Investigadores do grupo Encomat e do grupo e-Materiais da Universidade de Vigo levan varios meses traballando de maneira conxunta para buscar o xeito de incrementar a vida útil de estruturas de formigón reforzadas con aceiros de memoria de forma. A súa proposta é a aplicación de películas intelixentes autorreparadoras ou smart coatings, cuxa viavilidade están a estudar no marco do proxecto SmartCoDur, seleccionado dentro do Plan Estatal de Investigación Científica, Técnica e de Innovación (2021-2023).
O proxecto botou a andar no mes de setembro e conta cun orzamento de 172.500€ para desenvolvelo ata agosto de 2027. Os dous investigadores principais son Carmen Pérez Pérez e Antonio Collazo Fernández, do grupo Encomat e do Cintecx, e xunto con eles están involucrados no proxecto Raúl Figueroa Martínez, Beatriz Guitián Saco e David Álvarez González, do grupo e-Materiais, ademais de colaboradores da Universidade de Aveiro ou da Asociación Galega de Corrosión e Protección.
Carmen Pérez explica que o obxectivo xeral deste proxecto é incrementar a durabilidade de estruturas de formigón reforzadas con aceiros con memoria de forma. Estes aceiros, coñecidos como Fe-SMA, explica a catedrática Carmen Pérez, “constitúen un grupo de materiais novidosos con interesantes aplicacións en enxeñaría civil, especialmente aquelas destinadas a reforzar estruturas críticas”. O seu mecanismo de actuación basease en “producir unha transformación de fases no aceiro que implica a súa contracción. Cando esta contracción está restrinxida, por exemplo, no caso de que o aceiro se encontre embebido en formigón endurecido, o formigón impide a deformación do material xerándose tensións de compresión que melloran o comportamento resistente da estrutura”.
As vantaxes de empregar estes aceiros de memoria de forma son múltiples, pero pola contra presentan una resistencia á corrosión moderada, resultando moi sensibles á acción dos cloruros, presentes por exemplo nas sales de desxeo. É neste punto no que traballa o proxecto SmartCoDur, que trata de buscar métodos que protexan estes aceiros da corrosión, “que comporta importantes danos ás estruturas e chega a poñer en risco a propia integridade estrutural”. A proposta do equipo científico da UVigo para incrementar a súa durabilidade, e polo tanto a vida en servizo da estrutura, é o emprego de recubrimentos, “unha das estratexias máis prometedoras”.
En concreto, o enfoque proposto baséase no desenvolvemento de novos recubrimentos intelixentes amigables co medio ambiente, que poidan autorreparar a película danada (“self-healing”) de forma autónoma. “Desta forma garantiríase unha maior vida en servizo da estrutura, o que comporta importantes aforros económicos e operacións de mantemento”, detallan.
O proxecto comprende tres obxectivo específicos. Por unha banda, o equipo xa traballa na síntese e caracterización dos revestimentos autorreparadores. “Isto inclúe o deseño dos microcontenedores onde se encapsularán os axentes activos, e a formulación do recubrimento intelixente”. A validación dos produtos sintetizados realizarase mediante diferentes técnicas de caracterización.
Posteriormente traballarase na avaliación da capacidade de autorreparación das películas sintetizadas e aplicadas sobre tiras dos aceiros de memoria de forma. Este punto, explican os investigadores, “céntrase na optimización dos parámetros asociados á aplicación da película”. A capacidade de autorreparación analizarase a escala de laboratorio empregando pequenas tiras do Fe-SMA sometidas a diferentes condicións de estrés.
O terceiro obxectivo e a avaliación da durabilidade das estruturas de formigón reforzado con Fe-SMA e recubertas cas películas intelixentes. O equipo fabricará no laboratorio estruturas de formigón reforzadas con Fe-SMA e recubertas e nunha segunda etapa prevese a utilización dun piloto. Os resultados obtidos, avanzan os investigadores, “empregaranse para desenvolver un modelo preditivo que intente correlacionar a información a curto prazo ca vida útil prevista da estrutura”.
Buscan este obxectivo con aceiros de memoria de forma - Carmen Pérez e Antonio Collazo, do grupo Encomat, lideran o proxecto nacional SmartCoDur
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL