A chuvia obriga a aprazar o enfrontamento de Entroido entre A Feira e Castro Barreiro en Salceda

Publicidad

A chuvia non pode co Entroido, pero si o condiciona. As malas previsións meteorolóxicas para a tarde deste martes, 13 de febreiro, obrigan a trasladar a programación prevista para esta xornada, última do Entroido de Salceda.

Deste xeito, un dos elementos máis populares, o enfrontamento entre os barrios de A Feira e Castro Barreiro, terá que esperar até o domingo, 18 de febreiro. A organización decidiu apostar sobre seguro e trasladar tanto o desfile de carrozas e comparsas como o enfrontamento no cruceiro de Fontedapedra para o domingo, cando a previsión apunta a ceos totalmente despexados e situación anticiclónica.

O horario será o mesmo que o inicialmente previsto para este martes de Entroido. Así, ás 17:00 horas terá lugar na praza do Concello a presentación das centenarias carrozas e comparsas e arrancará o desfile. Xa ás 19:00 horas será o momento do enfrontamento no cruceiro de Fontedapedra.

Que ten de especial este Entroido?

Todo comezou cando menos no 1888, ano en que un veciño da Feira lle pedía aos seus familiares emigrados no Brasil ideas e diñeiro para afrontar o entroido”, explica a concelleira de Cultura salcedense, Tere Pérez. Esa é a primeira data documentada da celebración dunha tradición única na nosa contorna.

Os dous barrios preparan durante meses esta cita no máis absoluto segredo. Nada pode transcender. Nin a temática das carrozas, nin os disfraces nin tan sequera a música de verbena que soará. Nada que lle permita ao rival adiantarse e mellorar a oferta. A implicación da veciñanza é total e todos colaboran, dun ou outro xeito, en manter vivo este enfrontamento. Nin tan sequera o Franquismo puido con eles. Coa prohibición da ditadura os veciños continuaron coa súa troula, coplas e regueifas chamando a este entroido “festas de primavera” ou mesmo do santo que coincidira coas datas. Imaxinación nunca lles faltou.

Con esta cita finalizará o Entroido de Salceda 2018, nun ano no que o Concello apostou por recuperar os Ranchos de Entruido, os cabaleiros, as damas, os danzantes e os mamarrachos, figuras tradicionais das súas festas.

Salir de la versión móvil