A última resolución de axudas para o fomento da cultura científica, tecnolóxica e de innovación da Fundación para a Ciencia e a Tecnoloxía, FECYT, do Ministerio de Economía, Industria e Competitividade deixou este ano excelentes noticias para a Universidade de Vigo ao outorgarlle a concesión de sete axudas por valor de 150.000 euros. Son os mellores datos acadados pola institución académica viguesa nesta convocatoria, unha das poucas que existen, tanto a nivel nacional como internacional, específicas para divulgación e, derivado disto, tamén unha das máis competitivas.
“Este é o ano que acadamos máis éxito ao conseguir máis do 50% dos proxectos presentados, o maior número de propostas financiadas e, tamén, a contía máxima de financiamento”, explica a vicerreitora de Investigación e Transferencia, Belén Rubio, quen lembra que o vindeiro venres se celebrará en toda Galicia a G-Night, a Noite galega das persoas investigadoras, coordinada desde a Universidade de Vigo. A vicerreitora relaciona este éxito cunha “maior conciencia por parte do persoal investigador de que a divulgación científica é importante” e tamén polo “apoio técnico prestado desde a Universidade polo persoal da Unidade de Cultura Científica, UCC”.
Haberá actividades nos tres campus, algunhas que se porán en marcha por primeira vez este curso e outras que xa comezan a consolidarse no calendario de actividades divulgativas da Universidade de Vigo.
Desde a Vicerreitoría de Investigación e Transferencia valoran especialmente a consecución destas sete axudas porque con elas se ratifica unha tendencia que arrancou no 2018 cando, por primeira vez, a UVigo acadou dúas destas subvencións. No 2016 presentáranse tres proxectos e non se acadou ningún; no 2017 sete e tampouco se chegou a acadar financiamento; no 2018 xa se presentaron dez propostas e conseguíronse dúas; no 2019, volveron presentarse seis e tamén se acadaron dúas; no 2020 presentáronse 13 e conseguíronse seis; no 2021 presentáronse 16 e conseguíronse cinco, e agora, na convocatoria do 2022 presentáronse 13 e conseguíronse sete.
“O importante é que fomos aumentando progresivamente, desde un 0% no 2017 a un 20% no 2018 e ata chegar a máis do 50% este ano”, recalca a vicerreitora, ao tempo que defende que son datos que, por unha banda, reflicten que a comunidade investigadora é cada vez máis consciente da importancia e o recoñecemento que ten a divulgación científica e , pola outra, reflicten os froitos que comeza a dar o labor de asesoramento que veñen facendo neste tipo de proxectos, tanto desde a OPI como desde a UCC.
A cidade de Vigo será escenario de boa parte dos proxectos subvencionados ou, cando menos, dela partirán diferentes iniciativas que logo se trasladarán ao conxunto da sociedade galega. Volverase pór en marcha Ciencia de ida e volta, o plan anual de actividades da UCC+i da Universidade de Vigo, subvencionado con 30.000 euros e que inclúe actividades como exposicións, talleres, conferencias, concursos… que poñen en valor e dan a coñecer as investigacións que se están a levar a cabo na UVigo. “Este plan xa está ben consolidado e ben estruturado, algo que se conseguiu grazas á participación do persoal investigador e a que cada ano se van incorporando cousas novas”, recalca a vicerreitora.
Repetirán tamén dúas propostas -financiadas con 24.000 e 11.000 euros, respectivamente- que chegan da man do Centro de Investigación Mariña, CIM, en colaboración co Campus do Mar. Trátase, dunha banda, de Desafíos do océano: científicas al mando, unha miniserie documental de seis capítulos de dez minutos de duración cada un, continuación dun proxecto do mesmo nome que se leva a cabo con grande éxito e acollida coa colaboración da FECYT desde a edición de 2020 e, xa da outra, Mar emerxente | Scientist meet Artists, un espazo de encontro e diálogo entre dúas disciplinas moi diversas: a ciencia e a arte e na que a indagación, innata ao mundo da investigación, dialoga coa creatividade, propia do mundo artístico.
Desde o CINBIO, volverase contar con financimento -25.000 euros-, para a posta en marcha dunha nova edición da feira CinVigo, Ciencia na rúa, unha feira científica ao aire libre, en pleno centro da cidade de Vigo, rodeada de actividades paralelas e coa que se busca levar a ciencia ás rúas e ás prazas, achegándoa ás mozas e mozos, quen serán os protagonistas da ciencia do futuro.
Nesta ocasión a proposta que acadou un maior financiamento, 31.750 euros, é Posgrowth S.A. Pontevedra, un proxecto de ciencia cidadá no ámbito das ciencias sociais dirixido a xerar coñecemento sobre o papel da innovación na transición ecolóxica nun contexto territorial local como é a cidade de Pontevedra. Participarán estudantes e profesorado de educación secundaria e bacharelato, que se converterán en científicos sociais e levarán a cabo unha investigación no marco do proxecto europeo ERC Starting Grant Prospera. O proxecto, coordinado por Brais Suárez, presentouse en coordinación entre a Universidade de Vigo e o Concello de Pontevedra, e no seu desenvolvemento contouse tamén coa colaboración do IES Luis Seoane, centro que forma parte da Rede de Escolas Asociadas da UNESCO desde 1997.
Desde o campus de Ourense e da man da profesora Beatriz Cancho, docente da Área de Nutrición e Bromatoloxía, este curso vaise pór en marcha o proxecto Aprendo a ler o que como. Formando consumidores responsables desde a aula, co que se axudará a crear, desde o ámbito universitario, alianzas cos docentes de Educación Primaria e Secundaria para mobilizar recursos á hora de impartir unha educación de calidade no ámbito da alimentación e a saúde de cara a formar consumidores responsables e reverter a incidencia da obesidade e as enfermidades que dela se derivan. A idea é organizar diferentes actividades para formar ás nenas e nenos galegos no ámbito nutricional e darlles ferramentas para comprender a información nutricional contida no etiquetado dos alimentos procesados.
A maiores as cidades de Vigo e Pontevedra volverán ser escenario da experiencia Te lo cuentan las matemáticas, unha iniciativa na que o curso pasado participaron preto de 800 alumnos e alumnas e que vai dirixida a estimular as “vocacións matemáticas” dos nenos e nenas de primaria e a amosarlles as múltiples aplicacións desta ciencia na vida cotiá. A través dos talleres que o estudantado da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte impartiu nestes 15 colexios e dunha serie de encontros con investigadoras e investigadores, a experiencia busca rachar coa percepción desta ciencia como algo desconectado da vida cotiá e cun modelo de aprendizaxe baseado na aplicación de regras de forma mecánica. Coordinado pola profesora Marta Pérez, do Departamento de Matemáticas, o proxecto está financiado con 19.000 euros. “Este proxecto está funcionando moi ben e, polo tanto, conta co aval da comisión avaliadora das axudas para seguir sendo financiado”, recalcou Rubio.
Trátase de facilitar contactos para practicar habilidades lingüísticas mediante conversas informais. Participaron 120 persoas
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL