60 estudantes de diferentes titulacións da Universidade de Vigo responderon á chamada do HackForGood para imaxinar un mundo máis sostible. Dende onte pola tarde e ata mañá sábado dispoñen de 48 horas de traballo para responder ao reto de crear solucións tecnolóxicas cun fin social.
O que é o maior hackathon de España, impulsado pola Rede de Cátedras Telefónica, celébrase simultaneamente en 25 de universidades de 16 cidades de todo o Estado e, nesta novena edición centrada na sostibilidade, conta con arredor de 1000 estudantes inscritos. Na fase viguesa, divididos en 11 equipos, as e os "hackers bos" traballan no Teatro Vidal Bolaño na procura de solucións para algún dos retos plantexados pola organización. O obxectivo é que estes equipos multidisciplinares formados por estudantes de diferentes titulacións unan os seus coñecementos durante estes dous días para idear, deseñar e presentar un proxecto innovador que atenda ás necesidades reais das persoas e facendo fincapé nos Obxectivos de Desenvolvendo Sostible, ODS. Os tres mellores proxectos repartiranse 4000 euros, pasarán á fase nacional e tamén competirán nos Premios HackForGood Big Day.
O hackaton comezou onte xoves pola tarde, coa presentación dos equipos e un relatorio do profesor da UVigo Javier Rodeiro titulado Da idea ao produto. Ao longo do día de hoxe e mañá pola mañá, os equipos traballarán nas súas propostas, que deberán presentar ao xurado o sábado pola tarde. Esta mañá recibiron a visita Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo; Manuel Ángel Alonso, director de Telefónica-Norte; e José Cidrás, director da Cátedra Telefónica da UVigo, que se achegaron para coñecer as propostas de cada un dos equipos e lembrarlles que o ano pasado o proxecto gañador da fase viguesa, HortiHouse, acadou o segundo premio nacional desta competición e, posteriormente, proclamouse gañador da VIII edición de HackForGood Big Day 2023, impoñéndose a 26 universidades de todo o país.
En total os estudantes están a traballar en 11 proxectos de innovación tecnolóxica e social, que abranguen diferentes eidos, como ecoloxía e a sostibilidade, a saúde, a accesibilidade ou a xestión da enerxía. Un equipo formado por alumnado de Enxeñaría Industrial nas especialidades de Mecánica e Electrónica, deseña un dispositivo para axudar, por medio de vibracións e cunha perspectiva de 360º, ás persoas con discapacidade visual nos seus desprazamentos. Mentres, outra proposta pasa por deseñar “un camiño neuronal, unha especie de exosistema neuronal” que axude ás persoas con problemas de mobilidade.
Outro equipo optou por deseñar unha pulseira de localización e fíxoo a raíz dunha enquisa que realizaron entre 110 estudantes que os deixou moi preocupados: a metade recoñecía ter sido vítima de algunha agresión na rúa, como intentos de roubo ou agresión sexual, etc. A pulseira permitirá enviar a localización premendo un botón, pero tamén se poderá programar para facelo “repetindo unha palabra varias veces, para casos nos que a persoa usuaria estea inmobilizada”.
O eido da sostibilidade aglutina tamén varias propostas, como o uso de blockchain ou criptomoedas para “buscar inversión trazable para reforestar bosques e instalar placas solares, xerando así enerxía renovable para a súa venda” ou un proxecto para a recuperación e envorcado á rede de enerxía aproveitando o paso dos coche polos lombos. Para isto, explican os seus impulsores, barallan dúas alternativas, empregar a rotación das rodas dos coches ou un sistema de placas que aproveita o peso do vehículo. En relación coa enerxía, outro grupo está a estudar o mercado eléctrico español e comparándoo con outros países que teñen unha renda per cápita maior pero un prezo da electricidade máis barato. “A nosa idea é buscar solucións para reducir o prezo da factura dos edificios de vivendas”, e entre outras ideas, estes estudantes de Enxeñaría Eléctrica e Electrónica barallan “o almacenamento de enerxía eléctrica por gravidade, como fan en China”.
Tamén en relación co medio ambiente, un dos equipos traballa nun sistema de captura de CO2 mediante bioventás compostas por dúas placas de metacrilato con algas no medio. Ademais de aproveitar o feito de que “polo seu propio sistema de supervivencia, as algas precisan fixar CO2”, ao final da súa vida, estas algas terían unha segunda utilidade, xa que se poderían converter en biomasa ou biocombustible. En relación coa natureza, o alumnado tamén traballa nunha base de datos con toda a información da calidade do solo de España, para o que están a crear unha aplicación e estacións físicas para a recollida de datos.
As outras propostas que se están a desenvolver son un sistema de mellora da xestión dos comedores sociais e unha iniciativa para a dixitalización do comercio local, ofrecendo ás tendas como valor engadido “o reparto directo e instantáneo ao cliente”. Finalmente, outro proxecto aposta por crear unha ferramenta para o inventariado doméstico dos produtos de alimentación empregando tecnoloxía RFDI. Deste xeito, explican os seus creadores, “cada vez que se garda comida nun armario ou na neveira, os produtos inclúese automaticamente nunha base de datos que recolle a data de caducidade, cantidade, etc.”
As aplicacións gañadoras do HackForGood serán aquelas que obteñan mellor valoración atendendo ao impacto e importancia do problema solucionado; a creatividade, a innovación e o grao de acabado conseguido. Tamén se terá en conta a formación de equipos multidisciplinares que inclúan todo tipo de perfís, dende deseñadores, informáticos ou enxeñeiros, ata sociólogos, emprendedores sociais, etc...
No caso de Vigo, as tres propostas vencedoras recibirán 1000, 600 e 400 euros, respectivamente. Ademais, tamén outorgarán catro premios temáticos, dotados de 500 euros cada un, aos mellores proxectos de innovación enerxética e ambiental; de innovación social, de innovación e responsabilidade social empresarial e, finalmente, de transformación dixital. A entrega de premios será mañá ás 18.00 h.
Os tres primeiros clasificados en cada sede optarán aos premios nacionais, dotados de 2000, 1000 e 500 euros e ademais terán a posibilidade de continuar cos seus proxectos durante uns meses para poder logo presentalos aos Premios HackForGood Big Day, que se celebran un ano despois na sede de Telefónica en Madrid e que reparten tres galardóns de 6000, 2000 e 1000 euros.
Trátase de facilitar contactos para practicar habilidades lingüísticas mediante conversas informais. Participaron 120 persoas
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de [email protected]
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL