 40 traballos activos en 2018 aos 79 vixentes na actualidade. De igual maneira, a evolución tamén foi histórica no número de proxectos europeos educativos, triplicándose o financiamento acadado en anos anteriores: de 501.000 no 2022 a máis de 1,5 millóns en 2023.
A nivel nacional os resultados tamén son “excelentes”, acadándose un total de 40 proxectos por valor de 5,5 millóns de euros e situándose a taxa de éxito no 46,5%, cifra nunca antes acadada. Menos positivos son, segundo informou o reitor, os resultados das axudas convocadas pola Xunta, onde se ben se aumentou nas axudas aos Grupos con Potencial Crecemento, baixouse nas dos Grupos de Referencia Competitiva, “algo que nos preocupa e ao que trataremos de pórlle solución”.
Na evolución das actividades de I+D diminuíu o número de encargos -de 657 a 536- pero produciuse un notable incremento dos ingresos: de 5,4 millóns no 2022 a 6,6 millóns en 2023, fondos aos que se suman os máis de 2 millóns acadados en proxectos de transferencia (Ignicia, Proba de Concepto, Fábrica Intelixente e Sostible...), o que significa un lixeiro incremento con respecto ao exercicio anterior. A todo isto o reitor engadiu tamén os case 16 millóns de euros adicionais procedentes da sinatura de convenios coa Xunta de Galicia (para accións de I+D+i, medidas de dixitalización, plan de desenvolvemento de infraestruturas...), “fondos que nos están a dar moito ar para poder desenvolver políticas relacionadas coa investigación e a transferencia”.
Con respecto ás propostas de novas titulacións para o curso 2024/2025, o reitor amosouse convencido da inminente posta en marcha do Grao en Enxeñaría da Automoción, que está en proceso de verificación, pendente do informe previo da Secretaría Xeral de Universidades, pero no que “todo vai ben”, subliñou Reigosa, quen recalcou que se trata do primeiro grao “realmente dual e que conta co apoio das principais empresas do sector”. Foi menos positivo con respecto á posible modificación do Grao en Relacións Internacionais, un título de carácter interuniversitario entre a Universidade de Vigo e a da Coruña e para o que dende as universidades se demandan máis prazas. “Dado o elevado número de persoas que quere estudalo e a súa elevada nota de corte cremos que o mellor sería que houbese un grupo completo de estudantes en Ourense e outro en Ferrol para que así se puidese impartir a docencia con máis calidade, pero, polo momento, a resposta da Secretaría Xeral foi negativa”, aclarou o reitor.
A nivel de mestrados tentarase a posta en marcha de seis novos títulos, de carácter interuniversitario: Biofabricación; Ciencia do exercicio, preparación física e readaptación deportiva; Economía circular; Internet das cousas; Criminoloxía e Ensino de español como lingua estranxeira ou segunda lingua. No ámbito do doutoramento, a aposta será un programa interuniversitario en Contabilidade. Ao respecto do proceso de creación da Facultade de Enfermaría, o reitor aclarou que se segue a traballar na integración das diferentes escolas, incluíndo Povisa, se ben a integración real “é posible que haxa que adiala ata o curso 2025/2026”.
O informe anual do reitor tamén deixou sobre a mesa a explicación das cifras de matrícula deste curso, situando a taxa de ocupación global no 101% e a cifra total de estudantes en 19.918:, dos cales 15.901 son de grao, 2143 de mestrado, 1381 de doutoramento e 493 do Programa Universitario para Maiores. “En canto á evolución histórica da matrícula, temos os mellores resultados desde hai moito tempo”, explicou o reitor, quen fixo fincapé en que, ademais do reto da remuda de persoal, “a captación de alumnado a medio prazo é, seguramente, o reto máis importante para a nosa Universidade”, situando a captación internacional como unha cuestión prioritaria.
Con respecto ao Plan de aforro enerxético, Reigosa explicou que as diferentes medidas postas en marcha permitiron evitar un gasto de 590.945 euros e a emisión de 940,2 toneladas de dióxido de carbono á atmosfera, se ben, pese a todo, os gastos enerxéticos da UVigo subiron no inverno 2022/2023 en preto de 260.000 euros.
A vicerreitora de Benestar, Equidade e Diversidade, Maribel Doval, encargouse de presentar o sexto informe anual de transparencia da institución académica, correspondente a 2022, ano no que a UVigo segue a ser “a administración galega número 1 en transparencia e bo goberno, segundo os ránkings independentes”, sinalou. Doval salientou en primeiro termo “o altísimo nivel de cumprimento das obrigas de publicidade activa”, posto que a Universidade cumpriu o pasado ano con 87 dos 89 indicadores aos que obrigan as leis estatais e autonómicas e o propio regulamento de transparencia da UVigo. Así mesmo, o pasado exercicio rexistrouse un “notable aumento do número de solicitudes de información”, que pasaron de 17 a 32, manténdose o tempo de resposta nunha media de 21 días e non se rexistrou ningunha reclamación ante a Comisión de Transparencia de Galicia.
Outra das cuestións destacadas deste balance foi o aumento nun 69,8% do número de visitas ao Portal de Transparencia da UVigo, que pasaron de 72.712 en 2021 a 125.503. Ao longo de 2022 realizáronse neste portal 185 actualizacións de ficheiros e informes e creáronse 20 arquivos novos arquivos. Finalmente, o informe destaca tamén que a UVigo mantén “unha boa posición nas clasificacións de transparencia realizadas por entidades externas”, como o ránking da plataforma Dyntra, no que se situaba como a segunda universidade máis transparente, grazas ao cumprimento de 159 dos 169 indicadores propostos. No referido ao informe da Fundación Haz, que neste 2023 concedía á UVigo o seu selo T, este mudou en 2022 o seu modo de publicación, non permitindo coñecer os indicadores que cumpría cada universidade.
Tamén nesta sesión, o catedrático Jacobo Porteiro presentou o informe de seguimento e avaliación anual do Plan Estratéxico da Universidade para o período 2021-2026, que ten como obxectivo mostrar o grao de avance na consecución dos obxectivos estratéxicos fixados neste documento. Secretario da comisión de seguimento, Porteiro abordou o traballo de “revisión profunda do plan” realizado ao longo deste ano e que levou á incorporación como novo obxectivo estratéxico dunha “actividade transversal”, o fomento do uso do galego por parte de todos os sectores da comunidade universitaria. Deste xeito, o plan pasa a ter 30 obxectivos, dos que se derivan 124 accións, das que sete xa están completadas, 98 iniciadas e 21 pendentes, o que, como recolle o informe, “amosa un bo progreso na execución do plan estratéxico”.
Ao longo deste ano, explicou Porteiro, realizouse tamén un labor de revisión dos indicadores fixados para medir o progreso e impacto destas accións, o que levou á reformulación de 51 e ao establecemento de “valores obxectivos” de 85. Tras este proceso, o número de indicadores sitúase en 164, dos que 106 foron avaliados para este seguimento, permitindo constatar “unha boa tendencia en comparación con 2022”. Concretamente, o 68% dos indicadores avaliados presentaban unha evolución positiva fronte ao ano previo; mentres que noutro 31% esa evolución era “estable” e en ningún dos casos foi negativa.
Trátase de facilitar contactos para practicar habilidades lingüísticas mediante conversas informais. Participaron 120 persoas
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de [email protected]
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL