A Universidade de Vigo recibiu esta semana a visita dunha delegación institucional da Universidade Agraria da Habana (UNAH) para facer seguimento do proxecto internacional Prácticas de economía circular en gestión de residuos para mejorar la productividad y calidad alimentaria en Cuba, unha iniciativa coordinada pola UVigo, financiada pola Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) cunha subvención de 400.000 euros, que promove a economía circular a través da compostaxe comunitaria para mellorar a fertilidade dos solos, incrementar a produtividade agrícola e reforzar a seguridade alimentaria en Cuba.
A delegación reuniuse co vicerreitor de Investigación, Transferencia e Innovación, Manuel Martínez Piñeiro, e o catedrático Salustiano Mato, coordinador do proxecto na UVigo, para revisar o avance da iniciativa e fortalecer a colaboración entre ambas institucións. Pola parte cubana asistiron a vicerreitora de Investigación da UNAH, Mabelin Armenteros Amaya; o coordinador do proxecto en Cuba, Heriberto Vargas Rodríguez; o co-coordinador, Yandre Soto Rodríguez; a directora de Posgrao da universidade cubana, Zulema Salguero Rubio; e o profesor de Bioloxía Elio Lázaro Amador Lorenzo. Xunto a eles asistiron tamén a directora da Área de Proxectos Internacionais de Educación da UVigo, Eva Garea; o técnico do proxecto, Domingo Pérez, e Emma Iravedra, da Secretaría da rede CRUSOE.
O encontro serviu para presentar os novos responsables institucionais de ambas universidades, analizar o estado de execución do proxecto e os retos aos que se enfronta o equipo de traballo en Cuba, reforzar a cooperación entre ambas as dúas institucións e achegar a delegación cubana a diferentes instalacións e laboratorios da Universidade de Vigo.
A iniciativa, cunha duración de 24 meses e desenvolta en colaboración coa empresa Fabricados Electromecánicos Estévez Fábrez SL, conta cunha subvención de 400.000 euros da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento, AECID, dependente do Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación, e acada un orzamento total de 500.000 euros.
O seu obxectivo é contribuír á sustentabilidade ambiental, á seguridade alimentaria e ao desenvolvemento local en Cuba mediante a implantación dun sistema de compostaxe comunitaria na Granxa Escola Universitaria El Guayabal, pertencente á Universidade Agraria da Habana. Búscase converter esta experiencia nun modelo replicable no contexto cubano, promovendo a valorización dos residuos orgánicos, a rexeneración dos solos agrícolas e o fortalecemento das capacidades técnicas locais para unha produción agroecolóxica máis sostible.
O proxecto busca responder a unha problemática especialmente relevante para o sector agrario cubano, marcada pola baixa fertilidade dos solos, a escasa presenza de materia orgánica, a compactación dunha parte importante das terras agrícolas e a limitada implantación de prácticas de compostaxe e vermicompostaxe. Neste contexto, a incorporación de sistemas de economía circular permitirá mellorar a xestión dos residuos orgánicos de orixe agrícola e gandeira e favorecer a recuperación da fertilidade dos solos.
As actuacións previstas estrutúranse arredor de tres grandes eixes: a implantación dun sistema comunitario de compostaxe, a aplicación de prácticas agroecolóxicas para mellorar a produtividade e a resiliencia dos cultivos e a capacitación dos axentes locais para garantir a continuidade da iniciativa.
Entre as accións programadas inclúense o deseño e instalación de composteiros comunitarios, programas de formación especializada para persoal técnico, agricultores e gandeiros, obradoiros de sensibilización dirixidos á comunidade, con especial atención á participación de mulleres, mocidade e outros colectivos, a elaboración de materiais didácticos e o seguimento agronómico do impacto do compost sobre a fertilidade do solo e os rendementos agrícolas.
A Universidade Agraria da Habana desempeña un papel esencial na execución do proxecto, facilitando as instalacións da Granxa Escola Universitaria El Guayabal, participando na supervisión técnica da solución de compostaxe, colaborando na formación de especialistas en xestión de residuos e desenvolvendo os estudos agronómicos necesarios para avaliar os resultados da intervención. Ademais da comunidade universitaria, o proxecto implica ás comunidades rurais da contorna e ás administracións e entidades agropecuarias da provincia de Mayabeque, co obxectivo de favorecer a transferencia do coñecemento e a replicabilidade das solucións desenvolvidas noutros territorios de Cuba.
Esta semana visitou o campus unha delegación da Universidade Agraria da Habana - Financiado por AECID, conta cun orzamento de medio millón de euros
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de [email protected]
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL