A Xoubiña arde no mar de Moaña como previa ao fin de festa co Enterro da Sardiña

Publicidad

Unha xoubiña para un entroido da rapazada. Na cita, habitual nas festas de Moaña, milleiros de persoas encheron as rúas rendendo tributo a un peixe que, como cada ano, acabará no mar.

O Enterro da Xoubiña arrancou este ano en torno as 17:30 horas no peirao do Con e finalizou a uns metros do Palco da Música. Alí milleiros de persoas despedíronse do icónico peixe entre fogos de artificio e o lume purificador que sobre as augas prendía con forza para avisarnos. O fin do Entroido achégase.

Dez “coles” participaron nun desfile que permite aos máis cativos ser os protagonistas do seu Entroido. O desfile abriuno a Escola infantil Cocoricó cos nenos e nenas preparados para apagar calquera lume vestidos de bombeiros e bombeiras. Seguírono as escolas de educación infantís de Verducedo e O Con. Os primeiros, listos para calquera labranza destacaban co seu espantallo, namentres que os segundos foran aducidos por uns particulares extraterrestres coa súa nave espacial. Roupas verdes e decenas de ollos que vixiaban ao asistentes.

Os nenos e nenas do CEIP de Tirán viaxaron tamén, pero non polas estrelas senón no tempo, para representar o mundo Celta e castrexo. Pola súa parte, no CEIP Abelendo apostaron pola divulgación cívica cuns súper heroes que nos animaban a reciclar.

Como non podía ser doutro xeito no Morrazo, o mundo do mar estivo tamén presente no seu particular “peque Entroido”. Escolleu esta temática o alumnado do CEIP de Domaio con piratas, medusas e até centolas.

No CEIP A Guía decidiron realizar outro tipo de viaxes, desta vez arredor das culturas do mundo visitando Londres, París ou o vello oeste, namentres que co CEIP Quintela decenas de rapaces estaban listos para calquera emerxencia cos seus disfraces de sanitarios.

No CEIP de Seara a temática elixida para o Enterro da Xoubiña foi especialmente intelectual, con múltiples “Einsteins” percorrendo a Avenida Concepción Arenal. Os décimos e encargados de pechar o desfile foron os nenos e nenas de Reibón con temática musical e tamén hindú.

En definitiva, centos de nenos e nenas, pero tamén de adultos, cun único obxectivo, a troula. Un desfile co gallo do Enterro da Xoubiña que finalizou pouco antes das oito da tarde coas lapas da xoubiña nas augas que bañan a costa moañesa.

Enterro da Sardiña, festa grande para pechar o Entroido de Moaña

O Enterro da Xoubiña sirve como “aperitivo” da gran festa de peche de Entroido que cada ano atrae a miles de persoas de toda a área metropolitana de Vigo á vila do Morrazo. Este domingo, 18 de febreiro, a festa máis pagá de cantas hai finalizará co Enterro da Sardiña.

A procesión funeraria, que non de tristura, comezará ás 17:00 horas en Ramón Cabanillas e irá até Concepción Arenal, onde finalizará cun espectáculo pirotécnico.

Salir de la versión móvil