Desde este mércores e ata o 22 de xullo desenvólvese no xacemento paleolítico das Gándaras de Budiño (O Porriño) unha nova campaña arqueolóxica. Os traballos dan continuidade os iniciados o anos pasado e consisten nunha escavación en área que procura coñecer mellor “as densas acumulacións de ferramentas líticas que se atopan no lugar”, consdierado “o xacemento paleolítico máis antigo de Galicia”.
O equipo que participa na campaña está liderado por Eduardo Méndez, profesor da Facultade de Historia do campus de Ourense e investigador do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo, e por Manuel Santonja, do Instituto de la Evolución Humana en África, pertencente á Universidad de Alcalá de Henares. Nos traballos arqueolóxicos participa un grupo de estudantes do Grao de Xeografía e Historia da Universidade de Vigo así como do Mestrado de Arqueoloxía da Universidade de Lisboa (Portugal) e da Université Toulouse-Jean Jaurès (Francia). Segundo explican os seus responsables, estas investigacións enmárcanse dentro dos proxectos de investigación Axudas de apoio á etapa de formación posdoutoral da Xunta de Galicia e contan co apoio económico do Concello do Porriño.
O xacemento con presenza humana máis antigo de Galicia
O xacemento das Gándaras de Budiño, explica Eduardo Méndez, foi o primeiro enclave de época paleolítica en ser identificado e escavado en Galicia. “Inicialmente escavado en 1963 por E. Aguirre, mundialmente coñecido por ser o impulsor do proxecto Atapuerca e recentemente falecido, Budiño pasou a converterse nun xacemento de referencia a nivel nacional e internacional, pero altamente problemático, xa que as primeiras datacións deste lugar indicaban un cronoloxía duns 25.000-15.000 anos, cando este tipo de lugares tiñan que ter unha idade superior aos 100.000 anos de antigüidade”.
Esta circunstancia, detalla o investigador, “levou á idea de que no noroeste da península ibérica existía un paleolítico atípico e anacrónico con respecto ao que acontecía no resto do suroeste de Europa. Isto supuña un argumento para defender a idea do 'atraso secular de Galicia', o cal xa arrincaría no paleolítico”.
Neste contexto, desde o ano 2018 o equipo de investigación que desenvolve este proxecto “estaba á procura de resolver os principais problemas do xacemento, nomeadamente a cronoloxía”. Para isto, entre outras medidas, obtiveron mostras xeolóxicas para a realización de datacións de luminescencia opticamente estimulada (OSL) sobre os sedimentos.
O procedemento de datación realizouse nas instalacións do Environment Institute and Institute for Photonics and Advanced Sensing (IPAS) da Universidade de Adelaide (Australia). “Os resultados das datacións veñen de confirmar a antigüidade do xacemento das Gándaras de Budiño, obténdose datas duns 310.000 anos para os niveis antigos do xacemento, e idades máis recentes, de entre 25.000 e 55.000 anos, para os niveis superiores. Estes resultados fan das Gándaras de Budiño o xacemento con presenza humana máis antigo de Galicia, datado polo tanto en algo máis de 300.000 anos”, sinala Eduardo Méndez.
A cronoloxía do xacemento e as características das ferramentas líticas acrecenta, segundo explican os responsables da intervención, a importancia do sitio das Gándaras de Budiño no contexto do desenvolvemento cultural e humano do final do plistoceno medio europeo. “Sitios coma este xustifican a coexistencia nesta época de varias tecnoloxías diferentes (achelense e paleolítico medio antigo), producidas á súa vez por especies humanas diferentes e con orixes xeográficas diferentes (unha especia africana indeterminada e os neandertais)”, apunta por último o investigador da UVigo.