O presidente do PPdeG reivindicou a honestidade e a coherencia de Nico Montes para que o 28 de maio ningún voto se perda nas urnas e se malgaste en gobernos de partidos que perden o seu tempo traballando en contra do progreso de Tui. Neste sentido engadiu que o candidato ten "un equipo forte e valente que quere gobernar con responsabilidade, poñendo en marcha iniciativas ligadas ao benestar da xente, como a creación de industria que xeren postos de traballo ou o fomento do deporte".
Alfonso Rueda reivindicou que o alcaldable popular coñece ben a administración local porque tivo responsabilidades de goberno que o fixeron máis consciente das necesidades da vila. Por iso invitou aos veciños a sentirse identificados co seu proxecto, porque vai gobernar para todos, sen excluír a ninguén. Entre os plans do Goberno galego está finalizar a conexión da autovía Tui-A Guarda coa A-55, que conectará a comarca con Portugal cunha vía de altas prestacións de libre pago, e seguir reclamando ao Goberno central que poña en marcha as conexións que Galicia precisa con Portugal. Rueda destacou a situación estratéxica de Tui para recibir inversións de carácter internacional, como pasa coa Eurorrexión.
Pola súa banda, o candidato do PPdeG á Alcaldía de Tui, Nico Montes, comprometeuse a liderar o futuro de Tui porque ten un equipo “preparado para gobernar e ilusionar” aos veciños da cidade para “facela tan grande como o seu pasado e infinita como o seu futuro”. Montes quere ser recoñecido pola “transparencia na xestión, axilidade na resolución de problemas e a conexión coa realidade” para ser capaz de escoitar a todos os veciños e ofrecerlle respostas en todo o que necesiten.
Entre as súas prioridades asegurou que, se gaña as eleccións, solucionará “o caos circulatorio no centro de Tui, que fai que circular pola cidade sexa un inferno” e cambiar a iluminación en parte do núcleo urbano “por imaxe e, principalmente, por seguridade”. Outros dos seus compromisos pasan por dar resposta á falta de estacionamento coa construción dun “aparcamento en altura enriba do actual aparcamento de autobuses”, a creación dunha ampla zona verde arborada “para que desfruten nenos e maiores na traseira da Área Panorámica”, un centro de día e un plan estratéxico de turismo.