Sete proxectos concedidos e un total de 1.233.432 de euros captados. Este é o balance dos resultados obtidos pola Universidade de Vigo na Convocatoria de axudas para incentivar a consolidación Investigadora 2023, que ten como finalidade impulsar a creación de prazas de carácter permanente nas institucións de adscrición e facilitar o inicio ou o afianzamento dunha liña de investigación mediante o financiamento dun proxecto propio de I+D+i, así como a adecuación e renovación dos espazos e laboratorios e a mellora do equipamento necesario para a súa execución.
Aínda que aberta a calquera área temática, esta convocatoria promove especialmente a consolidación de persoas cuxo ámbito de investigación se enmarque nunha temática estratéxica relativa á intelixencia artificial, á microelectrónica e aos semicondutores (chips), ámbitos para os que se destina un orzamento adicional. Os sete proxectos da UVigo seleccionados corresponden a eidos do coñecemento ben diversos, dende a bioloxía á oceanografía, a xenética, a química ou a ecoloxía.
Por unha banda, e cun orzamento de 169.072€, Miguel Arenas Busto, investigador do CINBIO coordina un proxecto para comprender e predicir as traxectorias evolutivas moleculares do SARS-CoV-2a. Pasados máis de catro anos dende o comezo da pandemia, a atención actualmente está posta en como poderá ser o futuro co virus SARS-CoV-2 e, neste contexto, monitorizar e comprender a evolución do virus en tempo real ofrece a posibilidade de predicir potencialmente futuras traxectorias evolutivas moleculares do virus. Para avanzar neste eido resulta necesario comprender e considerar os mecanismos que xeran a diversidade molecular e a fitness do virus e, precisamente, este proxecto céntrase na evolución molecular del SARS-CoV-2 a niveis de xenoma completo e xenes, e con especial interese en proteínas fundamentais para a replicación do virus que se empregan o deseño das terapias actuais.
Outro dos proxectos seleccionados é Sicomoro, que coordina Alejandro Fernández Villaverde, investigador Ramón y Cajal no CITMAga. Cun orzamento de 196.495 euros, esta liña de traballo pon o foco nas comunidades biolóxicas, poboacións de varias especies que interactúan nun lugar común. Entre elas atópanse as comunidades microbianas, que son omnipresentes na natureza e son empregadas cada vez máis en aplicacións biotecnolóxicas e biomédicas. Trátase de sistemas non liñais cuxa dinámica pode describirse con precisión mediante modelos de ecuacións diferenciais ordinarias e a posibilidade de inferir as variables non medidas destes modelos vén dada respectivamente pola observabilidade e a controlabilidade. Ás veces, a ausencia destas propiedades pódese explicar pola existencia de simetrías matemáticas nas ecuacións do modelo. A busca e análise destas simetrías son tarefas matematicamente complexas e computacionalmente custosas, para facilitalas, no proxecto xeraranse avances metodolóxicos relacionados coa busca de simetrías; implementaranos en ferramentas de software de altas prestacións; aplicarán estes métodos á caracterización das simetrías existentes en modelos dinámicos de comunidades biolóxicas de interese biomédico e biotecnolóxico; e explotarán este coñecemento para facilitar o seu control.
Noela Belén Sánchez Carnero, investigadora María Zambrano do CIM-UVigo, dirixe outro dos proxectos seleccionados, cun orzamento de 152.251 euros, para empregar acústica de banda ancha na caracterización de fondos mariños costeiros. O obxectivo é desenvolver unha metodoloxía de banda ancha para o estudo de hábitats bentónicos que fixe as bases para aplicacións de futuras tecnoloxías multifeixe de banda ancha. En concreto, establecéronse tres obxectivos específicos, por unha banda compilar unha biblioteca de espectros acústicos de diferentes fondos mariños; por outra, establecer directrices metodolóxicas para a clasificación de fondos mariños en base ás súas respostas espectrais e implementar esas metodoloxías nun software de código aberto e, finalmente, explorar, como caso de estudo particular, a caracterización acústica de leitos de bivalvos en explotación, como ferramenta para a súa xestión. Para cumprir con estes obxectivos realizaranse mostraxes acústicas con BB en nas rías galegas e na península Valdés, na Arxentina (42º N e 42º S), en zonas previamente coñecidas pola súa diversidade de hábitats bentónicos.
Tamén dende o CIM se coordina o proxecto Métodos de vangarda para descifrar a dinámica do Monzón, que conta cun financiamento de 191.570 euros. En concreto, o investigador Gianluca Marino porá en marcha unha nova liña de investigación na UVigo explotando a instalación dun espectrómetro de masas de relación de isótopos (IRMS) recentemente financiada. El IRMS está deseñado para realizar análises de isótopos estables e agrupados en mostras de microcarbonato. O obxectivo do proxecto é reconstruír os cambios nos ventos do Monzón de Verán na India ao longo da Transición do Pleistoceno Medio (MPT), que supuxo un importante cambio na frecuencia, duración e intensidade dos ciclos glaciais-interglaciais superpostos a un enfriamento gradual do clima global. Os cambios na temperatura global, no volume de xeo e nos gases de efecto invernadoiro durante este período ofrecen un campo de proba ideal para avaliar a sensibilidade dos ventos do Monzón de Verán na India fronte aos forzamentos climáticos baixo diferentes condicións límite.
José Manuel Salgado Seara, investigador do programa Beatriz Galindo no Departamento de Enxeñaría Química, coordina outro dos proxectos. Cun orzamento de 199.919 euros céntrase en establecer unha cadea de valorización sostible e circular para obter biocompostos a partir de insectos. Aplicaranse procesos de biorrefinería ecolóxicos en subprodutos de insectos, é dicir, utilizando solventes eutécticos profundos naturais (Nades) en cinco especies de insectos seleccionadas para producir quitosano de alta calidade. Ademais, avaliaranse as propiedades funcionais do quitosano obtido e incorporarase a biopelículas de envases activos para prolongar a vida útil do peixe. O proceso de biorrefinería producirá outras fraccións valiosas, como proteínas e lípidos, que tamén poden utilizarse como alimento ou como ingredientes funcionais en alimentos para animais.
Cun orzamento de 124.206 euros, a investigadora do CIM-UVigo María Gómez Brandón dirixe o proxecto Probiofertil para avaliar o potencial de biorremediación das larvas de insecto para a mellora da fertilidade do solo e o desenvolvemento do cultivo. Céntrase no aproveitamento de residuos agrogandeiros a través da biotecnoloxía de insectos, co fin de mellorar a xestión e tratamento destes residuos ao tempo que se obteñen novos produtos con potencial para o seu uso como insumos agrícolas. Estes subprodutos preséntanse como unha alternativa sostible ao uso de fertilizantes minerais pola súa composición rica en quitina e en nutrientes de fácil asimilación. O equipo de traballo estudará os cambios na composición e diversidade microbiana, os perfís de xenes de resistencia a antibióticos e patóxenos microbianos humanos como resultado dos procesos asociados ao intestino das larvas de Hermetia illucens L., coñecida comunmente como a mosca soldado negra. A continuación, levarán a cabo unha experimentación en invernadoiro para determinar o efecto da exuvia do insecto sobre o microbioma e o resistoma. Isto completarase cunha experimentación en campo para avaliar o papel biofertilizante no sistema solo-planta dun agroecosistema de millo forraxeiro, a través do seu impacto nas comunidades microbianas e os perfís de xenes de resistencia a antibióticos no solo e a rizosfera.
Finalmente, o investigador do CINBIO Gustavo Bodelón dirixe o proxecto BIORAR, Desenvolvemento de biosensores de células enteiras e libres de células baseados en reporteiros Raman, dotado dun orzamento de 199.919 euros. Os biosensores de célula enteira (WCB) e libres de células (CFB) son ferramentas deseñadas xeneticamente para detectar a presenza de analitos diana na contorna e informar sobre a súa presenza xerando un sinal medible. Os recentes avances en bioloxía sintética posibilitaron, por exemplo, a aplicación destes biosensores para a detección de biomarcadores en modelos preclínicos de enfermidades gastrointestinais, inflamación e cancro. A pesar do seu gran potencial, este tipo de biosensores teñen limitacións clave que esixen enfoques radicalmente novos e é neste contexto no que xurde o proxecto liderado por Bodelón. BIORAR propón a implementación de reporteiros Raman (RaR) codificados xeneticamente en biosensores de célula enteira e libres de célula co fin de incrementar significativamente a súa sensibilidade, a capacidade de multiplexado e a súa portabilidade empregando espectroscopia SERS. Este proxecto interdisciplinario, unindo bioloxía sintética, nanotecnoloxía e ciencia de materiais, propón unha solución radicalmente nova para a obtención de biosensores altamente mellorados para aplicacións de diagnose clínica e detección de contaminantes ambientais no punto de atención.
Trátase de facilitar contactos para practicar habilidades lingüísticas mediante conversas informais. Participaron 120 persoas
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL