O BNG de Vigo denuncia a instalación de alumeado de Nadal nas árbores da cidade

Publicidad

Vigo prepara dende a semana pasada para o Nadal que comezará o vindeiro 23 de novembro. Mentres Iluminaciones Ximénez traballa na instalación das luces en diferentes espazos da cidade, o BNG vigués interpelou ao Goberno municipal ao respecto polo alumeado e a presenza doutros ornamentos nas árbores da urbe galega. O concelleiro Xabier Pérez Igrexas formulou na mañá deste mércores na Comisión Informativa de Medio Ambiente do Concello unha pregunta reclamando que o Executivo local informase de que actuacións tiña previsto adoptar para evitar que este ano se volva incumprir a ordenanza municipal de zonas naturais e espazos verdes, que segundo a fronte nacionalista prohibe expresamente que se pendure ningún tipo de instalación no arborado. O equipo do goberno local asegurou que ofrecería unha resposta a esta demanda por escrito.

“As árbores non son postes, son seres vivos. Son o alicerce do equilibro ambiental e un elemento vital de saúde pública”, defendeu Igrexas. O edil nacionalista apostou porque a celebración do Nadal sexa tamén “ambientalmente sustentábel”, lembrando que o Pleno aprobou por unanimidade a declaración de emerxencia climática na cidade. “Pasemos das declaracións aos feitos. Comezando por cousas básicas como cumprir a ordenanza que protexe as nosas árbores”, reclamou.

O BNG tamén amosou a súa preocupación polo impacto ambiental da contaminación lumínica que pode producir o alumeado de Nadal con 10 millóns de lámpadas. Igrexas aludiu as informacións que apuntan a que se podería estar a poñer en risco o certificado Starlight das Illas Cíes.

Neste sentido, o portavoz nacionalista fixo súas as declaracións do ministro Pedro Duque, que na súa visita a Vigo alertara dos efectos dun exceso de iluminación. “As nenas e nenos e o conxunto das viguesas e vigueses temos dereito a poder ollarmos o ceo estrelado” afirmou, reclamando “racionalidade” na planificación do alumeado.

Salir de la versión móvil