Xabier Pérez Igrexas (1984) foi unha das novidades da Corporación viguesa que se constituíu en xuño do 2019. A súa chegada ao Pleno supuxo o retorno do BNG tras catro anos de travesía no deserto, unha travesía que o voceiro da fronte nacionalista considera que xa é cousa de pasado. Case un ano e medio despois de estrearse como edil do Concello, repasa para Metropolitano.gal as propostas do BNG vigués para impulsar o crecemento da cidade e, sobre todo, para paliar a grave crise que está a ter o impacto do coronavirus.
Un ano e medio de concelleiro, con que te quedas destes meses como representante do BNG no Concello de Vigo?
O máis positivo foi verificar o que xa percibíamos na campaña electoral de que en Vigo hai espazo social para impulsar un proxecto de reformación da cidade. Nós estamos vendo que as nosas iniciativas están tendo acollida a nivel social e que hai un clima que vai permitir ampliar na perspectiva dos anos un espazo social que permita superar este momento de certa inercia ou de certa agonía política na que está a política municipal en Vigo
E algo negativo?
Negativo é a constatación de que, efectivamente, o Goberno municipal interpretou a súa maioría absoluta en clave de ditadura romana, nunha especie de cheque en branco permanente. Eu creo que non souberon ler que a mensaxe da cidadanía tamén foi apostar por unha Corporación municipal máis plural, polo tanto nunha Corporación municipal que se pareza máis á cidade, que felizmente é moito máis plural que os resultados das últimas eleccións municipais verificaron e aí se ve esa estratexia raiando entre o infantil e o autoritario por tentar laminar a presenza do BNG, como a parvallada permanente de negar que o BNG teña un concelleiro e determinadas operacións que o único que pretendían era adulterar o resultado electoral pola vía burocrática. Reducir a cidade as 101.000 persoas que votaron a Abel Caballero a facer un Vigo moi pequeno.
O alcalde insiste que o concelleiro do BNG é concelleiro non adscrito por decisión propia...
Non o é. Eu son concelleiro non adscrito por resolución da Alcaldía. O concelleiro do BNG o que solicitou foi, como legalmente correspondería, constituír un grupo municipal. Que pretendía Caballero intentando confinar ao BNG no Grupo Mixto que era a intención inicial? O obxectivo era diluír, reducir e invisibilizar ao BNG. A pregunta é por que o alcalde tiña tanto medo. Todo é ridículo. Escoitei ao alcalde dicir que eu estaba pelexado co BNG, unha serie de parvadas, o digo tamén con respeito, pero parvadas porque eu son militante do BNG dende 1999.
Cando pasas por Gran Vía, que pensas?
Creo que nos pasa a todas e todos que cando vemos esa intervención tan incisiva que rompe o sentido estético dun espazo tan singular nos preguntamos ata que punto era necesaria unha actuación deste calibre. Nós dixemos dende un primeiro momento que, efectivamente, podería ser razoábel acometer unha intervención urbana nun búlevar como Gran Vía. De feito a mediana tiña un uso dende o punto de vista social moi limitado e non era nin un espazo de esparcemento nin de convivencia. Pero Caballero emprega as árbores como se fosen farolas ou bancos. Aparte de que son seres vivos, son un elemento fundamental dende un punto de vista ambiental. Tamén digo que se gobernar se reduce a contratar a instalación de rampas e escaleiras mecánicas gobernar é moi doado, porque aquí non hai proxecto, soamente hai orzamento e execución de obra. Non hai nada máis. O que si xera a actuación é moito impacto estético. Eu escoitei de todo. Pero eu non son, a priori, refractario aos cambios e ás transformacións. Me pode gustar máis ou menos a escolla da paleta cromática ou si era necesario unha estrutura tan voluminosa, se a solución arquitectónica para facilitar a mobilidade nese ámbito era esa ou se podería facer outra. Tamén cando escoitas a Caballero dicir que quere conectar mediante cintas mecánicas o centro da cidade dende a Farola de Urzáiz ata Praza América, vai converter Vigo nunha especie de Terminal 4 de Barajas. Nós pensamos que cando un quere facer unha transformación, tes que dialogar e recoller propostas. Isto parece que funciona por ocorrencias.
No caso de que tiveras poder no Concello, que farías co Nadal de Vigo?
É frívolo falar do Nadal como si estiveramos nunhas condicións de maior normalidade da que estamos. Non é que esteamos nun momento de pandemia, senón que estamos enfrontando unha segunda vaga de contaxios. Eu creo que ninguén entende como Abel Caballero pode ter a cabeza do Nadal. Nós levamos dende marzo propoñendo que é necesario pór en marcha un plan de reactivación económica e social. Sen embargo, a preocupación é como encaixamos o Nadal. Raia no frívolo. Nadal houbo sempre. Eu creo que nesto hai unha tendencia adanista de que con el comeza o mundo. Parece que a cidade nace no ano 2007. Eu creo que ninguén, nin os máis entusiastas do Nadal, entenden que se poida gastar entre un 25 e un 30% máis no alumeado e en elementos ornamentais do que nos gastamos en todo o ano no programa municipal de emprego. Hai que reconfigurar esa proposta. É unha cuestión de ponderar. Molesta que non haxa preocupación sobre o tecido cultural ou asociativo da cidade, pero si para inaugurar unha caixa xigante de agasallo ou se o Nadal vai ser televisivo. Demostra que o único proxecto é alimentar de titulares e fotos o ciclo de noticias. Así leva este Goberno municipal os últimos oito anos.
Imos xa coa parte das propostas políticas. Brevemente, en que investiría os remanentes o BNG de Vigo?
- Nós cremos que é unha oportunidade de repensar como se está gastando o diñeiro das viguesas e vigueses. Por certo, hai que dicilo tamén, o pouco diñeiro que se gasta porque 6 de cada 10 euros do capítulo de investimentos dos orzamentos municipais non se executa. En primeiro lugar é unha oportunidade para atender a situación que vén derivada da COVID19, que está golpeando dunha forma moi dura á cidade. Estamos nun contexto de ameaza real de destrución de emprego e polo tanto de incremento da pobreza nunha cidade que xa tiña 60.000 persoas en risco de exclusión social. Haberá que repensar as contas en función deste contexto. Ao BNG o que lle preocupa é que o alcalde non foi capaz, malia ter a maioría absoluta que o permitía, de reorientar as contas do ano 2020 para os adecuar á nova realidade. É necesario estimular unha política de investimento público, que poida ser un elemento tractor de creación de emprego, pero tamén hai que orientar o investimento. Fronte a quen reduce o investimento a cemento, aceras e novas formas de iluminación, nós dicimos que hai que aproveitar o investimento na parte dotacional, e ese investimento debe mellorar a oferta de servizos públicos na cidade. Ampliar de maneira importante a rede de escolas municipais infantís, dotar de servizos como bibliotecas, novas instalacións de carácter socio-cultural ou deportivo... que os novos investimentos non se traduzan só en beneficios para contratistas senón nunha mellor oferta de servizos públicos. E en segundo lugar, hai que consolidar e facer irreversibles os avances que se produciron en materia de política social. Nós recoñecemos a resposta positivo que tivo o Goberno municipal neste ámbito tras a situación que se derivou na pandemia. Agora que xa sabemos que o albergue municipal é insuficiente, non nos esquezamos del no 2021.
Que se debe facer con Vitrasa? Remunicipalizar ou nova concesión?
A prórroga da concesión supón hipotecar e condenar á cidade a cinco anos máis con un modelo de transporte urbano que foi deseñado na altura do ano 1994. Seguen circulando o mesmo número de buses e temos o mesmo persoal condutor que había por aquel entonces. Nós cremos que a aposta ten que ser unha mobilidade sustentábel en termos ecolóxicos, moderna e eficiente. E isto pasa por priorizar e privilexiar dende o punto de vista da ordenación do espazo público o transporte colectivo. Isto esixe un novo mapa de liñas porque o actual non conecta a toda a cidade, pasa por dotar de maiores frecuencias os buses, nesta previsión de pandemia non podemos ter liñas circulares que teñan máis dunha hora e cuarto de tempo de viaxe porque iso é un bus turístico, nese tempo te colocas en Santiago de Compostela en coche. Hai que poñer o transporte urbano á altura dunha cidade de 300.000 habitantes, dunha cidade que ten concepción metropolitana. Este servizo, estratéxico, deberá ser de xestión pública directa. O que é claro é que o actual modelo non atende ás necesidades reais da cidade e a única beneficiaria é a empresa concesionaria.
Asistimos hai uns días ás mobilizacións dos hostaleiros, que medidas adoptaría o BNG para intentar salvar a este sector?
Non é soamente a hostalería, senón que a hostalería é o emblema da situación. En xeral o problema atañe ao tecido comercial da cidade. Nós, á altura do mes de marzo, demandamos unha serie de medidas concretas con un paliativo de urxencia que agora xa necesitaría unha maior dimensión. Pedíamos algo “tan revolucionario” como despregar unha liña de axudas directas de arredor de 2.000 euros para todos os negocios que naquel momento estaban pechados. Tamén pedíamos por aquela época que o Concello impulsase a posta en marcha dunha liña de microcréditos municipais en colaboración con algunha entidade financieira que permitise habilitar créditos para dotar de certa liquidez e solvencia económica. O que era urxente no mes de marzo e hoxe tamén o é, aínda con máis razón, é que hai que convocar a Mesa Local do Comercio. Hai que sentarse para pactar, acordar e dialogar cales son as medidas que se van implementar de incentivo, de estímulo e do consumo no pequeno comercio e de apoio a hostalería ante certas ameazas como pode ser o auxe do comercio electrónico, unha tendencia moi perigosa para o pequeno e mediano comercio da cidade. Fixéronse moitos anuncios nestes meses. Caballero anunciou en abril que se ía pór en marcha unha plataforma de comercialización online ao servizo de sector comercial de Vigo. O alcalde tamén tivo a desfachatez de dicir que ía dedicar un millón e medio de euros ao sector comercial nos orzamentos do 2021 e nese millón e medio de euros computaba unha parte do orzamento da campaña das luces de Nadal. O que demandan os comerciantes non é que se lle poñan luces na porta. O que demandan os comerciantes e os hostaleiros que están nunha situación límite son axudas directas. É certo que isto non é unha competencia directa municipal, pero estamos nun problema de emerxencias e isto é un tema de vontade política, non de competencias. Tampouco é competencia municipal despregar as Becas de Inglés ou intentar subvencionar aeroliñas privadas. E isto é aínda máis fundamental ante a inacción da Xunta de Galicia.
Que opinión tedes coas restricións impostas pola Xunta de Galicia para frear a pandemia?
Consideramos que son medidas insuficientes se non se acompañan doutras. A primeira medida, e da que non quere falar a Xunta do Partido Popular, é que temos que blindar a nosa asistencia sanitaria. Temos a Atención Primaria nunha situación límite, temos ao persoal sanitario desbordado. A primeira decisión sería reforzar o persoal. Poñer máis peso. Non pode ser que os médicos de Atención Primara fagan de falsos rastrexadores. Tampouco pode potenciarse á atención telefónica. Hai que dotar á sanidade galega dos medios necesarios. En segundo lugar hai que despregar medidas concretas para incidir nos gravísimos efectos que está a ter esta crise en efectos socioeconómicos. Hai un incremento importante do desemprego. Iso é moi preocupante. Para solucionar isto ten que haber políticas da Xunta de Galicia. Hai que preguntarse que fixo a Xunta de Galicia dende marzo para blindar e axudar á industria e o tecido comercial de Vigo. O que non sabe o Partido Popular é que a xente necesita traballo para poder comer.
O BNG apoiou no pasado a fusión das caixas galegas. Foi un erro?
A posición do BNG foi nun momento, como cando se desenvolveu o debate das caixas, defender a pervivencia dun instrumento económico semipúblico como eran as caixas de aforro galegas. A nosa postura foi apoiar un proceso que garantizase a continuidade das caixas galegas aínda que fose fusionando Caixanova e mais Caixa Galicia. Eu creo que aquí o importante é preguntase porque o resultado non foi ese. Houbo unha modificación da LORCA, con tres decretos de De Guindos que modificaron as condicións co obxectivo claro de impedir a continuidade das caixas de aforros. Non é unha opinión. Hoxe vemos que nun mapa no que había unha gran cantidade de caixas de aforros, agora apenas quedan. A posición do BNG era defender que Vigo e Galiza continuasen dispoñendo dun instrumento tan importante como eran as caixas de aforro galegas. A xestión do PP tanto na Xunta de Galiza como a xestión no Estado impediu que isto fora así. O problema é que había unha finalidade clara que era privar a Galiza dunha entidade de carácter semipúblico.
Se fora hoxe, Xabier Pérez Igrexas apoiaría hoxe no Pleno a fusión das caixas galegas tendo en conta o que sucedeu despois?
Se fora hoxe eu estou seguro que seguiríamos defendendo a continuidade das caixas de aforros. O problema é que non dependeu só da Lei Galega de Caixas e non acabou dependendo da xestión do PP. O maior problema disto é que nos quedamos sen caixas de aforros. E que as caixas de aforros acabaron constituíndo nunha fonte de depósitos para unha entidade financieira estranxeira cun comportamento como o que está a ter Abanca. Pero no BNG ademais de defender a fusión para garantir a supervivencia das caixas, tamén denunciamos con firmeza, dende o minuto un, o proceso de bancarización das caixas e reclamamos que se investigase ese proceso porque é evidente que houbo opacidades e xestións que merecen reproches de carácter penal. O desenlace para Galiza foi dramático perder as caixas porque poderían ser a base dunha banca pública galega que nos colocaría en mellores condicións como país.
Foi Feijóo o único responsable da desaparición das caixas?
- Non sei se o presidente da Xunta ten a responsabilidade sobre todo o que sucede na súa acción de goberno...
Que se pode mellorar na oferta cultural que deseña o Concello de Vigo?
Pois que haxa política cultural. En Vigo non hai. En Vigo hai algunhas programacións, pero claro presentar como política cultural financiar unha parte das porcentaxes dos cachés do Festival Terraceo do Auditorio Mar de Vigo é política cultural, nós discrepamos. Ademais seguimos vendo como o modelo de xestión do Auditorio Mar de Vigo segue sendo o mesmo que provocou o seu rescate público, de feito segue xestionado pola mesma empresa. Nós pensamos que a política cultural debe ser participada. Defendemos como primeira cuestión crear un Consello Municipal de Cultura. Hai unha visión reducida á estatística porque estou seguro que o que máis lle preocupaba ao Goberno municipal por exemplo no Festival Terraceo non era se iso era unha oportunidade de apuntalar aos nosos creadores nun contexto moi difícil, senón que a obsesión era dicir que polo Terraceo pasaron 14.000 persoas. Vivimos nunha obsesión estatísticas. Nunha cidade que debe haber o agasallo máis grande, a noria máis grande e os concertos máis masivos. E se fai falta dicir que hai 600.000 persoas no Auditorio de Castrelos o dicimos aínda que sexa materialmente imposible. Non hai proxecto cultural porque directamente non se está intervindo coa xente que fai cultura. Temos un Goberno municipal incapaz de dar continuidade a programas culturais que outros fixeron. Aqui se desmantela e se substitúe por grandes actuacións, grandes cifras, unha visión de cultura de masas que no é que sexa populista, é casposa e que non conecta coa visión que debe ter o Concello de Vigo.
O BNG foi a segunda forza nas eleccións galegas. Recuperou 191.894 votos con respecto aos anteriores comicios. En Vigo gañou 22.142 votos. Está reconciliándose o Bloque co electorado vigués?
Hai un proceso paulatino de recuperación de apoio social e o vivimos nas municipais. Recuperar a presenza institucional cando se perde é moi complexo porque á xente non lle gusta tirar un voto. Xa nas Xerais vimos un novo salto e nas Galegas xa dimos outro salto importante, que foi ser a forza política que máis aumenta en apoio social. O BNG subiu en Vigo nas últimas eleccións galegas 17 puntos porcentuais. Isto demostra que cada vez son máis as viguesas e os vigueses que ven no BNG unha forza comprometida coa cidade e cun proxecto de país onde queremos que Vigo xogue un papel fundamental fronte un modelo anémico e acomprexado de cidade amurallada e enfrontada con todos. Queremos un Vigo que exerza de motor de país, que exerza de líder da área metropolitana, que volva ser pulmón industrial, que sexa capital galega da innovación. Eu penso que a travesía polo deserto finalizou co retorno do BNG ao Pleno da Corporación e agora estamos en condicións de convérternos co apoio social nun actor determinante para dar un novo impulso á cidade e para romper esta dinámica de inercia de falta de proxecto de cara a cidade. Eu penso que é importante que o BNG defende o mesmo no Pleno de Vigo, no Parlamento de Galicia e no Congreso dos Deputados. Galicia non ten futuro sen un Vigo de futuro.
Que opinión ten o BNG de Vigo sobre o Centro Comercial Vialia?
O primeiro que cabe preguntarse é se é necesario unha superficie comercial desas dimensións no centro da cidade. O modelo Vialia é un modelo fracasado noutras cidades. Os centros comerciais nunca son un estímulo dende o punto de vista comercial, senón que son sobre todo operacións de grande pelotazo urbanístico. É certo que haberá novas marcas, pero que van competir co tecido comercial da cidade. Dende o punto de vista comercial é unha mala noticia porque o único que vai facer é colocar un foco que centrifuga, que absorbe pero que non constrúe e non contribúe ao desenrolo do tecido comercial.
Perxudica ao pequeno comercio a instalación do Vialia?
A instalación de grandes áreas comerciais sempre está máis que verificado que debilita ao tecido comercial, ademais agora nun momento no que o pequeno e mediano comercio dos nosos barrios e as nosas parroquias está atravesando serias dificultades. E vai ser un problema. Por iso nós defendemos que o que hai que facer coas grandes áreas comerciais é unha moratoria de dez anos. Vigo o que necesita é fortalecer e consolidar a oferta comercial que hoxe existe.
En relación aos orzamentos municipais, que faría o BNG con estes orzamentos?
Son uns orzamentos de continuidade. Nese sentido entendemos que volven a incurrir na inercia dun goberno que non ten proxecto para a cidade e o que fai é reiterar actuacións que xa estaban previstas en orzamentos anteriores. Abel Caballero, malia contar cunha maioría absolutísima, é incapaz de executar os presupostos. Neste contexto derivado dunha pandemia tan brutal nós o que dicimos é que a cidade non se pode permitir unhas Contas que non respondan ao momento. O Goberno municipal aposta para o 2021 por uns orzamentos coma se non pasase nada. Deben definir o proxecto que existe para a cidade e aquí o que queda claro é que non hai proxecto e que non se queren responder ás demandas reais da cidade. Hai que priorizar o investimento dotacional, é dicir do investimento en servizos que alarga a oferta de servizos públicos da cidadanía.
Sorprendeulle ao BNG de Vigo a decisión positiva dende o Goberno de España para aprobar outro recheo na Ría?
Resulta chocante o plácet medioambiental nada menos que a unha nova agresión ambiental sen ningún tipo de xustificación, sen ningún tipo de necesidade como é o proxecto dun novo recheo do pantalán número 2 da dársena de Bouzas, que está á altura do Berbés. Falamos dun recheo de preto de 2.500 metros cadrados, que ademais é un recheo sólido e leva asociado algunhas operacións que conlevan riscos ambientais como é o dragado do fondo. Nos sorprende porque hai un ano levamos unha moción a Pleno impulsada pola Plataforma en Defensa da Ría de Vigo e no pasado mes de xullo a través do noso deputado no Congreso levamos unha iniciativa poñendo o foco nesta cuestión. Para nós hai unha cousa moi importante. Neste momento a superficie portuaria non está sendo utilizada só para usos portuarios. Non hai necesidade real para facer ese novo recheo e porén no se pode xustificar.
Tres propostas para mellorar Vigo en tres anos
A primeira é un novo modelo de bus urbano. Pensamos que é importante para crear as condicións para iniciar o proceso de democratización do espazo público que fixemos coas peonalizacións. En segundo lugar temos unha oportunidade colosal co novo Plan Xeral. O no PXOM ten que ser un documento de consenso, que permita poñer en común un modelo de cidade cunha perspectiva temporal, de poñer luces longas e respostar que tipo de cidade queremos pór en marcha. Ten que resolver o acceso social á vivenda ou apostar por un Vigo verde. Hai unha terceira pata que para nós é fundamental porque permite despregar solucións en moitos outros ámbitos que sería avanzar en termos de participación cidadá. Hai unha maioría absoluta que se converteu nunha especie de ditadura romana plenipotenciaria. Non escoitan a ninguén, soamente a si mesmos. Nós recoñecemos que Abel Caballero ten o apoio de 101.000 viguesas e vigueses, pero a cidade somos 300.000. E hai que facer políticas para atender a toda a cidade.
Un desexo para o vindeiro 2021
O meu desexo é que poidamos chegar con esta crise solucionada. Sabemos que é diíficil, pero ogallá se poña o fin a esta situación que provocou moitas mortes e que xerou unha situación dende o punto de vista social moi complexa. O único desexo que podo ter é poñer frear a pandemia e poidamos garantir a saúde de todas e todos e evitar que está crise sanitaria se convirta nun desastre a nivel social.
Algunos de los elementos de la decoración navideña de Vigo no resistieron las fuertes rachas de viento provocadas de la borrasca Caetano
"Llevamos años reclamando que se inicien las actuaciones Vigo-Lisboa y lo único que Lacen desde el Gobierno es darnos largas", lamentan
Vigo suma un nuevo 'concept store' con moda, diseño, decoración y muchas marcas difíciles de encontrar. Tradición y futuro, su seña de identidad
""Queremos tender a nosa man para que a cidade de Vigo conte cunha programación cultural estable", señalan desde la Diputación de Pontevedra
Trátase de facilitar contactos para practicar habilidades lingüísticas mediante conversas informais. Participaron 120 persoas
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de [email protected]
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL