O Bloque Nacionalista Galego de Vigo vén de completar a súa candidatura en Vigo para as vindeiras municipais. Unha lista “comprometida co feminismo, o ecoloxismo e a cultura, así como a defensa das clases populares traballadoras e dos servizos públicos". A fronte nacionalista concorre ás eleccións municipais do vindeiro 28 de maio cunha lista paritaria, con perfís diversos e persoas referentes nos barrios e parroquias e nos movementos sociais.
“Unha candidatura tan plural como é Vigo e que definiría en tres palabras: entusiasmo, compromiso e enerxía para resetear en positivo a cidade”, valorou o concelleiro e candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, que asegurou que estas mulleres e homes van “empurrar o grande salto electoral” do BNG co obxectivo de ser unha forza “determinante” no Concello para levar ‘Vigo máis alá’, lema de precampaña nacionalista, recollendo a crecente onda de simpatía social cara ao Bloque.
O cabeza de lista considerou que con esta candidatura buscan avanzar cara un Vigo "máis habitábel e verde, máis igualitario e socialmente xusto, que volva ser pulmón industrial de Galiza, vangarda na creación cultural e que se converta no motor de todo un País". O BNG, dixo, "somos a alternativa para todas as viguesas e vigueses que non se conforman con máis do mesmo”, afirmou.
Igrexas puxo en valor que esta lista renovada demostra o carácter “aberto e positivo” do proxecto do Bloque en Vigo, con 27 postos titulares e 9 suplencias entre as que destacou a incorporación de persoas independentes como Ramón Nicolás e Vítor Vaqueiro, dous referentes culturais da cidade. A lista fecharaa, no posto 27, Olaia Fernández Davila, exconcelleira, deputada no Parlamento galego e portavoz no Congreso, unha “referente do nacionalismo en Vigo, orgullosa viguesa e un motivo de orgullo para todas as mulleres e homes que facemos parte do BNG”.
O candidato nacionalista salientou o “intenso, permanente e rigoroso traballo” do Bloque durante o actual mandato, que o converteu na oposición “real” acompañando cada crítica e denuncia dunha proposta “en positivo”, mentres outras forzas “xogaron ao pimpampum inútil de costas ás necesidades das viguesas e vigueses”.
Candidatura do BNG en Vigo
- Xabier Pérez Igrexas. Val do Fragoso | Concelleiro e Portavoz municipal do BNG de Vigo desde o 2019.
- Ana Martínez Piñeiro. A Salgueira | Licenciada en Xeografía e Historia
- Filipe Abalde Comesaña. Navia | Diplomado en Educación Física
- Elsa Quintas Alborés. Candeán | Licenciada en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela
- Brais Ruanova Vilas-Boas. Bembrive | Graduado superior en Química Industrial
- Carmela González Iglesias. Saiáns | Deputada do BNG no Parlamento galego
- Manuel Caride Correa. O Calvario | Licenciado en Socioloxía
- Olaia Chaves Fariña. A Dobrada | Estudou Relacións Laborais, celadora na sanidade pública
- Vítor Vaqueiro Foxo. Alcabre (Independente) | Licenciado en Química e doutor en Ciencias da Comunicación
- Mª Pilar Rodríguez Pérez. Sárdoma | Enfermeira na sanidade pública
- Ramón Nicolás Rodríguez. O Calvario |Profesor, crítico literario e escritor.
- Tamara Martínez Villar. Teis | Mestra Educación Musical. CIG-Ensino.
- Nuno Galán Alves. Saiáns | Estudante de ADE-Dereito
- María Isabel Tato Sánchez. O Calvario | Libreira.
- Eduardo Ruanova Davila. Matamá | Técnico industrial e presidente do colectivo Malaherba.
- Patricia Maquieira Gómez, Lavadores | Licenciada CC Políticas e PSX Sergas.
- Antón Piñeiro Lorenzo. Coia | Exprofesor de Bacharelato e expresidente do CB Seis do Nadal-Coia
- Iria Costas Pérez. Coruxo | Estudante de Pedagoxía
- Xoan Carlos Rodríguez Vila. Bembrive | Técnico en laboratorio de materiais de construción
- Chelo Lago Mariño. Navia | Sindicalista na CIG
- David Miranda Martínez. Coia | Produtor e guionista audiovisual
- Raquel Pérez Fernández. Casco Vello | Sindicalista na CIG
- Borxa González Castro. Travesas | Autónomo no proxecto Orgullo Galego
- Lidia Fariña Piñeiro. O Calvario | Colectivo xubilados e xubilados e pensionistas da CIG
- Maica Rivas Corbacho. Casablanca | Profesora, catedrática de secundaria de FP.
- Adrián Rodríguez Bravo. Lavadores | Sindicalista na CIG
- Olaia Fernández Davila. Castrelos | Exdeputada do BNG no Parlamento galego e portavoz no Congreso
ENTIDADE LOCAL MENOR DE BEMBRIVE
- Candidato á alcaldía pedánea: Roberto Fernández Vila
- Suplente: Beni Expósito González