Os investigadores Estefanía Paredes, Alba Lago e Jesús Souza Troncoso, do grupo Ecocost do Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo acaban de conseguiron un avance pioneiro a nivel mundial no eido da acuicultura sostible: o desenvolvemento dun protocolo eficaz de criopreservación para o mexillón Mytilus galloprovincialis que permite conservar por conxelación larvas en estadios avanzados e, por primeira vez, organismos mariños xuvenís de ata 1 milímetro de tamaño. O estudo, publicado na revista Scientific Reports do grupo Nature, representa o primeiro caso documentado de criopreservación exitosa dun organismo mariño de gran complexidade e dimensións, situando o CIM como referente mundial neste ámbito.
Este avance científico adquire especial relevancia no actual contexto da miticultura europea, un sector en retroceso nas últimas décadas. De feito, a produción de mexillón na Unión Europea pasou de 600.000 toneladas en 1990 a 480.000 toneladas en 2016, debido a múltiples factores como a diminución do recrutamento natural, restricións nas zonas de extracción de semente, o aumento da temperatura mariña, o impacto do cambio climático e a exposición a contaminantes. En Galicia, onde M. galloprovincialis representa arredor do 60% da produción mundial, a forte dependencia das fontes naturais de semente (mexilla) constitúe unha das principais limitacións do modelo produtivo tradicional.
Por todo iso, o novo protocolo desenvolvido polos investigadores do CIM supón un importante avance técnico, pero tamén unha ferramenta estratéxica con aplicación directa na sustentabilidade mariña. Permite preservar larvas e xuvenís durante os períodos de alta dispoñibilidade, reducir a dependencia do recrutamento estacional da mexilla, conservar liñas xenéticas valiosas e apoiar a restauración de bancos naturais sobreexplotados. Trátase dunha solución científica que responde aos retos actuais da acuicultura e da conservación da biodiversidade.
Como detalla Estefanía Peredes, do Departamento de Ecoloxía e bioloxía animal, “a investigación en mexillón é moi importante por dúas razóns: por unha banda, trátase dunha especie de enorme interese para a sociedade galega e poder contribuír ao coñecemento e á sustentabilidade deste recurso paréceme fundamental. Por outra, empregamos o mexillón como animal modelo para avanzar tamén noutras especies como as ameixas ou os berberechos. Os logros acadados con esta especie impulsaranos no desenvolvemento de protocolos para outros moluscos”.
O obxectivo principal da investigación foi deseñar un protocolo de criopreservación que abarcase todo o ciclo larvario do mexillón, incluíndo por primeira vez a fase xuvenil, ata agora inalcanzable. Para conseguilo, realizáronse bioensaios nos que se modificaron factores clave como a temperatura, a salinidade e o réxime de alimentación, co propósito de identificar as condicións óptimas de crecemento e saúde larvaria. Estas condicións foron posteriormente utilizadas como estratexias de pretratamento previas á conxelación, baseadas na hipótese de que un maior estado fisiolóxico aumenta a capacidade de sobrevivir ao proceso de criopreservación.
O protocolo desenvolvido permite conservar larvas desde as 24 ata as 72 horas post-fecundación e foi progresivamente optimizado para incluír estadios larvarios máis complexos (ata 26 días) e xuvenís (mexilla) de 40 e 45 días. Con este avance, logrouse criopreservar por primeira vez un organismo mariño de máis de 1 mm de tamaño, abrindo novas posibilidades tanto para a conservación da biodiversidade como para o sector acuícola.
“O laboratorio de criobioloxía do grupo Ecocost sitúa o CIM como referente internacional no desenvolvemento de protocolos de criopreservación de organismos mariños e na vangarda da innovación biotecnolóxica con aplicacións na acuicultura, na xestión marisqueira e na conservación da biodiversidade”, engade Paredes.
Ata o momento, os estudos de criopreservación en organismos mariños limitábanse ás primeiras fases larvarias ou a especies modelo como Drosophila melanogaster ou Danio rerio. Este traballo do CIM representa o primeiro caso documentado de criopreservación completa de todos os estadios larvarios dunha especie mariña, e único exemplo de éxito en fase xuvenil tanto terrestre coma acuático.
Entre os achados máis relevantes destaca a constatación de que a alimentación previa á criopreservación non só non prexudica o proceso, senón que mellora a supervivencia, o tamaño e a normalidade morfolóxica dos organismos conxelados, contradicindo ideas previas sobre o risco de formación de cristais de xeo en tractos dixestivos cheos. Estes resultados supoñen un avance metodolóxico de gran valor para futuros protocolos de conservación mariña. Os datos serán presentados no Congreso da Society for Cryobiology en Hannover do 21 o 25 de xullo.
A investigación foi realizada no marco do Programa de Ciencias Mariñas de Galicia, coordinado polo CIM e financiado pola Xunta de Galicia a través dos fondos NextGenerationEU e o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR). Con este traballo, o CIM consolida o seu papel como referente europeo en investigación mariña aplicada, demostrando a capacidade da ciencia galega para ofrecer solucións innovadoras aos desafíos ambientais, produtivos e de conservación que afronta o océano.
Supón un fito no eido da acuicultura sustentable e podería reducir a dependencia dos bancos naturais
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL