Fíxose esperar, pero non defraudou. O enfrontamento de Entroido entre os barrios de A Feira e Castro Barreiro, en Salceda, encheu de festa rachada, sarcasmo e moita retranca o remate dunha semana de festas. A particular loita entre barrios, prevista para a tarde do martes tivo que ser adiada pola chuvia para este domingo, no que temperaturas mornas e un ceo pouco anubrado permitiron desfrutar do espectáculo.
Este domingo, milleiros de persoas encheron a contorna da Casa do Concello á espera dun evento único na área metropolitana de Vigo. Son xa 130 anos os que ambos barrios levan coa súa particular regueifa. Nin o franquismo nin o tempo puido cunha festa que está marcada a lume no ADN salcedense.
Nesta ocasión, foi o barrio de Castro Barreiro o encargado de abrir o desfile sobre as 17:00 horas. Por fin se descubriu o segredo que durante semanas ocultaron con esmero. Nada se soubo até esta tarde dominical da temática elixida por ningún dos dous barrios. Os de Castro Barreiro seguiron á actualidade coa polémica que xira en torno ás redes sociais e Facebook, Instagram e demais ferramentas dixitais protagonizaron a súa carroza.
“É incrible como un barrio tan pequeno pode chegar a facer un espectáculo tan grande, o mellor carnaval do mundo”, aseguraba o speaker de Castro Barreiro nunha comitiva na que destacaban as cores azuis e moradas e protagonizaban os xigantes de Silicon Valley, que desembarcaron nas rúas de Salceda.
Tras eles, a comitiva da Feira facíase paso. “Mirade, por alá atrás veñen os da feiriña, sempre tarde mal e arrastro”, ironizaban en Castro Barreiro no seu habitual pique. “A forza fai a unión, aquí chegamos os da Feira”, arrancaban dende o outro barrio que ironizaban sobre os méritos dos de “castriño”.
“A mellor serie do mundo para o mellor Carnaval do mundo”, explicaban dende a carroza para dar conta da súa temática elixida, Game of Thrones –Xogo de Tronos–. Así, os da Feira entraron no papel das diferentes casas reais do universo creado por George R. R. Martin, dragón xigante incluído, para deixar os seus adversarios “xeados ou queimados”, o que preferiran.
Este evento único en Galicia non rematou aquí. Pasadas as sete da tarde, toda a comitiva do Entroido iniciu a camiñata cara o cruceiro de Fontedapedra, a parte máis espectacular e trouleira do enfrontamento, para dar comezo a continuación a unha longa noite de festa na que a loita continuou por ver cal era a mellor verbena en cada torreiro de festas.