Rubén Pérez (1977) afronta as súas cuartas eleccións municipais presentándose como cabeza de cartel, esta vez na coalición Podemos-Marea de Vigo. O candidato da esquerda, que entrou por vez primeira na corporación local en 2015 grazas ao impulso das mareas, ten agora o desafío de lograr que o proxecto político que lidera perdure máis alá do 28 de maio, nun escenario dominado pola maioría absoluta de Abel Caballero (PSdeG-PSOE). Desta vez, aposta polo lema "Recuperemos Vigo", que pretende poñer o foco na "recuperación de debates de cidade e de servizos públicos privatizados".
Pregunta (P). Que diferenzas existen entre estas eleccións e as de fai catro anos, cando tamén fuches candidato por Marea de Vigo?
Resposta (R). Esta lexislatura quedou marcada pola pandemia. Socialmente temos mudado, hai máis cabreo social e máis incredulidade coa cuestión política nunha sociedade que ve como os prezos dos alugueiros e das cousas máis básicas aumentan. Temos que facer un esforzo maior para chegar á xente. Algúns entenden que iso se fai inxectando cantidades inxentes de diñeiro en recursos mediáticos e outros queremos contacto coa cidadanía. É unha campaña difícil porque non se está falando do municipal, é unha antesala das xerais de final de ano.
P. Falemos pois do nivel local. Cales son os maiores problemas da cidade de Vigo?
R. Nesta lexislatura tentamos colocar o debate da vivenda. Cada vez que levamos unha moción ao pleno en relación coa Sareb ou cun parque de vivenda pública se nos dicía que branqueabamos á administración con responsabilidade en vivenda, á autonómica. Pois estas son as eleccións municipais da vivenda. A lei de Vivenda da potencialidades aos concellos para xestionar o que xa é o maior problema, xa non é o emprego. E outro é a financiación local. Tras a pandemia asumimos moitas atribucións que non eran nosas, pero non temos recursos para xestionalas. Quen queira falar de infraestruturas, de AVE de grandes proxectos urbanísticos... hai que baixar á realidade.
P. A vivenda é unha das preguntas que facemos nestas entrevistas aos candidatos. Que se pode facer a nivel municipal?
R. É unha cuestión de vontade política. Todo o mundo fala de vivenda, nos concellos de Izquierda Unida desenvólvese vivenda pública, como en Rivas Vaciamadrid, Valladolid ou Barcelona. Cando chegamos aos gobernos, o primeiro que facemos é intentar ter capacidade de xestionar parques públicos de vivenda en titularidade municipal. Non vale de nada facer Navia como fai a Xunta se en dez anos está no mercado libre. Ten que haber parque público titularidade do Concello. Non é un debate menor. En toda Europa os concellos xestionan parques públicos de vivenda moi importantes. Vigo ten máis de 100 millóns ao ano sen executar, hai marxe para facelo.
P. Vitrasa estará tamén na axenda esta lexislatura co remate da prórroga. Cal é a vosa aposta para o transporte público?
R. Cando se afrontou o debate dixemos: xestión pública directa. Na maior parte das grandes cidades hai xestión pública, como Madrid, Barcelona, Sevilla ou Málaga. Facendo os cálculos das amortizacións pendentes de Vitrasa e o lucro cesante de actividade, perfectamente poderíamos asumir a xestión directa. O Grupo Avanza ten unha capacidade de negociación moi forte, o alcalde parece que é o director comercial do Grupo Avanza, pero nós imos apostar sempre pola xestión pública, é a que menos custa e, dende un punto de vista de eficiencia económica, a máis rendible.
P. Como se afrontan unhas eleccións nas que o alcalde ten unha maioría absolutísima?
R. É moi difícil a permeabilidade das nosas propostas na “brunete mediática” que se vive nesta cidade. Podo poñer os exemplos dos contratos para que Faro de Vigo, Radio Vigo e todos os medios constrúan o relato de cidade que non é verdade. Forma parte da construción dun réxime. É moi difícil traballar nesta cidade cos parámetros mínimos de democracia. Somos a terceira forza e estamos absolutamente invisibilizados. Os erros internos os asumimos e xestionamos, pero a falla de pluralidade é un problema. Sempre comparo Vigo con Marbella. Izquierda Unida estaba en Marbella absolutamente minorizada, o noso concelleiro tiña que vivir fóra do termo municipal e o que dicía era sempre penado electoralmente, pero cando se levantaron as alfombras e saíu todo, o relato da oposición era o real. En Vigo vai pasar o mesmo. Non teño dúbida. Cando Abel Caballero non sexa alcalde o relato da oposición vai se real. Como non se fixo control nas concesionarias, como se xestionaron os recursos, como se xogou ó castigo e premio co movemento veciñal. Hai que facer unha reflexión deste autoengano que temos permanente de pensar que somos a gran cidade de Europa. En servizos públicos, recursos, servizos sociais Vigo está a anos luz de calquera cidade Europea.
P. Acabará Vigo como Marbella?
Non teño ningunha dúbida. Os contratos de Aqualia, de FCC, de Vitrasa estarán xudicializado, espero que sexa unha realidade.
P. Teme a desaparición do proxecto de Podemos-Marea en Vigo?
R. As enquisas din que é certo que hai un desgaste permanente dende o ano 2016. Pero o electorado do PSOE e do BNG está xa posicionado e o noso e do PP está máis bailando. A campaña ten que servir para posicionar ao noso electorado. Veño dunha forza política que sacaba un 1%, para nós o feito de resistir nunha dinámica de exclusión permanente do noso relato é positivo. O noso obxectivo é manter os dous concelleiros. A nosa campaña non ten nin 9.000€ de orzamento, unha anécdota con relación ao que vai gastar o BNG, o PP ou o PSOE. Sobrevivimos nunha cidade moi difícil e é un mérito dos homes e mulleres de Esquerda Unida, Anova e Podemos. Estar na corporación é un éxito permanente.
P. Temedes unha fuga de votantes ao BNG?
R. O BNG gobernou esta cidade. A impostura de anunciar cousas cando se gobernou e se sostivo ao Goberno de Abel Caballero en coalición.... non somos o mesmo. Caballero tamén é un produto do BNG que a cambio de repartir determinados prebendas parece que se aceptaron determinadas cousas. Lembro aquelo de “Alcaldía” por un lado e “Tenencia de Alcaldía” por outro. Falar da Panificadora cando hai un convenio que daba un 90% de edificabilidade privada firmado por un alcalde do BNG paréceme unha impostura. Hai que asumir os erros.
P. Neste sprint final estará Yolanda Díaz?
A Marea de Vigo e a coalición con Podemos quixemos que tivera compoñente local...
P. Preguntaba porque ela presentouse pola provincia de Pontevedra
R. Si, pero nós dixemos que queríamos un proxecto municipalista, porque fóra do municipalismo non temos nin que pensar igual. Non pedimos demasiado, si algúns perfís como Carlos Sánchez Mato polas remunicipalizacións. Na cuestión municipal de Vigo Podemos e Esquerda Unida pensamos igual e tentamos facer un proxecto municipalista illado do resto do ruído.
P. Pódese cambiar Vigo dende a oposición?
R. Non é o mesmo que haxa sete concelleiros da oposición que seis. Sete poden esixir ao secretario que emita un informe, e iso significou paralizar as licencias corruptas, dende Cabo Estai até a licenza de Praza de España. Seis xa non poden facelo. Temos que ter unha oposición con capacidade de fiscalización. Se non foramos sete, Cabo Estai estaríase facendo e na Praza de España habería edificabilidade ilegal.
P. Catro propostas para o Vigo do futuro?
R. O “Recuperemos Vigo” do noso lema de campaña ten que ver con introducir debates que foron importantes na cultura política da cidade. O Urbanismo pensado para unha mobilidade de vehículo persoal no centro da cidade hai que erradicalo. Tamén recuperar a democracia no sentido máis formal dando máis capacidade ao Pleno e a interlocución co movemento veciñal e fórmulas de diálogo para elaborar os orzamentos. Tamén recuperar o que perdemos ao longo destes anos. Os sucesivos gobernos de Vigo privatizaron todo. O último foi o peche dos pavillóns municipais. Recuperemos a empresa pública de auga. E recuperar o sector industrial e naval. Somos unha cidade de servizos xa, o que significa que o paro se vai matizando pero a aportación dos salarios ao PIB vigués é terrible. Non é recuperar a nostalxia nin o Vigo dos 80 e a Movida, é recuperar debates de cidade, Álvarez, o Fraga, Alfageme, o dereito de paso por Toralla...
P. Cales son os principais erros de Abel Caballero?
R. O primeiro é o trumpismo político. É unha marca, non hai programa electoral, non rende contas, é el e 19 palmeiros. É un concepto cesarista do municipalismo terrible. Ten un factor incluso autodestrutivo para o PSOE. Se fora militante de esquerdas do PSOE tería esa reflexión. Outro ten que ver co entreguismo ás empresas privadas. Viu que iso era un mecanismo de lanzadeira e xogou nesa dinámica. Temos un conflito terrible en Vitrasa cunha empresa que en cuestións laborais quere xogar nunha dinámica destrutiva e manda máis Vitrasa que Abel Caballero incluso na fixación de prezos. E despois a cuestión do respecto ás regras da democracia. Cando chegou Marea cambiouse o regulamento do Pleno. Tivemos que xogar con todo en contra. E logo está a política de propaganda con cartos públicos. Eu incido moito nisto. É un problema serio. Donald Trump controla determinadas cadeas e redes sociais. Todo isto en escala menor o vivimos aquí. Hai un risco democrático terrible. Tamén quero destacar a diferenciación entre o centro e a periferia da cidade.
P. E os acertos?
R. Non me gusta o localismo, pero é certo que recuperamos un certo orgullo. Esa teoría dun Vigo feo e caótico... pois mira como todas as grandes cidades do mundo. Recuperamos o orgullo. Había un electorado localista que eu non comparto pero que estaba orfo, xente que vota PP e Vox e que nas municipais engancha nese localismo. Aínda que as veces é ridículo.
P. Está a favor do Vigo Vertical?
R. A mobilidade sostible é absolutamente necesaria, pero hai que dimensionar. Non vale de nada poñer ascensores e escaleiras se non hai estrutura de custe de mantemento a longo prazo. Ter o ascensor que conecta Torrecediera con averías semanais é porque non houbo estrutura para saber as avarías, a obsolescencia, etc. Mobilidade sostible para persoas maiores e con discapacidade perfecto, pero hai que facer un estudo económico que non se fixo.
P. Cales son as vosas propostas culturais?
R. Falar co sector, primeiro. O concelleiro non quixo facelo. No Verbum gastamos millóns e millóns de euros e está aí de adorno. Pódese recuperar con proxectos como unha residencia de artistas cun sistema expositivo. Tamén hai que recuperar a misión orixinal do Marco como museo de arte contemporánea e tamén cremos que Vigo ten excesiva dependencia de actividades culturais para os maiores de 60 anos como son rondallas, corais, etc. A diversidade cultural hai que fomentala e recuperar proxectos como Súbete ao Castro, a Casa da Xuventude, etc. Nesta cidade se es mozo salvo o botellón pouco tes que facer, e iso é un problema.
P. Pasea por Vigo e ver o Teatro Fraga completamente abandonado por Abanca é unha tristura. Que proposta tedes para recuperalo?
R. O proceso de bancarización das caixas foi destrozar patrimonio de todo tipo. En Vigo estabamos moi acostumados a que a programación cultural fora a de Caixanova. Hai que ter un proceso de negociación entre Concello e Abanca. A antiga obra social, o patrimonio da mesma, ten que ser cedido ao Concello de Vigo. Falamos do Fraga, falamos de edificios en Santa Rita, o clube de Xubilados do Calvario... patrimonio da antiga caixa que forma parte da obra social de Abanca queremos que se ceda como sucede en moitísimos concellos en Andalucía coa antiga Cajasur ou en Cataluña con La Caixa.
P. Estás a favor dos concertos subvencionados en Balaídos?
R. Non. Ese concerto está contratado, ten as entradas vendidas por ventura, conta e risco dun promotor privado. O que quere facer Abel Caballero non é promocionar un concerto. Quere xustificar a entrega de dous millóns de euros para que falen del. Podo entender que en calquera país europeo isto é delito. Son dous millóns de euros para promocionar un concerto que ten o 90% das entradas vendidas. Pero isto que é? Se me din que o vai contratar o Concello... pero o concerto está contratado dende febreiro. O que hai son dous millóns non para que se fale de Vigo, senón de Abel Caballero. Unha obscenidade terrible.
P. Estaría entón disposto a contratar concertos directamente?
R. Que o Concello contrate concertos para que unha persoa que non ten recursos poida ir vouno defender sempre. Pero iso significa que o alcalde non o presenta. Como foi con Bryan Adams, que nos criterios da licitación posto por escrito figura a esixencia de presentación por parte do alcalde. Se un concello quere dar cartos para un programa de festas perfecto, pero se a condición é que o alcalde presente ao artista para min é corrupción. Por desgraza non hai unha lei que estipule que debe ser por interese público e non por interese persoal.
P. Caballero defende que hai sectores e partidos que queren acabar co Nadal en Vigo...
R. Se o alcalde di publicamente que a oposición quere cancelar o Nadal é un auténtico despropósito. Iso si, o Nadal saturado de excursións non deixa cartos na cidade. Decembro no comercio local non foi bo. A min non me preocupan as luces de Nadal, a partida é sostible con 800.000 euros. O problema é que esa non é a principal partida. As luces son anécdota. A principal partida é todos os cartos que se vai aos medios de comunicación para falar de luces. Se o Nadal son tres millóns de euros e a maior partida é autobombo para que un alcalde vaia polos platós a golpe de talonario con cartos que sae dos impostos... Esa é unha dinámica perigosa. O alcalde dixo que viñeran cinco millóns de persoas e a golpe de talonario ningún medio de comunicación dixo que minte. Evita a función xornalística a golpe de talonario. É vergoñento. Cinco millóns de persoas en dous meses é dun delirio absoluto. Almeida en Madrid non pode facer iso. Por que se pode facer en Vigo? Polas inxentes cantidades de cartos públicos, e se alguén o cuestiona ao día seguinte non hai convenio, non hai publicidade da Deputación... é obsceno.
P. A maioría absoluta de Caballero é por mor dos medios?
R. Abel Caballero ten dúas cousas que nunca pasaron. Unha, a posibilidade de masacrar á oposición política sen ningún tipo de contra. Xa o fixo no mandato do BNG no que ningoneou absolutamente a Santi Domínguez. E dous, a construción mediática. Tamén por parte do movemento veciñal. A golpe de talonario se silenciaron diferentes cuestións nas asociacións. Por iso comparo Vigo con Marbella. Así se fixo alí. Pero si que creo que falta xornalismo crítico.
P. Que se xoga Vigo o 28 de maio?
R. Xógase construír democracia. O movemento veciñal que non está comprado está minorizado. É un momento no que se incorporan 10.000 votantes mozos que poden ver a política trumpista desde alcalde de Tik Tok que baila... Unha vez dixéronme que eu bailaba pouco. E que eu non estou aquí para bailar nin para facer o paiaso. Metropolitano fíxome unha entrevista política, pero levo todo o mes falando do que teño na neveira... Creo que estamos xogando o futuro porque Caballero vai a pasar, aínda que sexa por cuestión biolóxica, pero o relato de como se fai política non. É perigosísimo. Cando non sexa concelleiro seguirei combatendo para que a cidade se constrúa sobre verdades e non sobre talonario.
Un taxista requirió a la Policía Local de Vigo por una clienta que se negaba a pagar el trayecto. Al identificarla, detectaron que tenía una orden de detención
Unos 42 taxistas llevarán este martes a cerca de 200 personas mayores por la ciudad para que disfruten de la magia de la Navidad de Vigo
Papá Noel recibió en Vigo la inesperada visita de un grupo de jóvenes con deseos reivindicativos. Allí dejaron una carta cargada de esperanza
Un ourensano, presente en la lucha por el 'prime time' entre Motos y Broncano. Así fue la cita de un exalcalde de Ourense
As conclusións do estudo permitirán achegar recomendacións específicas a cada universidade
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de [email protected]
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL