O cancro de páncreas é na actualidade un dos cancros máis agresivos e con maior letalidade. Aínda que está asociado a un tumor relativamente pouco frecuente, na maioría dos casos cando é detectado atópase xa metastatizado, o que explica o seu mal prognóstico, sendo a segunda causa de morte relacionada con todo tipo de cancros.
Conscientes de que a loita contra esta doenza é unha prioridade a nivel global, o persoal investigador do Grupo de Inmunoloxía da Universidade de Vigo, liderado pola catedrática África González e pertencente ao Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina (CINBIO) e ao Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, propúxose buscar unha terapia eficaz contra este tipo de cancro a través do proxecto "Reprogramación metabólica y epigenética como dianas terapéuticas en el cáncer de páncreas: efecto antitumoral de terapias combinadas", que acaba de ser distinguido cunha Axuda Merck de Investigación na área de Inmunoloxía-Oncoloxía.
A contía da axuda concedida pola Fundación Merck Salud é de 30.000 euros cun prazo de dous anos para a execución do proxecto, que conta ademais coa colaboración da doutora Susana Teijeira, do Biobanco do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur; a doutora Carmen Guerra, do CNIO (Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas) e os doutores Ángel Rodríguez de Lera e Rosana Álvarez, do grupo de Química Orgánica (ORCHID) do CINBIO.
Fundación Merck Salud convoca anualmente, dende 1991, as Axudas Merck de Investigación, co obxectivo de financiar proxectos de investigación inéditos realizados por equipos de investigadores españois, en diversas áreas biomédicas. Na edición 2023 foron catro as categorías: esclerose múltiple; fertilidade; inmuno-oncoloxía e terapias avanzadas en oncoloxía e neuroloxía. O proxecto liderado polo CINBIO foi seleccionado na terceira destas modalidades como a mellor proposta entre as 26 presentadas. “Sentímonos moi afortunados de que a Fundación Merck Salud confiase en nós e no potencial dun proxecto de investigación que busca acadar unha terapia efectiva fronte a cancro de páncreas”, afirma a catedrática África González.
O xurado estivo composto por representantes de sociedades científicas e especialistas de relevancia científica neste eido, en concreto, Enriqueta Felip Font, presidenta da Sociedad Española de Oncológica Médica (SEOM) e xefa da Unidad de Tumores Torácicos, de Cabeza y Cuello e investigadora e directora clínica do Programa de Investigación del Cáncer Torácico no Instituto Vall d’Hebrón de Oncología de Barcelona; Jesús García-Foncillas López, membro do Patronato da Fundación Merck Salud; Manuel Juan Otero, xefe de Servicio de Inmunología Hospital Clinic de Barcelona e Marcos López Hoyos, presidente e xefe do Servicio de Inmunología do Hospital Universitario Marqués de Valdecilla de Santander e director científico do Instituto de Investigación IDIVAL. Aínda que a data non está confirmada, a Fundación Merck Salud organizará un acto para facer entrega destas axudas a todos os grupos de investigación seleccionados.
O obxectivo do proxecto liderado por África González é atacar este tipo de cancro mediante o emprego dunha nova combinación de terapias de maneira secuencial. Primeiro diminuíndo o estroma tumoral denso mediante unha tecnoloxía desenvolvida polo Grupo de Inmunoloxía no seu laboratorio do CINBIO e da que xa teñen resultados previos, seguido de fármacos que afectan á epixenética do tumor. Deste xeito, “cremos que poderemos reverter a resistencia do tumor de páncreas e facelo tratable”, sinala González.
Por outra banda, o desenvolvemento de organoides (estruturas en tres dimensións con variedade de células que permiten simular o comportamento do tumor orixinal) a partir de biopsias ou tumores de pacientes, “permitiranos probar combinacións de fármacos, favorecendo así a personalización do tratamento”, engade a líder do proxecto.
A pesar dos avances tanto cirúrxicos como de inmunoterapia e quimioterapia, a letalidade do cancro de páncreas non descendeu nos últimos trinta anos en comparación con outros tumores como os de colon e mama. Sumado ao seu mal prognóstico, este tipo de tumor increméntase ademais de 0,5% a 1% por ano, converténdose na segunda causa de morte relacionada con todo tipo de cancros.
Segundo datos ofrecidos pola American Society of Clinical Oncology, para o 52% de persoas que reciben un diagnóstico despois de que o cancro diseminase a unha parte distante do corpo, a taxa de supervivencia relativa a cinco anos é do 3%. Se o cancro é detectado nunha etapa inicial, cando a extirpación cirúrxica do tumor é posible, a taxa de supervivencia relativa do cancro de páncreas a cinco anos é do 44%. Arredor do 12% das persoas reciben o diagnóstico neste estadio. Nos casos nos que o cancro se diseminou aos tecidos ou órganos circundantes, a taxa de supervivencia relativa a cinco anos é do 15%.
La Universidade de Vigo consolida su posición en la franja 801-1000 tal y como recoge el ranking Times Higher Education
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de [email protected]
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL